off
Cultura, Livros — 22 Setembro, 2014 at 7:09 a.m.

A voltas co decreto que regula o empréstimo de pago nas bibliotecas

by
Biblioteca_LopezCortón
Biblioteca Pública Lopez Cortón (Cedeira)

O Real Decreto 624/2014  de 18 de xullo, polo que é desenvolvido o dereito á compensación aos autores polos empréstimos feitos das súas obras en determinados establecimentos  accesibles ao público, ten xerado acordos e desacordos e moito rexeitamento por parte dos defensores dos servizos públicos e das asociacións de profesionais preocupadas polas consecuencias que se derivan, en forma de reducción de recursos de todo tipo, nun contexto de progresivo recorte de medios e de profesionais cualificados á frente das bibliotecas.

O que o Real Decreto argumenta

O RD 624/2014 é unha transposición dunha directiva da Unión Europea que obriga a regular o empréstimo de pago aos autores. Na reforma da Lei de Propiedade Intelectual española de 2007 xa se recollía este dereito que estipulaba o pago de 0,2€ aos autores por cada obra dispoñible ao emprésiamo nas bibliotecas e que o Estado fixo efectivo pagando polo total das bibliotecas en 2008 e, a partir do 2009, polas bibliotecas públicas de competencia estatal. Deixa fora desta obriga de pago ás bibliotecas de centros educativos, ás bibliotecas de poboacións con menos de 5.000 habitantes e aquelas destinadas a atender persoas con minusvalías, obrigando a pagar aquelas bibliotecas de de núcelos poboacionais de máis de 5.000 habitantes ( a maioría de concellos). O Real Decreto establece que son as entidades que xestionan os dereitos de autor quen recadarán estas cantidades.

O texto implica o pagamento anual por cada usuario activo e outro por cada obra emprestada.  

  • 0,004€ por préstamo realizado (a comezar a contar no 2016)
  • 0,05€ por usuario inscrito nas bibliotecas (desde xa, polo que se comezará a aplicar no primeiro semestre de 2015)
  •  0,16€ por obra adquirida pola biblioteca e dispoñible ao préstamo mentres non se poida aplicar o pago por empréstimo,

A ANABAD Galicia en contra do canon bibliotecario

Ao mercar un libro xa pagamos dereitos de autor.  A premisa de considerar o servizo que as bibliotecas ofrecen aos cidadáns, permitíndolles exercer o seu dereito de acceso á información xá é polémica se por iso se entende que vai en “prexuízo causado aos autores derivado do uso das súas obras”. Cómpre lembrar que as asociacións profesionais da biblioteconomia no estado español veñen respectando a lexislación vixente na Unión Europea e no contexto internacional. a RD, O Real Decreto non refire que sexa o usuario que teña que pagar directamente por documentos retirados por empréstimo de bibliotecas públicas en cidades de máis de 5.000 habitantes, porén, o canon grava á maioría das administracións públicas. O  pago por empréstimo sen o debido control de obras pode acabar xerando o pago de obras exentas de dereitos de autor xa que non todas as obras en empréstimo xeran dereitos de autoría .

Cómpre lembrar que a decisión europea contra a España de outubro 2006 deu un xiro importante á estabilidade da excepción relativa ao empréstimo bibliotecario, reflectido na lexislación española até agora. Porén, aprobouse a a Lei 10/2007 e houbo unha nova decisión en 2011 que abriron o camiño á lexislación vixente.

As asociacións de bibliotecarios galegos teñen defendido os servizos públicos que ofrece a biblioteca para evitar un impacto desproporcionado desta nova imposición fiscal. O marco xurídico europeo prevé esta taxa para os países da UE, aínda que sexa aplicado de xeito diferente en cada estado. O resultado homologado no estado español merece moitas observacións, así como as excepcións existentes en Europa. O ANABAD Galicia en liña co que veñen defendendo as  organizacións internacionais de biblioteca ( IFLA e EBLIDA) así o entende  a fin de garantir que o acceso á información sexa posibel no futuro. Se ben a taxa para o empréstimo é unha consecuencia do necesario equilibrio entre os dereitos do autor a ser compensado polo seu traballo e os dereitos dos cidadáns á libre acceso á información e á cultura, ambos e dous aspectos  non sempre son comprendidos na perspectiva correcta.

Neste sentido a  ANABAD Galicia defende o dereito dos autores a recibir ingresos por compensación do uso das súas obras como se recolle na Lei de Propiedade Intelectual)mas o dereito dos autores a cobrar polas súas obras non pode ser incompatible coa difusión pública da cultura, non se pode facer recaer o peso da remuneración aos autores sobre as bibliotecas municipais, e os concellos, que prestan os seus servizos de proximidade á cidadanía e que promoven a lectura e a cultura. Segundo o colectivo de bibliotecarios galegos, o Estado debe establecer coas sociedades de xestión de dereitos de autor un pago único anual polos servizos prestados nas bibliotecas que non obrigue a xogar cos números sobre usuarios inscritos, préstamos realizados e adquisicións de obras. O Estado e as comunidades autónomas son as que deben facer efectiva a remuneración aos autores sen que recaia o peso nos Concellos. Así, dende unha perspectiva galega, O ANABAD salienta o paradoxo de que bibliotecas de menor tamaño ou con menores orzamentos poden acabar pagando un canon maior que o seu orzamento para adquisicións de obras.  E que as bibliotecas que prestan máis servizo e dispoñen de máis fondos documentais se vexan impelidas  a prestaren menos servizos, realizar menos compras e menos préstamos para que os concellos propietarios da biblioteca poidan pagar menos cantidade polo canon.

A administración local

Que saben  da aplicación deste Real Decreto quen finalmente terá que facer fronte ao pago , é dicir, as administracións locais? A maioría de asociacións e colexios profesionais certifican o descoñecemento que existe respeito desta normativa nos concellos, sobre o alcance e consecuencias derivadas.  Certo é que moitos concellos xa viñan adicando máis cartos a festiñas, varandiñas e merendeiros do que a promocionar a biblioteca e a lectura con unha boa actualización de fondos documentais e con personal cualificado á fronte dos servizos bibliotecarios.

Un ataque á misión das bibliotecas entre a indiferencia e o desleixo

Sorprende, malia o rexeitamento de ANABAD,  o contexto de aparente  indiferencia das administracións locais e dos usuarios, perante o que semella un ataque frontal ao sistema de bibliotecas públicas de Galicia xa que afecta directamente os orzamentos  adicados a equipamentos culturais nun contexto de austeridade e de recortes de personal. Ao cabo, a maioría de concellos están gobernados polo partido que está a aplicar os recortes nas administracións públicas e privatizando servizos.  Tamén non favorece a atención da cidadanía a política de xibarización da cultura galega aplicada pola administración Feijoó: o estado de abandono do sistema de bibliotecas, a inexistente presenza na TVG dos libros e autores galegos, o arbitrario e sectario reparto de axudas a  medios de comunicación nos que non hai presenza do libro galego ou a paupérrima política de traducción e promoción dirixida ás editoriais en lingua galega condicionando, en fin, calquera proxección internacional da  literatura galega na principais feiras  e festivais internacionais. Todo iso condiciona a receptividade  cidadá dos decretos que violentan as condicións de seu tan miserabeis, da maior parte das pequenas bibliotecas públicas do país. Hai moito voluntarismo e se en moitos concellos  ainda hai biblioteca é porque hai unha lei que os obriga a tela.

O goberno de Mariano Rajoy non para de gobernar a forza de decretos e prepotencia, incapaz de pactar e consensuar cos organismos afectados  ou  aquiescencia perante  a voracidade dos grandes grupos editoriais e  submisión  á voracidade recadatoria da GAES.  As bibliotecas públicas son o principal equipamento cultural dun pais que ten unha distribución xeográfica da poboación própria caracterizada pola dispersión e moitos núcleos pequenos de poboación. As bibliotecas públicas galegas fornecen un acceso democrático e global á cultura e ao coñecemento, compensando as disparidades de orixe e a fenda dixital que afecta ás persoas por lugar de residencia, xénero e idade. Noutras palabras, o canon bibliotecario é especialmente grave en Galiza. Sen obviar que  é indispensabel que os autores reciban unha compensación económica polo diferentes usos das súas obras, sobretodo se temos en conta a necesidade de defender e preservar as industrias editoriais e o campo literario galego. Porén, as  industriais culturais tamén precisan das bibliotecas como aliados naturais sen que teñan que ser elas as que reciban todo o peso do RD. Porque non asume o pagamento do canon o Consello de Cooperación Bibliotecaria do Ministerio de Cultura?  Porque non facelo nunha única cota non canto de facelo en dúas ?

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off