off
Cedeira, Historia — 17 Abril, 2016 at 3:48 p.m.

O goberno de Cedeira rende a primeira homenaxe aos represaliados polo franquismo

by

O memorial aos represaliados asturianos que sofreran internamento no Campo de Presentados e Prisioneiros ubicado nunha fábrica de salgazón,  acolleu a primeira homenaxe ás mulleres e aos homes, veciñas e veciños de Cedeira, represaliados e asasinados polo franquismo e organizado pola Asociación da Memoria Histórica de Ferrol e o Concello de Cedeira. Logo da rendida aos asturianos, esta homenaxe aos conterráneos é a primeira que se celebra  40 anos despois da morte de Franco. Porén, a significativa ofrenda floral no memorial reuniu a un pequeno grupo de persoas, malia a relevancia do acto. Ao cabo, trátase do primeiro intento de facer xustiza cos paisanos.

Emotiva intervención da meniña de 10 aniños que ia ver os presos no Campo de Presentados e acabou por memorizar  o escrito que lle dera un daqueles prisioneiros. Unha lembranza que persiste e teima máis de setenta anos contra o esquecimento. Eis o trunfo da memoria fronte a barbarie, para afastar a lóxica do pior e avanzar cara a reconciliación polo recoñecemento, esa asignatura pendente.

Luisa Vilela Rodríguez, de 88 anos, era aquela meniña que mantén viva a memoria dos prisioneiros, con  quen partillaba rancho coa súa familia. Un daqueles homes chamábase Severón, lembraba Luisa.

“Eu ben sei que esto é o paseo marítimo pero tamén é un cemiterio”, afirmou.

Porque non podemos esquecer quen morreu sen  ser xulgado ou xulgado por un tribunal de opereta e aqueles que foran asasinados nunha corredoira ou represaliados por falanxistas, militares ou particulares afíns ao rexime franquista, no cárcere, nos campos de traballo. Como foi a postguerra dos fillos e fillas dos represaliados? Como foi a ditura de silencio e medo que padeceu toda a veciñanza? Podémonos permitir esquencelo?

O alcalde, Pablo Moreda Gil, falou en nome do equipo de goberno. No seu discurso apuntou que, cando están a piques de se cumplir 80 anos da guerra civil, “é de xustiza render unha emocionada homenaxe a todas as vítimas da represión franquista”. “Non se trata unicamente de reparar”, engadiu Moreda, “debemos tamén imitar a quen en tempos de máxima dificultade creron nuns ideais, nuns valores universais de igualdade, xustiza e unidade, porque fronte aos que opinan que a historia a escriben os gañadores nós afirmamos que moito máis importante que escribir a historia é construila, con sólidos alicerces capaces mesmo de cambiar o rumbo da humanidade e isto é só patrimonio dos loitadores pola libertade”.

Enrique Barrera, representante da entidade organizadora, destacou no seu discurso que “un país non pode ser normal se non coñece, con nomes e apelidos, a todas e cada unha das vítimas dunha guerra civil” e insistiu en que “o dereito á verdade, á xustiza e á reparación que esixen as vítimas non é un exercicio de sentimentalismo, pese á carga emocional que conleva; e un deber moral da democracia española, un acto complexo e doloroso, pero necesario”. Barrera tamén agradeceu a colaboración que a entidade atopou na institución municipal para a organización duns actos que “axudan a coñecer o noso pasado, a reparar a dignidade das vítimas da ditadura e a construír unha mellor sociedade”.

O acto rematou coa alborada “Abrente en Cordovelas”  da que é autor Roxelio de Leonardo Bouza  e os asistentes cantaron o himno galego para despedir o acto.

 

A memoria como forma de reparación

Talvez conveña lembrar perante a bandeira  tricolor  castellana que mentras todos os cidadáns do Estado español sofriran unha ditadura que os privaba das liberdades democráticas e individuais ( expresión, dereito de reunión, asociación,etc) galegos, bascos e cataláns padecemos unha dupla ditadura pola nosa condición nacional.  Sendo privados dos nosos dereitos democráticos colectivos e  perseguida a nosa lingua e a nosa cultura.

Este ofrenda floral deberá ter continuidade con recoñecemento dos represaliados e das súas familias, exixindo xustiza, preservando a memoria da nosa nación, e mantendo vivo a lembranza dos republicanos. Para cando un memorial democrático, o nome dunha rúa ou dunha praza?

O Estado e a Xunta de Galicia, xa en democracia, téñense amosado incapaces de facer xustiza con todos aqueles crimes, negándose a revisar e anular aquela falsidade de xuizos militares, e cando algúns familiares foron á Arxentina onde aceptaron revisar algúns casos, a Audiencia Nacional e o goberno español denegaron as extradicións dos acusados.  Do mesmo xeito, cando asociacións e entidades reclamaron ao Estado que autorizara estas extradicións ou reabrir causas, mais unha vez, o Estado ignorounas dando mostras da cobardía e falta de vontade política dos gobernantes.

Cedeira ten ainda pendente facer liquidación do franquismo de forma cuidadosa e meticulosa desde a evidencia de que unha reparación debida é sempre incompleta, imposible na súa estricta materialidade.  Non houbo xeito de anticiparse á Lei da Memoria Histórica malia termos motivos para facelo aplicando criterios de racionaldiade e bo goberno. Aquí inaugurouse un monolito ao ditador no ano 1977, morto Franco,  cando noutras vilas do estado xa comezaban a retirar do nomenclator os vestixios do franquismo.  Devolver ás rúas e prazas a normalidade da cultura oral e popular nun exercicio de normalidade e naturalidade democráticas nunca foi doado. Canto non costou recoñecer a avenida Castelao ou retirar o nomenclator  ou a simboloxía manifestamente franquista? Agora pódese e débese, comezando polo recoñecemento debido aos representantes democráticos Durán Fraguela (tenente Alcalde de Cedeira), Manuel Fernández (Alcalde de Cedeira), Ginés Fernández (fillo), e así sucesivamente.


Ao mellor tamén che interesa:

Nomes e voces teñen as vítimas da represión franquista en Cedeira

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: