José Luís Vergara, exalcalde socialista de Cedeira ven de afirmar que interporá accións legais se non cesan os atrancos que lle está a poñer a administración local do PP ao non permitirlle consultar devagariño os expedientes para os que solicitou permiso. Ao parecer, un destes expedientes contén a resolución coa orde de demolición da Axencia de Protección da da Legalidade Urbanística (APLU) sobre unha obra do tenente alcalde, Alfredo Vilela.
Se resulta inaceptabel que a oposición non poida acceder á información que precisa para realizar a súa función de control, non é menos inaceptabel que os cidadáns teñamos que padecer o desleixo e opacidade da administración, que só atopemos atrancos cando intentamos informarnos da actividade que realizan os diferentes grupos con representación, goberno e oposición, ou das intervencións inmobilidarias que se realizan no territorio.
Láiase Vergara : “No municipio hai unha sensación de que o grupo de goberno é imune a todo, por iso imos pedir tamén a dimisión do tenente alcalde se é certo o ditame da axencia “.
A sensación de impotencia que hoxe invade a Vergara non é cousa menor, nen de hai dous dias, nen algo que o exalcalde atallara durante o seu mandado. Moitos veciños de a pé sábeno ben, esa vai ser a percepción porque cando a cultura do galpón callou entre todos nós, a deriva urbanística xa era un infeliz feito que amosaba o proceso de inculturación ao que estamos submetidos e ao que non sabemos pór tañeiras. Os esperanzadores 500 metros do bipartito xa teñen compradores á espera do asalto final.
Cedeira leva décadas de aplicación do “ti vai facendo” sen que a administración se interpuxera entre promotores e veciños coa fin de rematar coa arbitrariedade e o abuso malia coñecernos a desfeita producida na costa mediterránea e en puntos críticos do litoral galego (de Barreiros a Sanxenxo). Se ben durante o goberno de Vergara se visibilizou un maior legalismo (entrada no APLU), tamén é certo que os proxectos que se tiraron adiante tiveron grande impacto na contorna sen que a administración amosara intención nengunha de velar pola calidade de vida dos veciños e das súas propiedades. Doutro xeito, non se percebiu unha orientación política definida en materia de planificación e xestión urbanística, nen con Vergara nen na opinión pública, na que segue a prevalecer perante o “ti vai facendo” o “sálvese quen poida.” Algún deles tendo tamén como protagonista ao hoxe tenente alcalde Alfredo Vilela (Conflito de intereses e urbanismo. A propósito dun caso), entre outros.
A percepción de impunidade conta moito porque en base a ela se forma a conciencia de que calquera pode facer o que lle pete. Afixémonos a ver aparecer edificios en chan urbano dunha volumetría que necesariamente ten que perxudicar ás construccións xa existentes onde vive xente (movimento de terras, invasión de propiedade, eivas e desperfectos nas colindantes, etc) , sen que a administración vele polo cumprimento das mínimas medidas de protección con presenza activa da policia municipal ou interpoñendo denuncias e multas coercitivas (APLU) a tempo de atallar a desfeita – e non como simples medida paliativa a posteriori. Velaí o caldo de cultivo da percepción de que non hai conexión entre a planificación e a xestión urbanística e os dereitos fundamentais e sociais. E esa percepción o exalcade Vergara non quixo ou non foi quen de mudala.
Se ben as construccións ilegais que ocupan solo rústico non urbanizabel de tipo menor, como galpóns, alboios e muros, xa fan parte do imaxinario colectivo nunca tal se vira na Galicia rural que sabía onde, cómo e para qué construir. Lémbranse que viña dicir a Lei 6/1998 ? Pois que todo o que non sexa directamente protexido é potencialmente edificabel.
Todo forma parte dun mesmo proceso político no que a falla de alternativas económicas facilitou a apropiación privada das rendas urbanas xeradas coa construcción, que o urbanismo non fose incluído até o momento nas axendas políticas e públicas dos partidos e a escasa ou nula participación plural dos actores sociais (asociacións de veciños e non só constructores e particulares) nas decisións tal e como propuxo o seu día o Grupo Interdisciplinario de Urbanismo e Cidadanía da EGAP, que Vergara debería coñecer cando gobernou e que non alentou nen propiciou.
Láiase con razón, mais a súa política foi difusa, habendo casos onde a percepción foi de total abandono diante dos constructores eliminando así a concepción da vivenda como dereito social diante do “inmobiliarismo” descontrolado, a inxente enxurrada de oferta de vivenda libre fronte o descenso de vivenda protexida. A opacidade fai parte substancial do modus operandi, do pacto tácito de tolerancia entre o goberno local, promotores e moitos propietarios. Todo elo fai parte da mesmiña concepción respeito ao dereito á vivenda e a mesmiña falta dun modelo de sustentación e orientación da actividade agraria (ou de alternativas económicas fronte a capitalización non regulada das propiedades rurais e urbanas) que se mostra no permanente desleixo da Xunta do PP malia ter competencias en materia de planificación. O primeiro que fixo Feijoó foi desmantelar o Banco de Terras.
Resultado, rexidores que descoñecen o que é a xestión urbanística e a opacidade como práctica clientelar que soergue o feito de que a actividade contructiva se faga por licenza directa no canto de facelo en conformidade co plan xeral de ordenación urbana.
Totalmente de acordo. Nos tempos que estamos sofrimos un retroceso de dereitos, e a vivenda e un.
Respecto a reorientar a economia estamos ante dous partidos de corte neoliberal. Evidentemente isto deixa indefenso ao cidadan normal. Agora estoupo a burbulla inmobiliaria e a verdade e non lle vexo ideas ao PPSOE.
Gústame moito este traballo, amosa que tanto este goberno como o anterior deixaron de cumprir coas súas obrigas no tema urbanístico,e que ó permitilo,benefician a unhes veciños e perxudican a outros.
De todas maneiras apoiamos de cheo ó exalcalde Jose Luís Vergara na súa investigación do chamado “Caso Baturro”, por ser a “chanchullada” máis descarada que houbo ata o día de hoxe na nosa Vila.