off
Política — 29 Setembro, 2011 at 12:26 p.m.

Paixón moribunda

by
Mália virmos dunha tradición con pouco peso industrial, os galegos sabemos ben que o traballo  ten un papel fulcral  na nosa percepción como persoas.  Entre nós Rosalía reflectiu moi ben a exclusión e a estigmatización polo traballo. Foi a era industrial a que consolidou a hegeliana realización polo traballo,  esa concepción da persoa a través do traballo como aquilo que da sentido á vida,  nunha época que arelaba a emancipación gradual  dos individuos e que dificilmente albiscaba  os efectos do crescimento sen medida e dos ditados do mercado.  Lembrade a reacción de Paul Lafargue (xenro de karl Marx)  que no seu O dereito á preguiza (Le droit à la paresse) denuncia a paixón moribunda polo traballo, a mesma que exprime as miserias individuais e sociais produto do esgotamento da forza vital do individuo.
A incerteza laboral asulaga hogano a moitas persoas. Un desasosego que vai alén do laboral,  xa é existencial e  vense xuntar á colonización da vida polos mercados canda aquela outra faceta solitaria por definición que é o consumismo  (en feliz expresión de  Zygmunt Bauman, Vida de consumo.Fondo de Cultura, 2007). Unha colonización do mundo da vida que se manifesta no consumismo e tamén no feito de que desde os anos oitenta cada vez se traballen máis horas. O desemprego deixa víctimas polo camiño e a precarización impide a moitas persoas consolidarse nunha profesión e nun traballo asalariado (lembrades canta literatura verteu o combate contra a alienación e miserias do traballo asalariado ?).  A a xeración do baby -boom comezou a notar a dificultade de acabar sendo o que se estudou ou se aprendeu. As xeracións actuais (entre os 20 e 30 anos ) xa non teñen esa “sorte”. Aquela vella superstición emancipatoria vaise desvelando, a precarización laboral  nen enriquece, nen mantén e, moito menos, emancipa. E, ademáis, culpabiliza.
Cómpre dicilo agora que os señores do mercado a estan a resucitar cos estigmas do pasado: a desocupación e o tempo liberado non son situacións de humillación ou de rebaixamento.  Alén da perturbación inducida polos hipócritas ben retribuidos que, aproveitando a confusión xeral,  moralizan e lexislan contra os parados a quen  consideran nugalláns e delincuentes coma no século XIX,  esta pode ser unha oportunidade para a millora persoal e para irmos reducindo do noso vivir as actividades submetidas á racionalidade económica. A dependencia económica e  as axudas públicas  non son deshonra nen apróbrio.
Compre reaxir contra esa enxurrada moral toda ela submetida ao ditado do neoliberalismo económico.

One Comment

  1. A concepción naturalista do traballo (das leis da economía) é unha falacia que arrastrou o vello marxismo até Marcuse. Mesmo co seu poder omnímodo, o capitalismo e os seus adláteres arrepían da nugalla, da preguiza, na ociosidade…de quen dalgunha maneira pon en causa o submentimento a través do soldo e á sustitución la responsabilidade do individuo polos códigos deontolóxicos das empresas.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off