off
Cedeira, Galiza, Política, Saúde — 28 Marzo, 2019 at 9:36 a.m.

Cedeira entrega 2300 sinaturas pedindo a creación dun Centro de Día

by

[Pingota Comunicación] O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, recibiu hoxe da man do alcalde e da concelleira de Cultura de Cedeira, Pablo Moreda Gil e María Xosé Rodríguez Pérez, respectivamente, as 2.300 sinaturas coas que a veciñanza demanda a creación dun centro de día na localidade. Os responsables municipais puxeron de manifesto ante o representante da Xunta a boa disposición do executivo local á hora de colaborar na realización deste proxecto, xa que o Concello, alén de ceder un solar situado nas inmediacións da estación de autobuses, tamén estaría disposto a financiar unha parte da construción dun edificio de planta baixa e con capacidade para entre 25 e 30 usuarios, dadas as necesidades reais do municipio e os requisitos que deben cumprir os beneficiarios.
Ao termo da reunión, os representantes do goberno local manifestaron a súa intención de seguir traballando cara á realización dun proxecto que consideran tan necesario como factible, e á espera de que a Xunta estude a viabilidade dunha prestación social que, segundo o xerente do Consorcio, está a funcionar de maneira exemplar nalgúns municipios mentres que en outros non tanto.
Os representantes cedeirenses tamén aproveitaron o encontro con Perfecto Rodríguez para interesarse pola obra de ampliación da escola infantil. O xerente apuntou que a realización do proxecto interesou a un total de catro empresas e que a fase de execución podería dar comezo no mes de agosto. Cabe recordar que a obra saíu a licitación o pasado mes de febreiro e que o goberno local colaborará economicamente na súa realización asumindo a terceira parte do seu importe. O prezo de saída ascende a 141.337 euros.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off