off
Normalización lingüística — 4 Decembro, 2012 at 5:06 p.m.

A contrareforma educativa de Wert convídanos á desobediencia

by

 

O rascuño da reforma educativa o ministro  José Ignacio Wert é unha coitelada a Galiza que vén desgarrar a ferida aberta por Feijoó. Diante desta enxurrada españolista cómpre axir con desobediencia e moito sisiño. Mesmo sendo de dificil aplicación o decreto é de seu un insulto que nos devolve aos preludios do 78.  Dende Olláparo, como parte activada da sociedade galega, poñémonos a disposición da comunidade educativa e da sociedade civil fronte a quenes queren facer do galego unha língua residual na própria terra de xeito tal que a reforma do PP propón que o español e máis a primeira lingua estranxeira sexan troncais, mais non o resto de linguas estatais. Por tanto, achámonos perante a imposición do castelán via ensino privado. Segundo esta contrareforma, as autonomías terán que pagar a matriculación en centros privados que ensinen en castelán cando non haxa oferta docente pública ou concertada  para quenes desexen ser escolarizados na língua oficial do Estado. O primeiro é ler o  texto á espreita xa que a nova agresión ao galego e só un aspecto dunha “reforma educativa” retrógada propia dun Estado que desconfía da súa pluralidade interior. Con xerarquías coma éstas, millor,  fóra. A quen lle pode sorprender que Cataluña encete unha solución diverxente se diante ten unha soberanía, a española, incapaz de compartir nada?

Estamos perante unha mostra máis do tacticismo calculado e con nídia intencionalidade política do PP. Houberon de pasar as eleccións en Euscadi, Galiza e Cataluña para presentaren esta contrareforma educativa, con máis presenza da concertada e da relixión e o ataque máis grande ao galego dende a transición. Iso, e a conxelación das pensións. Deus non xoga aos dados.

A quen lle pode sorprender que Cataluña encete unha solución diverxente se diante ten unha soberanía, a española, incapaz de compartir nada?

Ao noso ver, máis do que indignarse – os galegos xa deberíamos estar moi moi indignados perante as agresións da Xunta de Feijoó-  a sociedade galega debería saber que:

1. O modelo educativo galego teno que fixar o Goberno galego. Temos competencia, non si?
2. A inmersión lingüística, que os galegos non temos a diferencia dos cataláns, está abalada polos sociolingüísticas e pola Unión Europea xa que garante a igualdade de oportunidades e a cohesións social.
3. Quen defenda o  bilingüismo no contexto sociolingüístico actual, terá de defender en consecuencia  a immersión como modelo que funciona noutras sociedades  e que garante o dominio das dúas línguas (por exemplo, Catalunya)
4. Empregar o inglés coma excusa para escachar o modelo non ten base nengunha xa que se ten demostrado que hai escolas que sen cuestionar a inmersión teñen planos de multilingüísmo eficaces.
5. O falaz debate da liberdade dos pais non debería consumir tanta enerxía (nas Baleares mudaron a lei cando viron que o 90% escollian o catalán). Pola contra, en Valencia non se garante a escolarización en valencià a máis de  100.000 familías. Sóavos a algo?
6. Conflictivizar a língua é unha táctica dos gobernos do PP, paralela á enxurrada neoliberal, que está a fender a cohesión social como meio de minorización e de dominio.
7. Entanto Galiza siga a entregar a soberanía a maiorías da dereita española a situación do galego irá de devalo en devalo até a total indefensión da cidadanía e pouco ou nada servirá a autonomía se non a tomamos a serio como meio e ferramenta que sirva á normalización cultural e lingüística, o que non son máis ca as outras facianas da cohesión e da xustiza social.

E como esta contrareforma non a vai asinar o Generalísimo, propomos dende Olláparo desobediencia e insubmisión !

A contrareforma educativa:

-As materias de primaria, secundaria obrigatoria (ESO) e bacharelato agrúpanse en troncales (que suporán polo menos o 50 % de toda a carga horaria), de especialidade e específicas.

– O Goberno determinará os contidos e o horario mínimo das troncais e o horario máximo das específicas.

– As comunidades completarán as troncais e fixarán o seu horario máximo; establecerán os contidos das específicas e de especialidade.

– Os centros completarán os contidos dos tres tipos de materia e configurarán unha oferta formativa propia.

– Lingua castelá e primeira lingua estranxeira considéranse troncais, pero non as linguas autonómicas cooficiais, que serán materia de especialidade, aínda que de estudo obrigatorio.

– Os alumnos elixirán entre relixión confesional (materia específica) e unha alternativa de formación en valores en primaria e ESO. Desaparece Educación para a Cidadanía.

– Os centros someterán a todos alumnos a unha avaliación individualizada ao terminar segundo ou terceiro de primaria. Os docentes poderán tomar medidas ordinarias ou extraordinarias se o resultado é desfavorable. Só se poderá repetir unha vez en toda a etapa.

– Ao final de primaria haberá tamén unha avaliación de todos os alumnos de carácter informativo e orientador.

– Cuarto curso de ESO será de iniciación cara ao bacharelato ou a FP.

– Os alumnos poderán repetir ata dúas veces en ESO. Haberá programas de mellora da aprendizaxe e rendemento desde segundo. Poderase pasar de curso con dous suspensos, que se deberán recuperar, ou tres excepcionalmente.

– Ao final de ESO haberá unha avaliación individualizada pola opción de bacharelato ou FP, que será necesario superar para obter o título. Será sobre as materias troncales e específicas, excepto relixión e a súa alternativa.

– En bacharelato, só se poderá repetir unha vez por curso e excepcionalmente dúas veces un mesmo curso. Pasarase dun curso a outro con ata dous suspensos, dos que os estudantes deberán matricularse novamente.

– O bacharelato terá as modalidades de ciencias, humanidades, ciencias sociais e artes, segundo decidan comunidades e centros.

– Haberá que superar unha avaliación final para obter o título de bacharelato, que versará sobre troncales e específicas. O título facultará para acceder á educación superior, aínda que as universidades poden valorar ademais formación complementaria e probas específicas.

– O Ministerio establecerá para todo o sistema educativo os criterios e características da avaliación de fin de primaria, ESO e bacharelato e establecerá o contido para cada convocatoria.

– Os resultados do rendemento académico publicaranse por centros, aínda que ponderados coas circunstancias económicas, sociais e culturais do alumnado.

– Os ensinos obrigatorios terán un mínimo de 175 días lectivos.

– A FP básica  destínase a alumnos de entre 15 e 17 anos de segundo ou terceiro de ESO con dificultades de progreso. Permitirá adquirir a cualificación profesional mínima e optar ao título de ESO.

– O Goberno regulará as convalidaciones e equivalencias entre FP media e superior e o resto de ensinos.

– A programación dos ensinos gratuítos terá en conta a oferta de centros públicos e privados concertados e “a demanda social”. Os concertos durarán como mínimo seis anos en primaria e catro no resto.

– As administracións poderán concertar financiamento de centros que eduquen separadamente por sexos, sempre que non exista discriminación entre o alumnado.

– Os directores dos centros públicos deberán acreditar cinco anos de docencia e un curso específico de formación. Poderán fixar requisitos e méritos para os postos de funcionarios docentes e de interinos.

– As comunidades poderán “excepcionalmente” incorporar “expertos” (non precisa se serán nativos) como profesores bilingües ou plurilingües coa formación e titulación requirida en cada caso.

A lei Wert introduce o conceito de  “língua materna” como ‘idioma no que se ha de avaliar a competencia comunicativa dos alumnos na primaria, o que ao nos ver amosa pouco siso e grande inconsistencia  xa que hogano na Galiza  línguas maternas hai unha morea.

 

Castelao para insubmisos:

 

“¿Con que dereito se nos obriga a deprendermos a lingua de Castela e non se obriga aos casteláns a deprenderen a nosa?

A dominación de Galiza endexamais será efectiva entrementras fale un idioma diferente do castelán.”

Os ingleses aldraxan aos escoceses; os franceses aos bretóns; os casteláns aos galegos. E todos eses aldraxes non son máis que un recoñecemento tácito do “carácter nacional”

Somos tan galegos hoxe como éramos no século XV, antes de sermos asoballados polos “Reis Católicos”.

Castelao, Sempre en Galiza.

2 Comments

  1. De Educación vese pouco, máis ben o que se ve é un intento de instrumentalizar a Escola para restaurar valores ideolóxicos do nacional-catolicismo de Franco.

  2. O feito de invadir competencias xa abonda para rexeitala, non digamos xa iso de distinguir entre asignaturas de primeira e de segunda. Dado o fracaso do proceso normalizador do galego, o que lles fode aos Wert e compañía é o éxito da inmersión lingüística do català. A mala fé é evidente e resulta lacerante a situación do galego após a agresiva intervención da Xunta de Galicia na anterior lexislatura. Esta contrareforma aviva a conflictividade e escacha a cohesión social, non fai falla ser sociólogo nen xurista para así o interpretar.Van ter que meter a guarda civil nas aulas para facer cumprir unha lei que non ten apoio da sociedade civil, alomenos en Cataluña. Aquí xa é outra cousa. Avanza a privatización, o ensino concertado e a relixión…e o noso conselleiro caladiño. Autonomía? Hai alguén aí?

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off