off
Cedeira, Galiza, Política — 22 Outubro, 2011 at 6:37 a.m.

A web do concello, e-administración e transparencia

by

Se analisamos a introdución das tecnoloxías da información  (TIC) en Galicia, comprobamos que segundo as estatísticas   publicadas polo Instituto Galego de Estatística e polas avaliacións anuais do PEGSI ( a primeira e até o de agora a única política de sociedade da información en forma de estratexia transversal  que se aplicou  e que contou coas achegas da sociedade civil, a empresa e os sectores TIC estratéxicos) sobre a penetración das novas tecnoloxías na sociedade galega,  cada vez son máis os lares que dispoñen dalgún computador ( 56,3% %) e de acceso a Internet ( 30,2% , proporción 8,2 puntos superior á rexistrada en 2005). Estes dados son do ano 2007  segundo informa o OSIMG  na Enquisa á Poboación sobre a Sociedade da Información en Galiza no ano 2007. En 2008, segundo o IGE nas comarcas da Coruña a porcentaxe de conexións dende o fogar foi do 69,83%  e 34,10% dende o traballo. Malia alegar falta de coñecementos un 20,10%  e custes altos un 27,02% dos galegos   entre as razóns polas que o fogar non ten conexión a internet, os dados contornan unha tendencia de crecimento do uso dos servizos virtuais e de xestión en liña nas web das administracións.

Á luz dos eidos sociais de actualidade, a administración está  a dar resposta ás necesidades destes cidadáns?, esta a aproveitar a canle de internet para  satisfacer as súas necesidades? E, máis concretamente, está o concello de Cedeira e os servizos públicos que fornece (servizos sociais, licitacións e permisos, biblioteca pública, auditorio, etc.) aproveitando as avantaxes que internet pon ao seu dispor para chegar ao cidadán?  Está o concello cumprindo o seu papel de servizo local de información?

Neste intre non hai estratexia galega da sociedade da información. A última notícia que tivemos foi o   Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI 2007-2010), unha política de información de alcance transversal e estratéxico que nacía co obxectivo de “organizar a actividade pública para, a través das novas tecnoloxías, garantir o crecemento económico de Galiza, promovendo a creación de emprego de calidade, a cohesión social e a preservación, tanto ambiental como cultural e lingüística, do país”  elaborada dende a Consellería de Industria.  Neste intre o que hai é o OSIMGA, un observatorio TIC  con funcións informativas e de pesquisa e que non se pode considerar unha política de información (pode haber unha política por omisión?).  A sensación xeralizada é que nos dous anos de goberno de Feijoó estase a perder pulo. As posibilidades que a administración electrónica fornece en termos de eficacia e eficiencia son evidentes en relación ao seu custo. Non só sirven para superar ou relativizar os atrancos e barreiras que supón o tempo e o espazo á hora de obter servizos públicos ou de formular todo tipo de reclamacións, senón que, ao tempo, fan posible que os cidadáns reciban  resposta con unha rapidez descoñecida. É asín, que  hoxe podemos medir a eficacia e transparencia das administracións atraveso dos servizos que fornece no web  e o grau de  proximidade efectiva  da que moitas administracións ainda carecen.

E que acontece coa adminitración local, co Concello de Cedeira? A situación é inaudita polo parón e polo estado das diversas páxinas que atenden ao enderezo concellodecedeira. Nos últimos, malia as carencias,  avanzárase na administración electrónica e comezábase a albiscar unha marca, un modelo propio de administración do concello, centrado na utilización institucional e conscente de internet de cara a acrescentar   a eficiencia da administración e a  millora dos servizos e, cecais tamén, a reformulación dos procesos de goberno do concello. O que había era un xermolo que non poderíamos chamar administración electrónica porque non se podía realizar un acto administrativo completo en liña (tramitación electrónica, transaccionalidade, integración interna e externa, participación electrónica, etc.), mais fornecíase a documentación que se precisa, paso necesario para unha progresiva aceptación e adopción polos veciños/as e a pasesiña creación dunha “masa crítica”.

En Cedeira  xa non é que se perdera pulo é que mália manterse a páxina, desaparecen a práctica totalidade dos contidos (como se a casa do concello pechara as portas), non se informa se está “en construción”, se vai mudar de sitio, ou o qué… e déixase información do software libre Drupal para desenvolvimento de webs. Non se coida nen a imaxe de marca de Cedeira. É como se a administración local ignorara que aí fora hai cidadanía que existe (Concello de Cedeira): desaparecen os menús, mantéñense algunhas ligazóns rotas, con acceso denegado, e as que permanecen activos son os externos, os que reenvían a servizos como o perfil do contratante (Xunta) ou os que dispoñen de web própia (Servizos sociais) ou a aqueles que non tendo web própria como é o caso da Biblioteca (un tema a tractar noutro post), fornecen acceso externo ao catálogo colectivo Meiga.

Permitide algunhas observacións finais. Cando falamos de fornecer información falamos a serio. Cómpre un consenso de todos os axentes implicados que convirta a web do concello nun servizo de todos e para todos. Non unha guerra do que hai do meu. As posibilidade tecnolóxicas son variadas e o prezo asumibel. Cómpre maior profesionalización, formación, transparencia e rigor lingüístico. Non se pode un dia despotricar pola ineficiencia dos servizos públicos que a un lle toca gobernar, e ao outro, retirar da web os poucos servizos existentes. Non se pode pretender afortalar o sector turístico con esta indixencia. É hora de aledarse dos éxitos comúns e amosar Cedeira como proxecto de todos/as. A páxina web ten que reflectilo.

Gabriel Beceiro

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off