off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 18 Xullo, 2021 at 7:25 p.m.

Mudanza de Goberno: perde Podemos (porén, aínda non o sabe)

by

A miúdo en política como na vida as cousas non son o que parecen, mas o  aveso ainda que acazapado no tempo. A última remodelación do Goberno de coalición de esquerdas (un tándem,  con diferente pedalar) presentouse como un rotundo éxito de Unidas Podemos (UP). Desde esta perspectiva valórase que UP mantivese intocabel a súa cota no Executivo e que todos os seus ministros sigan nos mesmos postos. Mención á parte do feito de que Yolanda Díaz ascenda no escalafón até a vicepresidencia segunda, a máis diso reter a carteira de Traballo.
O flanco socialista da cohabitación, pola contra, estaría sometido a unha auténtica purga. Un total de sete ministros substituídos nas súas funcións por designios do altísimo. Entre eles algúns pesos pesados como a vicepresidenta Carmen Calvo; o Rasputín de Moncloa Iván Redondo; e o titular de Transportes e secretario de Organización do PSOE José Luís Ábalos. Contraste susceptible de interpretarse como signo de fortaleza da formación morada fronte ao despezamento sufrido polos abandeirados de Ferraz.
Unha análise a pé de obra enmarcada na necesidade que ten Pedro Sánchez de contemporizar cos seus compañeiros de viaxe, de cuxo apoio sen fisuras depende a estabilidade da lexislatura. Desde esa óptica, as reflexións máis obvias limítanse a xulgar en chave interna o golpe de temón dado polo residente. Por unha banda iría a rotunda ratificación do núcleo duro do equipo económico (Nadia Calviño, María Jesús Montero e José Luís Escrivá) encargado de xestionar o multimillonario memorándum europeo Next Generation. E por outro o notorio incremento da súa cota feminista no Goberno para deslocalizar as políticas de xénero do feudo podemita. Os nomeamentos de novas promesas da administración local e autonómica (como as alcaldesas de Gandía e Puertollano, e a delegada do Goberno en Aragón), polo demais, serían peóns de substitución contra baronías que se mostraron críticas cos indultos do Procés.
Porén, o segredo non está na masa. É certo que o suma e segue dos membros de UP obrigou a Sánchez a realizar unha crise sen reducir o número dos seus ministros para non descadrar a proporcionalidade gobernamental. Con todo, ese sería o custo de oportunidade dun plan de boa veciñanza que leva data de caducidade. Após ter garantidos os orzamentos, pasado este ecuador e coa vista posta nas eleccións de 2023, a renovación actual mostrará o seu verdadeiro potencial confiscador. Facer posible fagocitar nas urnas a un Unidos Podemos inane, presentando ao sanchismo como a patria común de todas as esquerdas.
Esa é o roteiro que se ven de inaugurar co celebrado quieto-parado de UP. En realidade, en fondo e forma o que evidencia é unha mostra de debilidade e indixencia. Porque se hai algún derrapaxe que castigue ao actual Goberno mixto, está no desgaste do grupo que lideraba Pablo Iglesias até a súa espantada. Lonxe de mostrar firmeza e cohesión, o <<non nos moverán>> de Unidas Podemos revela a súa íntima fraxilidade e desconcerto. Ben porque carece de banco para substituír aos ministros máis queimados, ou porque neste momento no seu seo non existe un liderado eficaz para impor unha reestruturación autófaga. Temas como o patinazo do titular de Consumo. Alberto Garzón, coa súa homilía vegana, ou a imputación da xerente e o tesoureiro de Podemos no caso for por conta allea son anomalías destinadas a cebar o precipicio electoral que as sondaxes auguran aos morados.
Nese contexto emerxe a figura prominente da ministra de Traballo, á que o encumbramiento como vicepresidenta segunda converteu no bastión de Unidas Podemos no Goberno. Desta sorte, a futuros será ela quen faga a desfeita ministerial que agora preventivamente se posterga. Aquí e agora sería unha contradición asumir o novo cargo como virtual número tres do Goberno amputando á vez ao colectivo que lidera. O de Yolanda Díaz, que non pertence nin a Podemos nin a Esquerda Unida, e se ao Partido Comunista, non sería o primeiro caso dun político en encarnar as cores dun partido no que non milita. Fíxoo antes o dirixente de Convergència i Unió Miquel Roca co Partido Reformista. Aínda que o gran precursor foi aquel ministro de Franco, o seu paisano galego Pio Cabanillas, que ao ser preguntado polo resultado das eleccións manifestou: <<non sei con quen, mas gañamos>>. Díaz non é Cabanillas nen Roca, mas habela haina. Cando Iglesias dixo adeus a todo isto, faltoulle tempo para despedirlle cun cruel e sentido ditirambo, demostrando que non hai mellor cuña que a da mesma madeira: <<Pablo é capaz de mudar a historia deste país>>.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off