off
Historia — 25 Xaneiro, 2014 at 8:01 p.m.

Amada García: in memoriam

by

Esta segunda feira, 27 de xaneiro, homenaxéase no castelo de San Filipe de Ferrol,  á mugardesa Amada García canda outras vítimas do terrorismo golpista, nunca recoñecidas como tais por un Estado que se fai chamar democrático. Dadas as actuais circunstancias de “regreso ao franquismo” que nos ameaza cómpre non esquecer estas pasaxes da historia da infamia. O valor simbólico que posúe é inmenso, paradigmático. Os laios das vítimas aínda se escoitan polos angostos corredores da funesta fortificación, coma o zunido agoniante dun vento ferido que reclama  que non as esquezamos.

 

 

O 27 de xaneiro de 1937, contra un paredón do castelo de San Felipe, os golpistas fusilaran á mugardesa Amada García despois de ser sentenciada a morte nun xuízo-farsa por “bordar unha bandeira do Partido Comunista” –a acusación, alén de inventada, non podía ser máis humillante-.

Cando se lle condena, Amada estaba preñada, polo que adían o fusilamento atá tres meses despois de nacer o fillo –Gabriel-, ao que aleitaría á vista de todos, o que produciu un movemento de solidariedade con ela que, porén, non puido salvala.

Outros sete demócratas, catro deles tamén mugardeses, van ser asasinados canda ela. Os soldados, mozos recrutados á forza, non teñen valor para lle disparar, e só ela queda ergueita ata que ordenan repetir os tiros, esta segunda vez xa inevitablemente dirixidos contra Amada.

Filla de redeira e mariñeiro, seus pais levan na chalana o meniño envolto nunha manta, cruzando a ría cara Mugardos, entrementres escoitan as fatídicas descargas.

Para dignificar a memoria da súa nai, Gabriel segue loitando.

 

 

I

Entre o ceo e o mar

a madrugada

crebou o ar cincento en mil retallos.

Tras a descarga

un orballo de faíscas escintila

nas bágoas silandeiras do teu pranto.

E ti segues en pé.

No chan, a teu carón

sete ríos de sangue se derraman.

II

Aínda quece teu peito

o leite que a Gabriel lle foi negado.

– Apunten…! Fogo!

Nova orde desata a treboada.

Boga, vello remeiro

con toda a túa ansia

arreda ese meniño deste inferno.

III

A quen importa

bordar unha bandeira?

O que importa é teceres coa palabra

con artes de redeira

nidios soños de mulleres liberadas.

IV

Se longa foi a espera

xa está chegado o día:

teu nome, Amada, gravaremos

no muro terrible da ignominia.

Daquela si

daquela poderás ficar en paz

entre o ceo e o mar.

 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off