off
Europa, Mundo — 24 Novembro, 2015 at 7:52 a.m.

Máis de 150 crianzas refuxiadas morreran nas augas do Exeo perante a indiferencia dos gobernos

by

A cifra do mar Exeo súmase ás 700 nen@s que morreran no Mediterráneo segundo datos da Unicef


 

Obra anónima adicada aos refuxiados sirios na cidade de Helsingør (Dinamarca)
Obra anónima adicada aos refuxiados sirios na cidade de Helsingør (Dinamarca)

Casos idénticos ao de Ailan Kurdi, que apareceu afogado nun areal o pasado mes de setembro. Porén, a indefensión dos nenos e nenas é total. Case a metade das persoas afogadas nas costas turcas son menores de idade, e estes naufraxios son os rexistrados e documentados polas autoridades turcas. Segundo un informe da Organización Mundial das Migracións (OIM) publicado onte, alomenos 3.519 persoas morreran entre xaneiro e novembro no Mediterráneo, maiormente na costa grega.


A UE co paso cambiado. A indefensión dos menores cuestiona a só estratexia bélica dalgúns estados diante do problema da Siria, o EI e o Iraq. ONGs, como Save The Children veñen de alertar da vulnerabilidade dos nenos, expostos á morte e á padecer abusos logo da separación das súas nais e pais. O foco mediático permitu identificarmos o corpo do neno Ailan, o seu irmán Galip de 5 anos e a súa nai Rehan para que os tres tiveran un enterro digno. En número incerto a maioría acaba en fosas comúns, alargado o sofrimento a uns familiares que nunca saberán o que aconteceu.

Organización Internacional para as Migracións
Organización Internacional para as Migracións

Quen dirixe a política da UE no Mediterráneo? Hai vontade de que a UE teña unha politica exterior común? A Unión Europea continua amosando a súa lastrada maquinaria institucional. Após a Primavera Árabe os enfocamentos foron máis estatais do que paneuropeos. O estalido das revoltas en 2011 apañaron á EU co paso cambiado. A crise do euro  e a crise do modelo de integración contrastaban cos acenos de renacionalización e centralización das políticas comúns. A reacción foi tecnocrática e a curto prazo e non froito dunha visión estratéxica de máis percurso. Ao cabo, tratábase de escoller entre afortalar a liberdade ou a estabilidade. E foi esta última a que se impuxo. O que mostrou a falta de posicións comúns. Efémera estabilidade a da UE e de Occidente que non acaban de entender que privilexiar a quen garanta o control de fronteiras e o fornecemento de combutibeis, quer dicer, as petromonarquías, ten un curto percorrido cando os conflictos existentes teñen  fasquía multifacetada e efectos de lesa humanidade.  Xa na crise de Libia, Gran Bretaña e Francia asumiran protagonismo liderando unha intervención bélica no canto de debullar o consenso entre os 27 estados membros para unha resposta a altura dos procesos de libertazón que se estaban a producir.  A votación da entrada de Palestina na ONU, serviu para amosar como as tres grandes potencias europeas diverxian máis unha vez sen adoptar unha política exterior común. A resposta foi a criazón do Representante Especial para o Mediterráneo que asumiu o diplomático español Bernardino León. Na práctica, cada país co seu enfoque. A función de mediación fracasou na Libia e nomeadamente en Exipto, nas conversas entre o goberno islamista e aoposición previas ao golpe de estado de 2013.  A figura do Representante Especial para o  Mediterráneo está vacante hai máis dun ano.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off