off
Política — 7 Marzo, 2013 at 8:48 a.m.

Impresións

by
  • Fitamos abraiados como a un fiscal lle costa caro dicir que considera lexítimo que Cataluña exerza o dereito a decidir – foi fulminado por Torres Dulce, fiscal xeral do Estado-  ao tempo que o ministro do Interior fai declaracións discriminatorias e non pasa nada. Por que o fiscal xeral de Cataluña Rodríguez Sol non pode expresar o que pensa e o ministro Jorge Fernández Díaz pode facelo sen ser cesado? Ambos e dous cataláns, quen decide quen ten liberdade de expresión? Comezou a represión en Cataluña?
  • A ofensiva de Rubalcaba contra as primarias carga de razóns ao PSG e o dereito a decidir. Ao cabo, decidir é o dereito que se practica cando hai democracia polo medio. Seica en Madrid teñen que entender que “tamén somos o PSdG, mais tamén somos o Partido Socialista Obreiro Español”, dixo Pachi Vázquez. Quen teme as primarias? Que queren ser de grandes os socialistas galegos? A presión sobre a mudanza necesaria nos procesos internos do PSOE, adiada durante décadas,  acabou por estouparlle nas mans a Rubalcaba, incapaz de engalar o PSOE.  O  PSC votou de xeito diferente no Congreso dos Deputados forzando así a renegociación das relacións. O PSG, incapaz de guindar este tipo de órdagos, cenifica máis unha vez a incapacidade do PSG-PSOSE por desenvolver ideas dentro do galeguismo político e dos procedimentos democráticos que visibilicen o seu alicerzado nun hipotético espazo galego de decisión. Entanto a maioría absoluta do PP, ese compañeiro institucional do PSOE  que disque lle axuda vertebrar a politica de España dende o 1982, sirve para desmantelar servizos públicos, abandonar sectores estratéxicos ou dinamitar industrias fundamentais do país (eólica, culturais,etc) botamos en falla un bocadiño de plante diante  José Blanco e a súa baixa tolerancia á frustración.
  • Xa se albiscaba nalgúns concellos a progresión das forzas reactivas e defensivas. Primeiro  gábanse do superavit e despóis recortan servizos a forza de “aforrar”  en postos de traballo. Baleirando de sentido a función propia dos concellos, a administración máis próxima aos cidadáns, percebemos o prototipo de traballo político neoliberal por excelencia: reducir a política a economía.  Paradoxalmente, unha cidadanía cada vez máis empobrecida e dependente non disporá  de políticas de axuda a domicilio e emerxencia social, de normalización lingüística, de apoio aos colectivos máis precarizados, violencia de xénero, etc. Porén, crearán as condicións para a súa privatización cando lles sexa acaído. Sempre queda a floresta, a oportunidade salvaxe das afinidades selectivas.
  • Noutro lugar reflexionei sobre a dificultade de alicerzar e reactualizar a mensaxe e a praxe dun proxecto nacional de esquerdas atraveso dun proceso, ao meu parecer, demasiado virado a un enfoque top-down, noutras palabras, sobredireccionado verticalmente á planificación electoral e ao ritmo marcado polas forzas estatais, cando ainda non se tiñan validado as probas das unidades funcionais horizontais  – ao xeito da CUP en Cataluña- que permitiran unha predixestión que servira para algo máis que practicar a distinción e afondar os abismos e a dispersión. Para dicilo con palabras de Filipe Díez, “constituír asembleas cidadás de apoio a unha dada forza da esquerda política non parece o mellor camiño. Mais… oxalá!”. Que celebremos a saída da condición pasiva a fin de celebrar a actividade política, o voluntarismo ético e o pensamento  crítico non exime de que, tamén en nome do mesmo apelo en poñer a política ao servizo do individuo, acrecescentemos que o concepto de alternativa é indispensábel, mais non suficiente.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off