off
Eleccións Europeas — 20 Maio, 2014 at 3:31 p.m.

A Xunta electoral central e a política do macho alfa

by

A realpolitik e, sobretodo, o poder real emprazado maniféstase de todas as maneiras. Hai expresións máis evidentes e explícitas que non mudaron dende hai séculos.

A Xunta Electoral vén de prohibir o multiferendo convocado por diversas organizacións catalanas para o 25M. Os promotores xa anunciaron que levarán o tema ao  Tribunal Supremo e anuncian que seguirán adiante coa iniciativa que quería facelle á cidadanía, coincidindo coas eleccións europeas, varias preguntas porque seica poden condicionar aos electores e aos principios de reflexión e regularidade. Un argumento  o da Xunta Electoral que semella falar máis de súbditos do que cidadáns con libre albedrío.

Aquén, a  Xunta Electoralcuxos maxistrados son eleitos polo PP e o PSOE–  vén de excluir ao  BNG dos informativos da TVG e da Radio Galega tras admitir a a reclamación de UPyD. Os nacionalistas, fican sen os 27 segundos que lles concederan. Mañá ás 12 do medio día comeza o protesto na Praza do  Obradoiro contra esa decisión da Xunta Electoral e anuncianse accións legais.

A Xunta Electoral expresa así a lóxica do amigo/inimigo que, aniñando no tradicional autoritarismo español, expreguízase diante da falta de alternativa á política europea e ao esgotado “café para todos” que teiman en ofrecer os dous partidos hexemónicos do poder español. Todos sabemos que sen alternancia a democracia tórnase un container  ben limitado, un espazo a ser reapropiado polo poder emprazado, o máis conservador e inmobilista.  Sen imaxinación política tamén non é posible albiscar espazos de evolución democrática.

Se na caldeirada engadimos os exabruptos machistas de Cañete, a lei do aborto de  Gallardón, as reformas de Wert,  a teima pola orde pública de Fernández Diaz (a censura no Twitter para desviar a aención para non falar do que habería que falar), a impunidade do franquismo, etc., podemos irmos configurando a política conservadora do PP dende que voltou ao poder, os intentos de colonización mental da cidadanía a base de practicar promiscuidades entre polítíca, medios, xustiza e finanzas. A fractura social que está a xerar o PP xa tivo tráxicas consecuencias en León (non sería dificil imaxinarmos as consecuencias se iso tiver acontecido no seo do BNG ou de ANOVA…visibilicemos os titulares).

Mas o poder emprazado é o que é. E dita aquí e agora o que hai que falar, o tema a tratar. A liberdade de expresión hai dias que está ameazada. Veñen de imputar a 12 persoas por defenderen o galego (non sería dificil imaxinarmos as consecuencias – visibilicemos os titulares- se a imputación fose feita a activistas a prol do castelán, esa língua ameazada).

A involución democrática que está a inducir o PP, entre outros axentes da política española, ten raiceiras que ainda están sen determinar na recente experiencia democrática ( dos GAL ás  outras tramas de corrupción, das que xa non se fala).  Haberá quen diga que unha cousa non ten que ver coa outra, mas se alguén ainda ten dúbidas, dicirlle que os debates en liberdade comezan por non sermos monicreques ni espantallos dos temas impostos na TVE, o ABC, El Mundo ou  El País.  Porque pouco ou nada sabemos de moitas cousas que non fan parte da axenda do bipartidismo. Que falen si queren dunha gran coalición PP-PSOE (como se non existise de facto, mas é o que lle peta dicir ao Felipe González)  ou das lerias de Fernández Díaz e Margallo para desviar a atención.

O caso é que veñen de lle tapar a boca nos medios de comunicación públicos  galegos a unha candidatura que nas anteriores eleccións europeas obtivo máis de cen mil votos. En terra galega, todos sabemos o que máis lle incomoda ao lobby da política española.

Mas o tema é outro mália os intentos do PP de desviar a atención:  se os mansos galegos imos aproveitar as eleccións europeas como punto de inflexión para mudar, para reinventarmos a pouca autonomía que temos.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off