off
Cedeira, Mar e Pesca, Meio ambiente — 2 Marzo, 2018 at 1:04 p.m.

O Concello de Cedeira pídelle á subdirección xeral para a Protección da Costa unha solución á desfeita da Madalena

by

O alcalde Moreda reuniuse en Madrid co subdirector xeral para a protección da costa, Ángel Muñoz Cubillo


[Pingota Comunicación] O Concello de Cedeira trasladou a Madrid as demandas que o equipo de goberno e a Plataforma en Defensa da Ría teñen con respecto á praia da Madalena. O alcalde, Pablo Moreda Gil, vén de reunirse en Madrid co subdirector general para la Protección de la Costa do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, Ángel Muñoz Cubillo. O encontro, que Moreda calificou de cordial, serviu para trasladar ao responsable do Ministerio a preocupación que existe na vila non só pola conservación do areal, senón tamén polo futuro da reserva mariña e dos bancos marisqueiros que hai na ría e dos que viven moitas familias. O alcalde explicou ao subdirector xeral que, a pesar dos traballos que a Demarcación de Costas vén de realizar na zona, a praia está a sufrir danos e estragos que causan moita preocupación entre a veciñanza e os sectores que poden verse máis afectados polo súa deterioración, como son o pesqueiro e marisqueiro pincipalmente.
Ángel Muñoz confirmou a Pablo Moreda o xa adiantado polo xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, no sentido de comprometerse a incluír dentro dos orzamentos xerais do Estado deste ano a realización dun estudo de impacto ambiental para analizar as posibles que están a poñer en perigo a conservación do areal urbano da vila de Cedeira. Posteriormente, e en función dos resultados dadevandita avaliación, acometeriase o proxecto construtivo para a rexeneración ambiental da praia da Madalena.
No seu momento, o Concello e máis a Plataforma en Defensa da Ría elaboraron unha proposta, que posteriormente foi traslada e valorada pola Demarcación de Costas, na que están incluídos aqueles aspectos a ter en conta á hora de acometer a intervención definitiva. Así, o ámbito da actuación deberá incluír a completa restauración ambiental da praia e da súa zona posterior (desde a ribeira definida polo nivel inferior da pleamar nas mareas mortas ata o paseo marítimo), a retirada de material como pedras e entullos utilizados en pasados recheos e tamén evitar a manipulación da duna e o depósito de area por debaixo da marxe definida polas pleamares mortas. A estas consideracións cabe engadir a demanda que existe tanto por parte do Concello como da Plataforma de participar na redacción do proxecto, non como técnicos, tal e como aclarou o alcalde, senón dando a súa opinión con respecto ás solucións a adoptar.

Este texto é un servizo da axencia Pingota Comunicación. O Ollaparo non interveu na seleción, nen no editorial, nen no contido da notícia.

One Comment

  1. Enténdese:
    “…para analizar as posibles (causas) que están a poñer en perigo…”
    Escoitar á Plataforma cidadá sería un bon indicador, non soamente democrático, senón tamén pragmático; xa vimos como anteriores intervencións decididas ás costas da xente que está, de seu, inmersa na problemática deron penosos resultados.
    Se a cousa non avanza teremos que pensar en mobilizarnos, para espabilen aqueles a quen lle pagamos por xestionar os asuntos públicos.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off