off
Estado, Opinión, Política — 30 Marzo, 2017 at 07:57

A sentenza que condena a Casandra Vera. Unha continuación a non lavarse as maos…

por Gabriel Beceiro

Quixera voltar sobre a crónica de hai un ano. Nela chamaba a precisar o sentido das palabras  “significarse” e outra series de eufemismos utilizados arredor do memorialismo e das homenaxes, tendo continuación o argumentario nunha segunda crónica publicada o pasado mes de febreiro na que, se o meu razonamento era xusto, a miña demostración correcta e os meus argumentos asisados, entón debería avanzar até o concluir: a confusión entre “memoria histórica” e “memoria colectiva” após anos de seren confundidas significaba algo. Chamaba a precisar o seu sentido xa que o relato oficial vai presupor sob ditado da chamada “lei da memoria histórica” unha “memoria colectiva” que non o era.

Trazouse unha equívoca equivalencia co pasado colectivo – a sentenza con pena de prisión, a segunda en pouco tempo,  á tuiteira Casandra Vera  tornou a pór en evidencia-  cando a chamada “memoria histórica” resultou ser un relato excluinte que, de brazo dado do “legalismo ideolóxico”, contribuiu a manter unha discriminación ontoloxica e, portanto, política e social, en relación ao recoñecemento das vítimas segundo a significación das vítimas. Rendámonos á evidencia, o franquismo esmoreceu baixo a súa forma histórica após do 78 mas continuan a existir plantexamentos indexables, excluidos do cerne da sociedade, nos que prexuizos e sentenzas veñen contornados e xustificados polos perfís ideolóxico, intelectual, idiomático e de xénero malia o relato hexemónico unionista da integridade constitucional e territorial de España e o teimoso apelo a uns valores tan aclamados canto incertos xa que estes nunca se formulan na nudez do aquí e agora, mas en virtude de trascendencias que perpetuan os sometimentos e todo aquilo que non pode ser dito.  Doutro xeito: continúase criminalizando o pensamento  e todo o que fai rir, ofende e provoca. De feito, esiximoslle máis limites ao humor cá outros rexistros expresivos. Esa  insistente negativa a recoñecer os problemas, e a realidade, ao cabo, maniféstase como legalismo ideolóxico, o só “imperio de la ley”, como eles gostan dicir. En España utilizar o Twitter e as redes sociais para escribir humor negro sobre terrorismo, a monarquía ou a unidade de España dá pena de prisión.Mas pode ser punibel o mal gusto a costa da liberdade de expresión, pode ser sacrificada en nome bo gusto e da correción política? Non hai liberdade ilimitada nun estado de dereitoe porén nen o mal gosto nen a estupidez poden seren delitos, e asisar, pensar, debater, polemizar e acordar consciencias tamén non.Ninguén pode ser anulado  nen descartado do debate público por ter unha posicion moralmente disruptiva, inadecuada. A brincadeira significa perder o medo, talvez por iso a castigan.

Coas fosas comúns inzadas de cadáveres sen desenterrar e con xuizos sumarísimos  vixentes pois ainda non foran declarados nulos de pleno dereito, Casandra Vera, moza de 21 anos que ainda non nacera cando o atentado,  é condenada  un ano de cárcere e inhabilitación absoluta de 7 anos  por 13 chíos de humor macabro realizados entre 2013-16 contra Luís Carrero Blanco para os que a própria neta  do militar e político franquista – en 1973 era primeiro ministro do goberno de Franco-  pideu a absolución nunha carta publicada no xornal El País. Unha rapaza  que decidida a chamar a atención e vencida doada inmediatez do chío social  escribe este post “Filme: Tres metros sobre o ceo/ Produción: Filmes ETA/ Director: Aragala [membro da organización terrorista ETA]/Protagonista: Carrero Blanco/Xénero: Viaxe espacial”, ou estoutro, “será que Carrero Blanco tamén voltou para o futuro co seu carro?”.  Chíos desta fasquía foran considerados polo tribunal español como un delito de humillación das vítimas do terrorismo de ETA e punibeis con 7 anos de inhabilitación. Para o tribunal non é lóxico ofrecer unha pena mais leve polo facto de o atentado da ETA – na estrada na que Carrerro Blanco seguia para a misa – ter ocorrido hai mais de corenta anos. “A cicatriz do atentado persiste, mesmo que con menos intensidade, e as vítimas de terrorismo continuan a ser unha realidade incuestionábel que merecen respeito e consideración, independentemente da altura”.  Lembremos que o responsabel daquel atentado non foi xulgado nen condenado, fuxiu de Madrid e publicou despois nun libro making of, sendo perdonado após a lei de amnistía do 1977. Deixádeme  lembrar tamén que o asasinato de Carrero pola ETA foi vivido pola sociedade española con indisimulado gozo e non coa indignada condena que mereceu o cego terrorismo  posterior.

casandra_vera_carrero_blanco

O de Casandra Vera non é o único caso que sofre condenas por opinións expresadas a través das redes sociais. A denúncia dos titeriteiros de Madrid pola súa incorrección política són casos recentes e próximos, mas tamén non podemos esquecer a masacre perpetrada na redacción de Charlie Hebdo por ter perpasado os límites dos fanáticos do islam. O usuario de Twitter Ximi Comix foi condenado por un delito de inxurias a pagar 300 euros, 1000 de indemnización e os custos dos xuizo por ter dito, en referencia á delegada do goberno en Madrid Cristina Cifuentes, “calla puta que no tienes dignidad”; o músico César Strawberry, cantante de Def con Dos, sentenciado en xaneiro a un ano de cárcere; condenas en base ao artigo 578 do Código Penal de 2015 , que tipifica o delito “glorificación do terrorismo”  e protexe as vítimas do “desacredito, desprezo e  humillación”.

Foucault ten mostrado que o castigo era o porvir dos rebeldes e insumisos na sociedades disciplinarias. Porén, o enxamio das redes sociais tamén oferecen  vieiros para baleirar de contido a liberdade para entullala outra vez co único contido mercantil e mimético da lóxica neoliberal. A enxurrada de palabras que as redes sociais desaban dia após dia acaban significando nada. O lixo, lixo é (a dereita e a esquerda) e non serei eu quen tire das piruetas intelectuais para o reciclar. Porén, estas sentenzas descobren e apuntan cara o lugar errado. Amedrontan e atemorizan a parte máis feble e poden acabar criminalizando a liberdade de expresión e de pensamento xa que penalizan ao común, tanto na forma individual como colectiva, pola lexitimación dunha resposta respresiva de quen máis ordena, do establishment e dos gobernos no poder. O recoñecemento dos efectos do poder, os lugares nos que se formula e expresa, obríganos a procurar e interpretar. Velaí Rafael Hernando (PP) deputado emblemático das indignacións tan inmunes como selectivas,  afirmando que a II República provocou “un millón de mortos”,  acusando aos familiares de víctimas do franquismo de moverse por diñeiro. Portanto, se as vítimas de terrorismo continuan a ser unha realidade incuestionábel que merecen respeito e consideración, independentemente da altura, Hernando aparece como síntoma e como modelo ao que se atribue o uso e posesión exclusiva desta violencia social, autorizada e lexitimada. Con certeza, estas afirmacións de Hernando alimentan as súas raices no substrato político do rexime do 78: as elites, os graduados do ICADE de Comillas e da Complutense, das bodas do felipismo e do aznarismo co empresariado, dos ministros, dos escolleitos a esquerda e dereita,  que acabaron por conformar unha oligarquía disociada dos intereses  e vida dos cidadáns, arrogando o poder político en exclusiva. Eís o humus, que se foi alimentando a partires dos anos oitenta, no que se conformou o novo TOP (Tribunal de Orden Público). Quen ainda o viveu na casa diciannos aquilo de “iso non se pode dicir” para nos sinalar os carreiros marcados e as autoestradas mentais. Para algúns, non moitos, sinalaba tamén o que con urxencia había que dicir porque ficaba oculto e invisibel. Porén, a domesticación é implacabel e a secesión dos máis poderosos cada vez máis impúdica. En calquera casro, esta disociación entre pasado e presente ( a nudez do presente é o tempo do capitalismo máis feroz), entre memoria histórica e memoria colectiva, ten entregado ao individuo á só redención persoal, xerando na sociedade unha impresión de que todo pode ser vulnerado, de intemperie, que alimentou a crise actual. Como pode sorprender ainda que a indignación e a desafección desembocaran en mofa e escarnio, mesmo en ira?

A liberdade produce pasmo, inqueda. Que acontece nun Estado cando o rexime franquista após coarenta anos continua impune. Que acontece en España cando o Estado e o poder autonómico emprazado non fixeron  ningunha  xustiza nen reparación con tantas persoas e familias,  de Alexandre Bóveda a Moncho Reboiras,  de José Bernabé a Amada García; cando placas e monumentos dunha ditadura que arrasou liberdades civís e vidas continuan enfeitando prazas e rúas e se condena após corenta anos do atentado contra o presidente dun rexime ditatorial a unha rapaza de 21 anos por dicir que Carrero Blanco  voltou para o futuro co seu carro. E se resulta que atinou co diagnóstico?


Ao mellor tamén che interesa

Rajoy e a memoria histórica

Símbolos e liberdade de expresión

Non lavarse as maos

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
%d bloggers like this: