off
Politica espanhola — 23 Novembro, 2013 at 5:53 p.m.

A insustentabel miseria de Rafael Hernando, portavoz adxunto do PP no Congreso

by

Rafael Hernando, portavoz adxunto do PP no Congreso, afirmou en televisión que os familiares das vítimas do franquismo “só lembraron o seu pai cando houbo subvencións”. Botarlle un ollo a esta caste de canles serve para medir o estado globlal de saúde democrática no Estado español, xa que imitan, mimetizan e mesmo xeran a dinámica política actual. E a terxiversación da historia non é o único síntoma dese estado.  Hai unha violencia verbal e un desprezo polos valores democráticos que fan cuestionarse se paga a pena convivir nun estado no que a corrente xenófoba e fascista que está a medrar en Europa non ten no estado español un partido propio máis significativo en termos sociolóxicos que o propio partido do goberno, o PP, que medra a cada declaración de membros do propio goberno. Un estado no que se pode insultar impunemente a todas a víctimas da Guerra Civil que defenderon a democracia.

Non é apenas cinismo, trátase dos efectos diferidos da componenda franquista chamada Transición, que agroman e aparecen na superficie cada vez que sinten cuestionada a posición privilexiada das oligarquías que entrefrebran o Estado.

ABERRACIÓNS. Xógase coas palabras até o límite do éticamente aturabel. Trinta cinco anos despois os cachorros da dereita parapétanse na televisión, onde poden dicir toda caste de aberracións sen miraren os ollos da xente.

Esta especie de vedettes post-franquistas fannos lembrar aquel recorrente exemplo do soldado que dende un bombardeiro, albisca o obxectivo, preme o botón e provoca a morte de centos de persoas que non coñece e volta á base coa conciencia de ter obedecido as ordes e comprido co seu deber sabedor de que entre as aguias goza de total impunidade.

Trinta cinco anos despois os cachorros da dereita parapétanse na televisión, onde poden dicir toda caste de aberracións sen miraren os ollos da xente.

Non hai moito Hernando facía unhas  declaracións nas que xustificaba a fotografías  dos militantes máis novos do PP con bandeiras e simboloxía franquista. Malia seren finalmente expulsados, o único discurso que foi capaz de articular foi instar ao PSOE a facer o mesmo cos seus afiliados cando exiben bandeiras republicanas, un símbolo que achaba tan ofensivo como a simboloxía democrática republicana, acusando a  República de  “causar un millón de mortos“.
[youtube]http://www.youtube.com/watch?v=3juI86lfuSQ#t=0[/youtube]
 No marco actual o único anacrónico vén do lado de quen nos goberna. A simplificación da linguaxe, o baixo perfil dalgúns políticos que precisan aínda xustificárense polo fracaso da educación española, non fai acobillar esperanzas. Cada vez faise máis visibel que o éxito cultural da tradición que reivindican foi a incultura non na sociedade en conxunto, mais no discurso político dunha  parte da dereita que tén como últimos oficiantes a Wert e Hernando. Dereitiños do analfabetismo á televisión.
O estado español continua a alimentarse de esterotipos e lugares comúns da dereita extrema que reflicten a ideoloxía dominante dunha oligarquía que se pensa albacea da realidade e da historia. Queren facernos acreditar con afirmacións miserables  a total impunidade da que gorentan.  O único que demostran é a fonda decadencia do proxecto España.
SAUDADE.No entanto, na Galicia dos afectos medra a o emprobrecimento da Galicia social.  Perdemos autonomía, perdemos soberanía. E ainda hai quen se sorprende do medre do soberanismo en Cataluña e de que algúns ainda soñemos con un outro marco civil para Galicia din,  porque a diferencia daquela, disque esta  é unha nación ou un pobo políticamente pobre. En corenta anos de ditadura franquista  ese pobo impediu que aniquilaran a súa língua e cultura. Négome a a aceptar  o mantra estrictamente ideolóxico dos que sen sequer pretendelo repiten e cultivan os tópicos propios do autoritarismo postdemocrático do PP, para acabaren pedindo unha rexeneración do sistema fillo do franquismo e da transición que tan ben contribuiu a consolidar a esquerda estatal na transición, o que entre outras cousas, non foi máis do que inocular na  democracia formal  as vellas ideas dos golpistas, a blindaxe dos interesos da banca e do capital oligárquico español, os privilexios da igrexa católica e o demonización do dereito de autodeterminación  dos pobos.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off