off
Galiza, Movementos sociais, Politica espanhola — 28 Febreiro, 2020 at 8:29 a.m.

CIG, ELA, LAB e CSC realizan unha rodada de reunións con organizacións políticas no Congreso

by
O sindicalismo soberanista comprometeuse a trasladar as propostas das centrais como iniciativas parlamentares. Os sindicatos maioritarios en Galiza, Euskadi e Catalunya, CIG, ELA, LAB e CSC reuníronse onte  no Congreso en Madrid, con representantes das organizacións políticas ERC, JxCAT, PNV, EH Bildu, BNG e CUP. A primeira hora da tarde celebraron unha xuntanza cunha representación do PSOE e, aínda que estaba tamén solicitada con Podemos, non houbo resposta por parte deste partido.
En comunicado, transmitiron a necesidade de impulsar unha axenda social inequívoca que pasa por reverter as reformas de pensións e as reformas laborais, ao tempo que lembraron a necesidade de avanzar nunha axenda democratizadora ampla, derrogando inmediatamente a Lei Mordaza e o artigo 315.3 do Código Penal que criminaliza o movemento social e sindical (a folga). Na mesma dirección, trasladaron que a política debe ter a primacía para resolver os conflitos nacionais que confrontan as nosas nacións co Estado.Os catro sindicatos subliñaron a urxencia de derrogar as reformas laborais para recoñecer o dereito a negociar as condicións de traballo nos seus respectivos países, derrogando as reformas da negociación colectiva que deu ás á estatalización das relacións laborais e que agravou a precariedade e os baixos salarios.

As organizacións sindicais salientaron o seu papel como “dique de contención” contra esas políticas, facendo valer a súa representatividade, como primeiras centrais sindicais, nos respectivos países, en número de delegadas e delegados, en afiliación e en capacidade de mobilización. Un papel que chamaron a xogar tamén ás forzas políticas soberanistas no Congreso.

 

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, destacou as graves consecuencias e o deterioro social avanzado que provocou o paquete de medidas neoliberais aplicadas durante estes anos so pretexto da crise, nomeadamente as reformas laborais de 2010 e de 2012, que “deron nun retroceso social en dereitos e en condicións de vida”. Alén diso, subliñou que os sindicatos das tres nacións sen estado, “compartimos tamén nesta declaración -e así o trasladamos aos grupos parlamentarios- a preocupación pola deriva social, mais tamén a preocupación por como, por parte do españolismo, se manteñen posturas negadoras da realidade plurinacional do Estado” e do dereito de autodeterminación. Posturas que “xunto coa axenda neoliberal están a favorecer un crecemento do fascismo e das políticas ultraespañolistas que é como se manifesta no Estado español, o fascismo e o franquismo de toda a vida”, advertiu.

 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off