off
Cinema — 7 Decembro, 2019 at 5:47 p.m.

Longa noite:o esquecimento do franquismo fai parte do franquismo

by

Após Arraianos, Enciso continua afondando na tradición cultivada principalmente no cinema portugués ou na filmografía da parella Straub-Huillet, Green,Pasolini ou Kaurismäki que concede un lugar fulcral á palabra, sen debruzar no academicismo de certas adaptacións literarias nen renunciar á emoción que fornece un fio conductor alicerzado na voz  de persoas do común mas ensarillado a través de cartas e escritos de exiliados e ausentes. Voces de presos republicanos, textos esquecidos que deitan luz desde a ditadura ao noso presente, debruzando entre as palabras de vencedores e vencidos que o filme corporiza nun lusco fusco de luz e de son ao servizo dunha ética das  imaxes. Procura esencial onde as  palabras e as cousas achan a sua xuntura e verdade.

 

Noite longa, racha coa abafante inercia instalada no cinema español para achegarse á posguerra e ao franquismo a través do drama histórico ou o documentario mainstream.

O cineasta galego leva a cabo unha obra de recuperación de literatura da época para desempoar varios textos, desde o exilio interior e exterior de Luís Seoane a Ramón de Valenzuela, de Max Aub a José María Aroca até debruzar nas derradeiras cartas dos condenados a morte, que reencarnan asin nas voces de diferentes personaxes-máscaras ao xeito de Robert Bresson.

De brazo dado de Anxo (Misha Bies Golas), republicano exiliado que volta á súa terra, viaxamos pola unha Galiza fascista, medoña, resignada e ,no entanto, resistente. Fala co comerciante obrigado a emigrar, escoita a unha muller o retrouso «que máis dá que mande un ou outro» e a un home que se xustifica diante dunha mendiga: «se non o fago eu outro o fará».

O treito final é mesmo asolador. Coa axuda do mestre da fotografía que é Mauro Herce, a metraxe avanza, acadando unha dimensión cada vez máis abstracta, entre a pintura crepuscular e a noite eterna. Así, a narración dunha republicana que explica como a levaron a disparar ou o testemuño da viúva que xa non quere saber máis sobre guerras resoa máis alá do seu tempo ecoando sob a cuberta dos nosos cranios. A historia non se repite, mas adoita rimar e Longa noite fai un caso convincente de que o presente adoita facer eco do pasado fascista.

 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off