off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 13 Decembro, 2016 at 10:22 a.m.

Símbolos e liberdade de expresión

by

borbon_fotoqueimadaEscachar símbolos sempre me pareceu un desperdício de enerxía. Podería acrescentar que a máis de cansativo, por instinto ou fasquía cidadanista que permita mantermos unha certa disposición cívica, mas na actual situación do estado español acho que é sobretodo pouco estratéxico para defendermos o dereito a decidir.  A fasquía cívica que acadara o soberanismo catalá non fica cuestionada logo que deputadas das CUP escacharan fotos do Borbón. Porén, non semella táctico. Porque perante a desproporción de levaren detidos a cidadáns a Madrid para que declaren sobre a queima dunha foto do rei de España e dun goberno español informando á fiscalia e á espreita de calquer aceno para continuar a xudicializar a política,  cómpre reaxir de  xeito que permita alargar a base social do soberanismo e  teimar en que se poñan as urnas para que fique claro quen as quere para que se expresen todos os cidadáns e quen as quere para que o sistema político-xudicial de España permaneza ao servizo dunha democracia neo-clánica.

Eís que o paradoxo da soberanía é precisamente o perigo dun soberano esvarando cara a redución da disidencia co apelo permanente á Lei como único horizonte posibel e no que o sistema xurídico ten que incorporar e mesmo anticipar os acontecimentos políticos para lograr así que as relacións legais se tornen a forma dominante dos contactos políticos. Como dixo Hannah Arendt, os dereitos humanos estan ligados ao destino do estado-nación, e cando este devala, a defensa dos dereitos humanos corre a mesma sorte. É por iso que escachar símbolos debería estar amparado pola liberdade de expresión, nomeadamente na democracia emprazada nun estado como o español, onde Núñez Feijoó dicía hai ben pouco  que non se podía negociar coa pistola do separatismo sen por iso ser denunciado na fiscalía ou quen lanzou  intolerables comparanzas entre o soberanismo e a ETA ou entre Cataluña e o ascenso do fascismo na Europa dos anos trinta malia as solemnes invocacións aos dereitos “sagrados e inalienables” que seica recolle a Constitución de xeito abstracto mas na práctica móstranse incapaces de resolver o poblema político e mesmo de se aproximar adecuadamente.  Como se a Constitución emanara de si mesma- que ela é a súa propia lei. Unha totalización restrictiva que non elimina o problema, mas tende a piorar ao negar que o corpo político é unha entidade  en permanente proceso de formación e deformación. Talvez sexa oportuno lembrar con Benjamin que a violencia legal enfraquece a lei, en vez de fortalece-la. E xa se sabe que cando se crea un clima de guerra “nada é inxusto” (Hobbes). A política reducida a conformidade e necesidade, a ser unha fin en si mesma e a  simples medio para algo. Arte da demonización, nula creatividade.

 

One Comment

  1. Se escachar un símbolo estivera amparado pola liberdade de expresión xa non sería un símbolo.
    A CUP reta. Ainda que é certo que non avanza.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off