off
Desporto, Politica espanhola — 14 Agosto, 2016 at 6:38 p.m.

A “Vuelta Ciclista a España”, para que?

by

A meta de “la Vuelta” está inserida na Capelada, sendo final de etapa a garita de Herbeira. O sancta sanctorum, o embigo da Serra da Capelada, “complexo xeolóxico de grande interese formado por rocas básicas e ultrabásicas, con cantís ribeiriños de até 500 metros de degrau e matogueiras aerohalinas de  Erica vagans e Ulex maritimus, zonas de alagamento temporal e turbeiras”. Un indicador de até onde chegamos. En turismo, como noutros sectores, non todo vale. Espazo en custodia? A quen queremos chegar?


herbeira_20160730_194849
Panorámica desde os cantís de Herbeira

A vila e terra de Cedeira teñen encanto mas deberes pendentes por facer, por iso o goberno de Cedeira deberia valorar os custos económicos e medioambientais dunha proba esportiva allea, devaluada, e que non resposta aos intereses esportivos, económicos e culturais de Cedeira e Galiza. Unha proba  que xera custos ao erario municipal que deberan ser sustanciados para alén  do interese  que o evento  poda ter para os practicantes de ciclismo en ruta (poucos máis alá da fuxidía fascinación televisiva). A “Vuelta Ciclista a España”  ben merece un chamado  á cidadanía a revelarse  contra a etapa do 23 agosto  con saída en Betanzos (A Coruña) e  chegada a Vixía da Herbeira, pasando rente o Santo André de Teixido (topónimo que a organización do evento nen se dignou en escribir ben ( “teixidó”, sic.)

Do 21 ao 25 de agosto a competición esportiva atravesará territorio galego, de Pontevedra a Lugo pasando pola Coruña, quer dicer, non se trata dunha etapa puntual de entrada mas a escenificación de tres etapas en territorio galego na TVE quen é que fornece o sinal ás outras televisións, sen que o custo que asumirá o concello ( de quen agardamos  informe do “gaño” de “la Vuelta” para a cidadanía  para alén da pasiva e provinciana manifestación mediática) mais do que unha imaxe fuleira e pintoresca  da nosa nación ( velaí a falta de rigor ao dar conta do topónimo dun final de etapa).  Ao cabo, quen sofrirá o impacto serán a contorna natural e os romeiros, coas restricions de aparcamento e tránsito rodado que deberán asumir os veciños e veciñas sen lles ter consultado canto diñeiro pagou o concello e canto costará o operativo loxístico e de seguridade tráfego que se precisa. Malia non sabermos exactamente canto costa, sabemos que costa cartos e que é innecesario se non sirve como ferramenta  para a sensibilización no coñecemento, conservación e custodia do patrimonio natural e cultural de noso. A actividade turística non é unha actividade altruista, senón que pretende tirar un rendemento económico. Agora ben: a quen beneficia? A quen prexudica? Paga o turismo masivo o que costa mantelo?Hai previsión de impacto na contorna de brezais e monte baixo?

Moreda debería explicar exactamente os motivos para que o Santo André, espazo senlleiro da espiritualidade galega, teña que sofrer o impacto dunha actividade esportiva española efémera en termos de exposición mediática e dubidoso gaño para o tecido esportivo e social e para o que Teixido representa no imaxinario material e inmaterial da cultura galega. A cámara municipal de Cedeira debería enxergarse que sentido fai acoller un acontecemento destas caracteristicas na contorna natural e cultural do Santo André e da Capelada – cando por outra parte se promoven accións de sensibilización mediomabiental, xornadas botánica ou rutas de turismo xeolóxico-  sen ter sido dialogado e consultado en comisión informativa aberta. Porque son incertos os chamados á afluencia de xente (como se fose un valor en si mesmo que recorda os métodos do fraguismo). Ao cabo, que gaña Cedeira apoiando eventos masivos como “La Vuelta” que non están alicerzados no país e que se priorizan sobre valores endóxenos que precisan unha outra afluencia, outro perfil de visitante ? O desenvolmento dun turismo masificado e de baixo valor engadido, froito dun evento e dunha falta de control histórico do desenvolmento turístico cultural  ou  da falta de poder adquisitivo  non permite desenvolver un perfil propio en relación á oferta, situación e potencial que deberían permitir identificar estratexias particulares de planificación e desenvolvemento futuro para alén da estacionalidade do turismo festeiro e de sol e praia. Para unha diversificación en turismo rural, turismo de natureza e as actividade inseridas baixo a etiqueta xeral de “turismo alternativo”. Non é por acaso o desleixo coa paisaxe e co patrimonio material, o excesivo desenvolvemento inmobiliario dos derradeiros anos, que afecta moi negativamente no tratamento paisaxístico do territorio.

Seica se pretende potenciar o turismo con “La Vuelta”. Para quen? Para que? Quizais conveña lembrar que no estado español o turismo naceu do subdesenvolvemento e foi tirando baixo esta visión perceptibel en todos os recunchos

Velaí que Teixido é un Lugar de Interese Comunitario (LIC) da REDE NATURA 2000. O paradoxo é que o pasado 28 de xullo a Xunta de Galicia aprobaba o Catálogo das Paisaxes de Galicia, disque un instrumento de protección de áreas de singular valor que aplica a un total de 211 zonas do país o réxime de solo rústico de protección paisaxística. Mais un simulacro xa que o réxime de protección desas paisaxes na nova Lei do Solo é a de solo rústico de protección paisaxística. Porén, se un pescuda na citada lei autonómica, atopa  que esta figura de “protección” ofrece unha variedade de posibilidades para facer artimañas no territorio, agora ao  abrigo e co visto-e-prace  legal.

A meta de “la Vuelta” está inserida en Teixido,  no sancta sanctorum, no embigo da Serra da Capelada, “complexo xeolóxico de grande interese formado por rocas básicas e ultrabásicas, con cantís ribeiriños de até 500 metros de degrau e matogueiras aerohalinas de  Erica vagans e Ulex maritimus, zonas de alagamento temporal e turbeiras”segundo é descrita no ES1110002 Costa Ártabra Natura 2000 para zonas de protección especial (ZPE), sitios propostas para Importancia Comunitaria (LIC), sitios de importancia Comunitaria (LIC) e para Zonas Especiais de Conservación (ZEC).

Os grupos da esquerda soberanista que fan parte do goberno municipal de Cedeira deberian rexeitar os convites para acceder ao recinto de meta e dar plantón no acto, mesmo recebindo á comitiva coas estreleiras, do mesmo xeito que se recebiu a “la Vuelta” a outra vez que atravesou estas terras.    A competción española supón un custo   innecesario para a vila de Cedeira, unha proba esportiva que ten caracter político e que non obedece os intereses económicos e culturais desta terra agás o de repetir o eterno retrouso paifoco-provinciano. Non fai sentido nengún que hoxe o actual concello traia “La Vuelta” aquí . E máis en tempos de emerxencia social, recortes e déficit de servizos sociais. Cartos que estarían ben gastados en problemas medioambientais e de recuperación que a Capelada precisa. Talvez, no canto da efémera publicidade masiva do paso dun evento esportivo, porque non adicar o esforzo orzamentario a pagar por contidos? .A publicidade é cara, e a xente cada vez acredita menos nela.De procurar cartos para investir, mellor facelo para pagar contidos que falen de nós e da nosa contorna patrimonial. Tense demostrado que é máis útil ter web propia, redes sociais e aparecer nas axendas de actividades dos xornais e outros medios de comunicación locais  e feiras especializadas de ecoturísmo do que o chamado tan efémero como masivo de aparecer como escenario dun evento esportivo.

Talvez o que esta terra precise son proxectos a medio-longo prazo, co máximo de debate e de consenso, e pouco, pouco, exhibicionismo (diso o mundo está sobrado desde que as redes sociais fixeron sair do anonimato a todo  o mundo nun arrebato de local-narcisismo na procura de recoñecemento efémero e fugaz e pouco ou nada serve para as mudanzas de calado). Que as terras de Cedeira saian por uns minutos na TVE non é un valor en si mesmo que achegue valor promocional neutro. Non todo vale unha vez debullado o seu potencial masificador. Aliás,  ter unha “xoia natural” non implica necesariamente turismo.

La Vuelta non é A Volta, non é un  acto deportivo “neutro” ou “inocuo” mais tén un  sinalado caracter político , por iso non se entende que o goberno cedeirense, conformado a máis do PSOE  por dúas forzas da esquerda nacional (ANOVA e BNG), entendan que o paso pola vila e terra de Cedeira e Galiza dunha competIción que quere  incorporarnos identitariamente con España, reciba a connivencia muda da cámara municipal ás portas dunhas eleccións galegas. E non, non abonda co “mais vale iso que nada”.

Para saber máis:


Visor oficial RN2000 da Unión Europea: http://natura2000.eea.europa.eu/

http://abapeisa.com/visor-cartografico-de-la-red-natura-2000-de-la-comision-europea/

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off