off
Agro, Galiza, Medio ambiente — 13 Decembro, 2016 at 13:03

ADEGA alerta da barra libre para a biomasa após Feijoó desregular o sector

por

Coa derrogación do Decreto 149/2008 aprobado polo bipartito, ENCE podería inzar de cultivos enerxéticos o país. Non habería límite de potencia nin de cantidade para as plantas de biomasa segundo vén de explicar ADEGA no seu web.

Cumpriríase o “vello anceio de ENCE: ter a medio país producindo eucalipto para pasta e ao outro medio madeira para queimar”

Segundo a organización ecoloxista a  “lei de acompañamento” dos orzamentos anuais (Lei de medidas fiscais e administrativas) tornaríase unha “espúrea ferramenta para modificar pola porta de atrás lexislación varia, furtando o trámite e o debate sectorial. En anos pasados, tanto o governo estatal como a Xunta teñen usado profusamente este subterfuxio para desmontar cautelas ambientais: o machetazo á lei de costas por Aznar nos orzamentos de 2002 que abríu a porta á burbulla inmobiliaria no litoral; as modificacións da lei do Solo por Feijóo en 2010; a supresión da avaliación de efeitos ambientais e de toda a lexislación galega contra o ruido en 2012.”

Na práctica significa que a partires de  2017, non haberá xa límite de potencia (agora son 10MW por planta, con un máximo de 80MW en total) para as instalación de biomasa en Galiza.

En ADEGA pregúntanse de onde é que vai sair tanta cantidade de madeira? “Pois dos cultivos enerxéticos que como o Eucaliptus nitens, as filiais e os testaferros forestais de ENCE veñen plantando a eito dende hai anos por todo o país, mesmo en territorios (zonas altas, interiores e frías) aos que non podía chegar a variedade E. globulus”

Unha normativa feita á medida de  ENCE (ENergía y CElulosa) para acadar o obxectivo de estender o seu modelo de xeración eléctrica baseado nas grandes térmicas, mediante os cultivos enerxéticos (plantar-queimar-plantar) e que traerá unha nova vaga eucaliptizadora.

Queimar biomasa en pequenas plantas debía ser un complemento á explotación do monte, e non un fin en si mesmo, dí ADEGA

O Decreto 149/2008 establecía un  tope de potencia para as plantas de biomasa forestal, tanto unitaria (10MW) como no conxunto de Galiza (80MW) estaban relacionadas coa dispoñibilidade de materia prima para queimar e coa sustentabilidade do proceso. Ese límite que tentaba axeitar  a potencia unitaria ao combustíbel dispoñíbel nunha determinada área xeográfica (50 km de radio arredor de cada instalación) e non ao revés vén de ser derogado. O efecto da súa derogación é a barra libre.

Necesidade continua de máis plantíos.De onde vai sair toda esa terra?

Pois da transformación a forestal de terras agrícolas produtivas e mesmo de chan rústico , aliás dos terreos “abandoados” e de alto valor natural nas zonas altas e interiores do país, que agora a pasteira pode colonizar co E. nitens. A presión destes novos cultivos enerxéticos sobre os ecosistemas galegos  irá a piro xa que as 8 plantas de biomasa de 10MW de potencia unitaria previstas na Orde que vai ser derrogada, demandan  un subministro anual de case un millón de toneladas (o que supón entre 15.000 e 20.000 hectáreas anuais de cortas, ver mapa lateral); multiplicar por 10 a potencia máxima instalada (até os 800MW totais) requeriria queimar todos os anos unha superficie equivalente á metade da provincia de Pontevedra.”

Os cultivos enerxéticos debido ás súas características e ciclos curtos, provocarán un empobrecemento intensivo do solo, coa conseguinte redución da fertilidade e da súa capacidade de renovación, condicionando o seu aproveitamento futuro para outros usos.

E dende a perspectiva socio-económica, a promoción sen limitacións da biomasa pasa por adicar a cultivos enerxéticos grandes superfícies de terras de cultivo, perdendo máis capacidade de produción de alimentos e soberanía alimentar, favorecendo o abandono do agro e concentración da propiedade en poucas mans, e condicionando o modelo produtivo dos montes veciñais en man común.

1 Comentario

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: