off
Ciencia, Galiza, Mar e Pesca — 31 Maio, 2013 at 6:20 p.m.

Podemos pescar sardiña todo o ano? O longo e difícil camiño para o estudo do noso mar [1]

by

O director do Álbum da Ciencia ( Consello da Cultura Galega) e académico correspondente da Real Academia Galega, o biólogo e historiador da ciencia Xosé A.Fraga (A Coruña) achéganos unha aproximación á bioloxía da sardiña debullando os aspectos históricos, antropolóxicos e científicos dunha pesquería enraizada social e económicamente na vida de Galiza, portanto necesitada de comprensión científica que garanta a súa preservación e sustentabilidade.

Sardiñas prensadas no peirao de A Coruña no s. XIX

Na parte final do século XIX a xente do mar na Galiza viuse implicada nun intenso debate arredor da bioloxía da sardiña. A polémica xiraba sobre dúas posicións. Unha defendía que este peixe está de paso polas nosas costas, ou sexa, que é unha especie emigrante, e outra que vivía nelas todo o ano, polo que é sedentaria.O enfrontamento tiña importantes consecuencias económicas e sociais. Se fose especie de paso, entendíase que compría explotar o recurso ao máximo, non tería sido comprometida a existencia desta pesquería. Pola contra, se a especie era sedentaria, era de supor que un esforzo de pesca excesivo e indiscriminado podería afectar á súa reprodución, sendo preciso delimitar unha veda.

Si, o tema non era menor. A explotación dos recursos mariños, particularmente pesqueiros, era un elemento básico da economia e vida social na Galiza, nomeadamente o salgado e a conserva da sardiña. Así, a pesca da sardiña en 1877 supuña que en 50.000 famílias galegas vivian, de xeito contínuo, da industria do salgado deste peixe e 600 fábricas traballaban con esa matéria-prima.  E no ano 1881, nas rías galegas realizábase o 63,20% do total da pesca da sardiña do Estado español.

A explotación desta grande riqueza non estaba exenta de conflitos. Ao da bioloxía da sardiña debemos engadir outros como os relativos ás artes de pesca a utilizar, o estanco do sal, as vedas, etc, temas complexos que nalgúns casos xa viñan do século XVIII. Cuestións contaminadas pola presenza de intereses contrapostos, que habitualmente ficaban agachados por baixo de supostas propostas técnicas.

A observación continúa dos fenómenos naturais, dos momentos e lugares onde pescar, da fartura de peixes, etc, xeraron un valioso patrimonio, un coñecemento prático, que orientaba o labor cotián.

Fronte un dilema biolóxico de tal trascendencia xurden preguntas elementais: quen podería resolver o problema exposto?, onde procurar a solución? Na actualidade teríamos poucas dúbidas, habería que recurrir aos biólogos mariños. Porque o coñecemento científico esixe xente preparada, profesionais que traballan en centros específicos adicados á investigación. Espazos dotados de laboratorios e outros medios para a investigación, nun sistema interesado na transferencia de coñecemento ao ámbito produtivo.

Máis a situación da investigación do mar na Galiza até ben entrado o século XX non permitía abordar unha cuestión tan relevante como a que vimos comentando. Malia o impacto da pesca no país non dispuñamos de persoal especializado no estudo científico do mar e carecíamos de centros de investigación axeitados.

Só contabamos co que se denomina “coñecemento empírico”. O empirismo é o nome que se utiliza para denominar un sistema filosófico, ainda que tamén indica un xeito de coñecemento baseado na prática e na experiencia. Na Galiza mariñeira do pasado non faltaba a sabiduría resultante da experiencia de séculos da xente do mar sobre múltiples temas. A observación continúa dos fenómenos naturais, dos momentos e lugares onde pescar, da fartura de peixes, etc, xeraron un valioso patrimonio, un coñecemento prático, que orientaba o labor cotián.

Porén o empirismo ten límites. A experiencia é un elemento clave para achégarse ao coñecemento pero non abonda para a súa construcción plena. O coñecemento empírico atende, como non podía seren doutro xeito, a unhas realidades aparentes, poucas veces cuantificadas e de difícil contraste. A Ciencia esixe pescudas que identifiquen, e midan, os elementos claves dos fenómenos e a súa interacción. Só así é posible elaborar modelos e teorías que despois de numerosas probas, permitan predecir comportamentos e resultados.

José Cornide Saavedra

No caso da bioloxía da sardiña, comprobamos como o empirismo determinou unha grande heteroxenidade de opinións, que variaban, mesmo, segundo o punto que consideremos do litoral, o que xeraba unha grande confusión, ás veces interesada. No século XVIII o ilustrado José Cornide Saavedra presentou unha síntese das información recollidas (Memoria sobre la pesca de la sardina en las costas de Galicia, 1774). Enxergaba que a sardiña era unha especie de paso, que acudía ás rías polo alimento. No XIX, a “Comisión Central de Pesca” compartía esa posición, polo que defendía a “liberdade de pesca”, mais a confusión seguía, a lexislación da época era  heteróxenea nas distintas zonas do litoral galego.

Fronte á diversidade de opinións, contrasta a posición bastante uniforme dun sector, o dos fomentadores, os propietarios dos buques. Eran decididos partidarios da máxima liberdade de pesca, entendida como posibilidade de pescar que, onde, como e cando quixeran e puideran. Defendían o carácter emigrante da sardiña, o que, obviamente, favorecía os seus intereses económicos. Por outra banda, a Revista de Pesca marítima propuxo unha enquisa entre os leitores sobre o carácter emigrante ou sedentario da sardiña, con respostas de todo tipo.

A sardiña non é sedentaria na Galiza,  as  principais  zonas de posta están situadas en Portugal e no Cantábrico.

Mais a cuestión que permitía e amparaba todo tipo de opinións sobre a bioloxía mariña era a comentada ausencia dun centro de investigación axeitado. Hoxendía poderíamos acudir ás delegacións de Vigo ou A Coruña do Instituto Español de Oceanografía, ou á sede do Instituto de Investigacións Mariñas da cidade olívica, para coñecer do ciclo vital da sardiña. Alí nos terían explicado que non é sedentaria na Galiza, que as principais zonas de posta están situadas en Portugal e no Cantábrico.

E que pasa co razonamento que se facían algúns no século XIX de que se non son sedentarias deberíamos pescalas sen límites? É certo que na Galiza vivimos dos excedentes de produción de sardiña, polo que as fluctuacións tan acusadas nas colleitas galegas están ligadas á variabilidade desa produción. Daquela poderíamos pensar en que non habería problema en pescar todo o posible. Pero non é certo: ese excedente vén básicamente a xantar, voltando outra vez ás zonas de posta. Se pescamos moito nun ano concreto, non teremos excedente para o vindeiro (ou vindeiros) ano(s), polo que a colleita baixaría e sobre todo teríamos menos adultos con capacidade de reproducirse. Se ben non hai unha clara relación entre a cantidade de adultos e a cantidade de parrochas que nacerán é evidente que se as condicións son propicias e se temos maior número de ovos, haberá máis xoubas. E o número de ovos depende  de dous factores: o número de adultos e o tamaño dos mesmos xa que logo, canto máis grande é unha sardiña, máis ovos poñerá. Así que si pescamos sen control, a eito, a medio prazo a povoación será máis nova (non deixamos chegar a vellos aos peixes) e máis pequena en número, o que diminúe o número de ovos e posiblemente o recrutamento.

Como vemos, hoxe a Ciencia danos unha resposta. Mais para chegar a dispoñer de centros de investigación axeitados debimos percorrer na Galiza un longo e difícil camiño. Sobre diversas iniciativas de estudo do mar que pretenderon cubrir o valeiro institucional trataremos en próximas entregas en Olláparo.

One Comment

  1. Moitas grazas por esta e futuras achegas tan didácticas e necesarias. Cando olláparo pide achegas nunca se refire a cartos aínda que o termo semella confundir, senón coñecemento como neste caso, para aprender a superar os nosos erros e mellorar as economías dentro dunha corrección de dereitos e deberes asumíbeis por nós e polo entorno natural que habitamos facendo da investigación e da razón científica un referente para mellorar as nosas vidas. Comprender para respetar e progresar como cidadáns do SXXI

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off