off
Cedeira, Normalización lingüística, Política — 14 Setembro, 2011 at 9:37 a.m.

Carta ao Alcalde de Cedeira

by

Sr. Alcalde,

En Cedeira é máis doado vivir en castelán que en galego.  Con certeza que se se escoita  e se acredita o que din e escriben nas Españas, os que defendemos o noso idioma en todos os ámbitos como corresponde a cidadáns libres  que fan valer os seus dereitos  lingüísticos no seu país (no idioma de seu, claro é, como  calquera outra nación o seu),  somos uns fascistas que queremos impor o galego e obrigamos aos nenos e nenas na escola a falar baixo ameazas.  Segundo esa cándida e infalíbel mentalidade o castelán non é imposición nengunha porque caeu do ceo e quen defende o uso do galego en todos os eidos da vida é un hoolingan e faino só para amolar. Concordará comigo que até o de agora a única língua proibida durante séculos foi esta na que lle escribo.

Hai tempo que non vivo no país, ainda que veño a miúdo. O meu fillo de sete anos que fala tres idiomas e vai camiño do cuarto (aprendidos na casa e na escola pública catalana baixo o modelo de inmersión lingüística que non é outro que o mellor modelo de convivencia educativa do estado español)  non é quen de atopar pícaros na Praxa Roxa ou na praia cos que falar …en galego.  Mesmo cando vai á biblioteca ou participa nas actividades estivais institucionais non hai persoal quen de contestarlle no idioma do seu pai e da súa nai, dos seus avós e  avoas, de Balbino e do Xabarín.  Unha mostra da pobre competencia lingüística e moi escasa empatía dalguns traballadores públicos co seus usuarios. O meniño galegofalante estase a atopar decote cos mesmos  e pouco agradables problemas que xa tiveron os seus pais. Hai alguén que ainda poida dubidar do valor das políticas públicas de promoción e uso do galego?

Veño de facer unha instancia xenérica no Concello facendo uso do modelo en galego (LEI 5/1988, de 21 de xuño, de  Uso do Galego como Língua Oficial polas Entidades Locais. (D.O.G.:30/6/88) , expresándome eu mesmo na língua veicular de meu cando moro en Cedeira, que é,  para que non o deducira xa, o galego.  No entanto, a resposta que recibin por escrito vai ser única e exclusivamente en castelán a pesar do dereito que me asiste no intercambio comunicativo.  Seica non houbo ninguén que enxergara que expresándose o cidadán en galego, cecais seria convinte respostarlle na mesma língua que, madia leva !,  é a língua oficial da administración. Que a administración non pode abandonar ao cidadán na resistència  activa contra o incesante asimilismo lingüístico é unha vella arela positivizada por primeira vez na nosa historia na Lei de normalización lingüstica e en particular na Lei  5/1988. Iso quere dicir que é a própria administración o maior valedor que asiste ao cidadán na defensa dos dereitos lingüísticos e non aquela que deturpando a lei  se apodera dela.   A língua é un  dos piares para garantir a cohesión e uns do medios para non discriminar a  ninguén á hora de atopar un lugar no tecido social de Cedeira e de Galicia.

Sr.Alcalde, diríxome a vostede para reclamarlle unha mudanza urxente da súa política cultural e lingüística. Logo de 30 anos no poder, non pode romper consensos sociais traballados  durante anos nesas áreas en Cedeira e  en toda Galicia para enfrontarse,  como  fixo nos anos oitenta e noventa cos mozos que facian o Olláparo, e comportarse como se non lle preocupara  o futuro do noso idioma e da nosa cultura. Agora que volve a recuncar, compre un cambio de políticas que debe comezar pola estimulación positiva  cara o galego dos responsables das concellarías. Con actitudes abertamente discriminatorias verbo do idioma galego a administración desacredítase a si mesma porque é incapaz de aplicar a lei e xustificar asín o seu mandado que é solucionar problemas e non  crealos, contribuir a facer unha vila para todos/as.

Xa que ve son optimista e non perdo a esperanza de que vostede comece a escoitar a quen se sinte discriminado e non fomente  a mesma política de crispación e división,  o cal non será bo para ninguén.

Cos millores cumprimentos,

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off