off
Galiza — 19 Maio, 2017 at 9:47 a.m.

Limiar de Carlos Casares para o número 2 de Ollaparo en 1984

by

Reproducimos o breve limiar de Carlos Casares para o número 2 de Ollaparo, publicado con capa de Masito o ano 1984, momento no que arelaba, “superada a aberta hostilidade contra o galeguismo”, que o país se fora “enchendo de xente amiga da sua propia lingua e a súa cultura” para acadar a “normalidade” democrática malia os “ánxeles grises de a diario” a quen pedía combater  con “xenerosidade, vontade e paciencia”. Malia o seu caracter marxinal ou “escolar” o texto ten o seu interese para completar e imaxinarmos no presente a feitura dun tempo e dunha personalidade polifacética e fulcral do galeguismo e do autonomismo, desde o seu resistencialismo inicial até acabar formando parte do ‘stablishment’ político-cultural.

Limiar

Recordo moi ben a ilusión que nos producia , no comenzo dos anos sesenta, a noticia de que nalgún  lugar de Galicia, sempre en vilas e cidades aparecera un rapaz, ás veces dous ou tres, que se preocupaban polas cousas do pais. Eran tan poucos que non resultaba dificll ir facendo de memoria unha xeografia espiritual do galeguismo. Agora, máis de vinte anos despois, estas novas xa non causan nin emoción nin sorpresa simplemente invitan a reflexionar.

E a reflexión que a un se lle ocurre é que a normalidade significa aquí riqueza. Xa non esperanza. Esperar esperábamos entón, cando o normal era vivir na indiferencia ou a hostilidade contra as reivindicacions do galeguismo. O que esperabamos era que pouco a pouco Galicia se fora enchendo de xente amiga da sua propia lingua e a súa cultura. Eso ocurre xa, ainda que non nos termos que a un lle gustaria. Ser galeguista deixou de ser un número contable para se convertir nunha masa dificil de calcular. Nunha empresa onde somos tantos e nunha situación histórica na que os conflcitos  disminuiron  ata os niveis baixos que son caracteristicos das democracias, o galeguismo perdeu a tensión heroica do romanticismo idealista. Revistas como Olláparo, por exemplo, pertenecen a esta nova situación.O seu heroismo é o da normalidade. Os seus inimigos xa non son os monstros da dictadura, contra os  cales un sinte medrar, senón os ánxeles grises de a diario. Loitar contra o seu rostro anónimo e frio é unha tarefa que demanda xenerosidade, vontade e paciencia. Tres virtudes indispensables para que os soños de hai vinte anos se fagan plena realidade.

En 1980 Casares publicaba “Ilustrísima” e houberan de pasar  varios anos de silencio narrativo até “Os mortos daquel verán” (1987), a súa primeira obra narrativa tras oito anos nos que viviu unha grande mudanza persoal e profesional. Director de Galaxia, presidente do Consello da Cultura, académico da RAG, parlamentario, axente literario, editor e escritor que se le no instituto. O nacionalismo galego como factor de modernización, que apuntalaba o traballo histórico do galeguismo  político desde o rexionalismo e o Rexurdimento, acabou demostrando que na política española só vale a forza que se teña en Madrid.  Para iso precísasen mudanzas de verdade e o valor de provocalas ou o eterno retorno dun galeguismo embrionario  que pasou por culturalista malia ser político (un itinerario posibel entre outros dada a situación) e que a medida que a autonomia erosionaba e corroía, ia ficando claro que ten sido unha forma de acomodar e asimilar Galiza no contexto represivo de España, evitando o conflito e silenciando as ideas novas e a ousadia. Que o que era virtude, heroica supervivencia e asisado nun contexto violento e precario,  acabou sendo límite e devalo (mesmo chantaxe emocional) poñendo en circulación todos os alicerces represores autóctonos. Para abondar mais unha vez na estratexia da superviviencia. Mas cal foi o custo último de cada renuncia e cada retirada á zona de conforto e na preservación da carauta da perfecta idealidade que se foi inflando até pór en evidencia a insuficiencia das construcións culturais perante a realidade histórica? A cultura do que ficara do galeguismo respostaba ás necesidades dunha España antidemocrática. Que a medida que o espírito da Transición o foi demolindo todo, aquela foi esmorecendo. Mas o piñeirismo ainda sendo incapaz de dar respostas ás xeracións crecidas en democracia, acabou por afortalar entre nós o espírito zombi do rexime constitucional español  a costa de irmos calando as cousas.

Segundo Jaureguizar “toda a dignidade política que exhibira contra a ditadura quedou suavizada pola tapicería do coche oficial. Amoldouse ao fraguismo con comodidade, sen chistar. Modernizou o Consello da Cultura converténdoo en actor importante, e soubo erguer as lápidas de mármore que esmagaban Galaxia e encarreirala cara a modernidade. Padeceu, iso si, a soberbia de asumir moitas máis dignidades e responsabilidades das que era quen e iso provocoulle un desenvolvemento menor ao seu potencial”. Para Suso de Toro “era un galeguista que se distanciou dese mundo, arroupado por xente hostil ao galeguismo”.   A política autonómica galega tornarase unha forma de autorepresión. Casares, percibe, dalgún xeito, o fracaso do papel do intelectual malia o intento aparente de tentar estabelecer unha continuidae coas novas xeracións. O galeguismo autoimpuxerase uns lindeiros para conservar un espazo, un bocado de oxíxeno que serviu para cultivar as ficcions políticas da “normalidade” democrática. O limiar examina brevemente esa cuestión  dirixíndoxe aos mozos da Sociedade Cultural Chirlateira. Falaba Carlos Casares dun galeguismo débil e paciente ( tamén agora?), perdida a “tensión heroica do romanticismo idealista”, para mellor debullar o que semella a advertencia antecipada do pròprio desengano (esa riqueza sen esperanza) nunha nota marxinal para unha revista local como exercizo de autoxustificación da pròpria deriva?

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off