off
Economía, Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 8 Agosto, 2014 at 11:42 a.m.

Debedocracia: da economía á econosúa

by

Ollaparo-a-cambios de estadoO goberno popular non cesa de facer populismo ainda que públicamente llo cargue aos outros que considera adversarios. O executivo do PP lánzase de tellado ofrecendo unha especie de recuperación económica que, afirman, marca tendencia. Para Mariano Rajoy e os seus os derradeiros datos nas cifras de emprego son un claro síntoma de que o pior da crise xa pasou. Os “rebentos verdes” do zapaterismo rampante. Lémbranse? Chaman deste xeito ao aumentos de contratos lixo en período estival, nomeadamente concentrados no sector servizos. No entatno, esas mesmas estatísticas amosan a fondo o descendo de actividade en áreas estratéxicas (industria, agricultura, investigación, etc.), as que realmente crean riqueza, e non só a redistribúen asimetricamente dos pobres aos ricos. Xeometría económica variable, por non falarmos da EPA-Trampa que descoñece os novos exiliados económicos, os centenares de millleiros de rapaces, universitarios a maioría, que teñen emigrado ao extranxeiro por collós . Ou que os desempregados non contabilizados por estaren inscritos en paifocos cursos de formación (vítimas propiciatorias de sindicatos desaprensivos) deixaron de pasar pola oficina de emprego. Aliás, o feito substantivo do descenso da poboación activa. Xa se sabe: grandes mentiras, pequenas mentiras e estatísticas.

Porén, o que con certeza sinalan estes datos oficiais é que se consumou a nova estructura laboral regresiva, a transferencia de renda do traballo ao capital, que impuxo a crise provocada dende arriba a costa dos de abaixo. Pasamos (na primeira quenda do goberno socialista, consensuada con CCOO e UGT, e coa oposición das dúas centrais na etapa pepeira) dun modelo laboral baseado no contrato fixo a outro de traballo mendicante e a conta-gotas . Asín, o mandado constitucional do dereito a un traballo digno fica en fume, coma o seu equivalente a unha vivenda axeitada. Daí que falarmos de mellora económica só poida deberse á moi grande ignorancia dos nosos gobernantes ou, o que se callar é mais probabel, a súa recoñecida habelencia para esquilmar as clases activas (traballadores, pensionistas e modestos aforradores) en beneficio dos de sempre, a “clase parasitaria”, que dicían os fisiócratas. Mais un exemplo do espirito canibal que anima no seo da pirámide social. Ao cabo, case o 90% da recadación fiscal procede do IRPF, mentres que aos da Marca España a declaración sáelles a devolver. Os que son menos e insolidarios dominan e explotan aos que son máis e contribuíntes netos. Cona inestimabel axuda do Goberno e o seu fidel escudeiro o Estado aparato.

Aínda que non todo está no pote. Ao mesmo tempo que exportamos cerebros, investigación, futuro e abandonamos ao ermo, todo o que conleva valor engadido, condenámonos a ser un país de servizos, dependendo en todo momento de que os extranxeiros que o poidan permitir escollan o estado español como principal destino lúdico-turístico. Modelo Magaluf incluido. É dicer, ficaremos literalmente ao chou das súas economías domésticas. Se lles vai ben, nós alentaremos; cando apañen un resfriado, haberá que pendurar o cartaz “pechado por defunción”. Non é brincadeira. O que resulta un chiste é que entre tanto grande empresario, eméritos economistas e excelentísimos financeiros, o único que realmente funciona, o que sigue creando ao seu modo riqueza e traballo de aquela maneira, é o factor produtivo increado: o noso clima, o sol, as praias e todo o riquísimo ecosistema natural. O legado medioambiental, conservado de xeración após xeración, é o que mantén a economía da España so século XXI. E nada, pola contra, que sexa froito da entrega, risco, investimentos ou xenialidade dos grandes magnates e homes de negocios. Pola contra, eles fan todo o posibel por saquear este filón, barbarizándoo cos seus complexos urbanísticos e a tolemia desarrollista. Por iso somos campións mundiais de quilómetros de AVE, autoestradas de alta velocidade e aeroportos sen actividade.

A economía (de “oikos” na Grecia clásica) identificaba nas orixes o termo o “goberno da casa”, como a política (de “polis”) do “goberno da cidade”. Dúas formas complementarias de organización social participativa e solidaria. Despois, na era industrial, co fenómeno da produción a escala e a entrada na sociedade de masas, o concepto tornouse complexo. En grande parte por descansar a actividade industrial sobre a propiedade privada dos medios de produción. Ainda así, era convención falar de economía cando se cumpría o requisito de “empregar recursos escasos susceptibeis de usos alternativos para satisfacer as necesidades humanas”. Hogano iso todo é ciencia-ficción. Esquilmanse os recursos escasos; á hora de optar por usos alternativos prefirese fabricar canón a manteiga (por usar o famoso paradigma) e as necesidades fican ao arbitrio e capricho dos intereses duns poucos. Desta maneira, por mor dos fabricantes de consensos (capitalistas, gobernos, medios de comunicación, igrexas, etc.), as necesidades reais, mas non rendibles en cartos, ignóranse en favor dunha auténtica orxía de banalidades con data de caducidade (a famosa obsolescencia programada). O resultado é o mundo do 20 por 80, onde o 20 por cen da poboación mundial controla o 80 da riqueza, en tanto o maioritario 80 por cen apenas gorenta do 20 por cen residual.

O molde da crise, coa súa “revolución conservadora” trunfante e o cambio ab divinis do modelo produtivo para lexitimar a maior transferencia de renda de abaixo-acima que nunca ten coñecido o capitalismo, non somente para facer-nos mais pobres. Posiblemente tamén moito máis insensibles. O peor non é que con esa “modernización da economía” que cacarexan ao son políticos, empresarios e xornalistas está a institucionalizar unha sociedade de dúas velocidades (o atraco deste modelo produtivo significa unha cruel diminución da renda para traballadores e pensionistas e por tanto un consumo de todo a cen: mala alimentación, mala sanidade, mala educación, fatal vida). O  grave radica en que ese exército de traballadores de reserva sen atributos torna o acceso ao emprego unha eterna guerra civil no reino da debedocracia.

Xa que a función crea o órgano, o balance político da economía mudou o produto para mudar a orde dos factores. Vista a curto prazo a economía, o  ADN do sistema de produción para manter a renovación de bens (a “destrución creativa” de Schumpeter) , ten a súa contrapartida política nun ciclo de goberno similar. Eleccións cada 4 ou 5 anos só permiten regular e desregular segundo as necesidades do mercado e non atender ás necesidades estruturais da sociedade. Que coa financeirización da economía alcanzou o clímax de finxir que a xente aceptan con resignación que, de agora en diante, cada xeración que vén vai vivir peor que os seus pais.

Este ambiente nunha economía de opulencia e desperdicio, ademais de aumentar a desigualdade social,  supón unha mutación histórica que ataca os principios mínimos civilizatórios. Felizmente revelado o misterio da Esfinxe, na sensibilización do problema pode ser o medio da súa solución. Xa sabemos a onde  leva a “econosúa” cebada egoísmo obstinado no curto prazo e ao onanismo consumidor. Virarlle as costas e afastarse desas prácticas de cortar e pegar, e mover-se e avanzar polo vieiro da democracia auto-xestionada (mandar obedecendo) e do apoio mutuo (como a doazón, receber dando), supón acordar a esperanza de que ainda levamos un mundo novo nos nosos corazóns  latexando a cada intre.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off