off
Politica internacional — 22 Agosto, 2014 at 11:23 a.m.

Ninguén fala con ninguén.Gaza, a matanza continua

by
Apolo de Gaza. Ministerio palestino de Turismo e Antigüidades en Gaza
Apolo de Gaza. Ministerio palestino de Turismo e Antigüidades en Gaza

Afirmábao hai uns dias  Oliver Miles en The Guardian. Mentras Israel quere a desmilitarización de Gaza, Hamas quere que remate o bloqueo. O obxectivo israeliano non é realista cando hai tanta asimetría de sufrimento. Tampouco hai mediador eficaz. Norteamericanos e exipcios consideran Hamas como terroristas, colaborando con Israel na imposición do bloqueo. É o terceiro conflito bélico en seis anos. Milleiros de palestinos mortos e feridos, porén os titulares do verán son para Iraq e Siria. Amnistía Internacional vén de advertir que en  Gaza, ningún lugar é seguro. Nin ambulancias nin hospitais.

Dende a Guerra do Golfo as guerras  fanse con dispositivos de información altamente sofisticados, con aparellos móbiles, cámaras e telefonos intelixentes que poñen o horror na faciana. Teñen contacto os cidadáns  israelís cos palestinos en Cisxordania ou  Gaza? Matar comandantes de Hamas e as súas esposas e fillos, lévao o demo polos camiños  do  odio e  da xenreira. Tamén non consola sabermos que a paz e a política son epifenómenos da guerra ( un billón de euros é o que costa cada ano  manter as forzas armadas dos diferentes gobernos do mundo).

The Guardian vén de informar que os danos económicos causados pola guerra é tres veces maior que o conflito de 2008-9. A maior fábrica de Gaza, al Awda en Deir al-Balah, que fai bolachas, zumes e sorbetes, foi destruída após  días de ataques aéreos e bombardeos. Imposibel predicir compromiso para unha paz duradeira. 360 fábricas foron demolidas ou seriamente danadas e miles de hectáreas de terras agrícolas destruídas polos tanques, bombardeos e ataques aéreos. Na facenda da familia Nadi en Beit Hanoun, case a metade do stock de 370 vacas leiteiras morreron en bombardeos. Cando  comezou a invasión terrestre israelí a familia Nadi, que cultiva a zona hai 15 anos, fuxiu para refuxios das  Nacións Unidas en Jabaliya  “Cando volvemos, había vacas mortas en todas as partes. Non podía chegar a elas por mor do cheiro.As súas carcasas en descomposición ficaban estradas no chan no medio de  cartuchos de bala dos  M16. A produción de leite  caerá debido ao trauma dos animais”

Dende 2012, ano no que Palestina foi recoñecida pola ONU como Estado observador as cousas teñen mudado, mas non lle vai ser doado sentar a Israel no banco dos acusados no  Tribunal Penal Internacional debido á oposición estadounidense e ao incerto apoio dos outros  membros do Consello de Seguridade. As comparanzas da ocupación israelí co apartheid  implicarán que a acción internacional poida reaxir contra Israel, como se fixo en Sudáfrica?

En Israel, a alternativa da paz foi marxinada e a maioría apoia o uso da forza por parte do actual goberno. Mas a forza non vai resolver o problema. Israel e Palestina precisan da rebeldia dos seus cidadáns para reaxir polas condicións de inxustiza e sufrimento incomprensibeis impostas polos seus estados. Sería ben acaído recuperarmos o pensamento de Martin Buber ou de Tony Judt, apaixonados sionistas cando novos que evoluiron cara unha solución do conflito de tipo binacional, un posibel estado único con duplicidade de administracións onde xudeos e árabes poideran escoller a súa soberanía abrazando o cosmopolitismo secular. Outra opción sería a variante cantonal á suiza. Mais unha opción sería a confederal, onde representantes xudeos e palestinos constituirian un goberno conxunto ou colexiado. O fracaso da constitución de dous estados  e a asimetría militar existente non é o único elemento cara a posibilidade dun estado único e duas soberanías. As mudanzas demográficas pode levar a que Cisxordania( natalidade do 2,83 e maior acceso das mulleres a estudos universitarios)  acabe absorvida cousa que levaría invariablemente a reformas constitucionais dentro do estado de Israel para fornecer soberanía á comunidade árabe.

Dicía Camus que “aceptarmos o absurdo de todo o que nos rodea é un primeiro paso, unha experiencia necesaria, que non debe convertirse nun beco sen saída”.  Só a cidadanía emponderada, a política, a diplomacia e  o compromiso poderán achar o vieiro.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off