off
Opinião, Política, Politica espanhola — 5 Novembro, 2015 at 8:15 a.m.

Exército ao poder?

by

iglesias_quintanaPór nun posto de saída nas listas electorais do 20-D a un ex xefe da Defensa, era algo que só se espera dun partido ardentemente ultranacionalista. Tais son os ecos que aínda resoan daquel berro facha “exército ao poder”. De feito, algúns grupos falanxistas e saudosos do franquismo inseriron no seu día a militares da vella escola nas súas candidaturas, recibindo en xusto escarmento pola súa afouteza o desdén xeral dos atrapallados votantes.
Mas agora foi Podemos, un partido que afirma representar á sociedade civil encabuxada e ao espírito do 15-M, quen o fixo e pretende que sexa a cousa máis normal do mundo. Coma se o pasado non existise; o mandato constitucional  encomendando  ás Forzas Armadas a misión de defender a “integridade” nacional (Art. 8 C.E.) fose miudiño e o conflito sobre a autodeterminación en Catalunya non estiver no punto de mira de Estado. Non semella que o “dereito a decidir” que Pablo Iglesias di admitir case ben con este ordeno e mando de repescar antigos mandos da cúpula militar, como o antigo JEMAD José Julio Rodríguez

Entón a que se debe esta inxerencia castrense no que por antonomasia se supón a forma de representación política da sociedade civil?

Haberá mil explicacións e teorías da conspiración para enxergar esta versión cuarteleira das portas xiratorias, que a recado espertase paixóns atopadas. Pero, como ocorre case sempre, a resposta está á luz do día: por epatar. É dicir, por volver recolocar a Podemos no trending topic do comadreo. E tamén para gañar en orixinalidade ao seu competidor socialista que fichou á tamén ex militar Zaida Cantera,  vítima de acoso por un mando, para o posto sexto da súa candidatura en Madrid.
Iglesias repetiu como divisa que hoxe milítase nos medios e non nos partidos, e todo lle foi a pedir de boca cando La Sexta e outras canles privadas tornárano na súa estrela favorita. Logo, esvaido nas obrigas parlamentarias como eurodeputado  en Bruxelas, a aura foise apagando. Até que a chicotada recibida no debate co líder de Ciudadanos, o tamén político emerxente Albert Rivera, mandoulle un aviso que o seu ego non podía ignorar. Había que volver á pequena pantalla ou, como aseguraban todos os inquéritos, máis dura podería ser a caída.
E volveu onde adoitaba. Abriu a súa casa de par a par á raíña do sensacionalismo cool Ana Rosa Quintana en Telecinco; deixouse arrolar de novo polos programas amigos (Gran Wyoming, Ferreras, etc.) e até fixo birlos no Hormiguero de Antena 3  amosando as súas múltiples habelencias. A grandes maes grandes remedios!  Esa é chave certa do mísil propagandístico guindado por Podemos e o seu secretario xeral Pablo Iglesias para volver situarse en órbita. En boa lóxica surrealista, para invadir os céus, mellor de brazo dado dun xeneral de división do exército do aire.
José Julio Rodríguez Fernández, brillante número 2 de Podemos en Zaragoza para o 20-D, substituíu no JEMAD (Xefe de Estado Maior da Defensa) no ano 2008  ao tamén xeneral Félix  Sanz Roldán, hogano director do CNI (Centro Nacional de Intelixencia). A ex comandante Zaida Cantera de Castro acusou directamente á cúpula militar de tapar os abusos sexuais que sufriu ao longo de 2008 e 2009.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off