off
Galiza, Meio ambiente, Opinião — 28 Febreiro, 2015 at 8:30 a.m.

O Supremo verifica a irregularidade da piscifactoría de Touriñán aprobada pola Xunta de Fraga en funcións e anulada polo bipartito en 2006

by

O tribunal supremo constata a ilegalidade da piscifactoría de Pescanova en Touriñán e condena a Xunta a pagar 1 millón de euros. Feijoó que instou o bipartito a respectar os “dereitos constitucionais”  de Fernández de Sousa, presidente de Pescanova, defendeu a “legalidade” da ubicación da piscifactoría  en plena Rede Natura  e que segundo a sentenza do TC mostra “vicios de nulidade de pleno dereito”


 

Touriñan_ollaparo
Faro do Cabo Touriñán

Como antes o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o alto tribunal español certifica agora que a concesión outorgada en 2005 polo Goberno de Manuel Fraga, xa en funcións, non se adecuaba a dereito. Dende que vai xa unha década, en 2005 López Veiga promovera o primeiro Plano Acuícola o obxectivo que teimudamente perseguiu a Xunta foi cultivar peixes en terra nun país que conta cos ecosistemas mariños máis fecundos do mundo. Daquel “Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria”, xurdiu a megaplanta de rodaballo de Stolt Sea Farm en Cabo Vilán, en plena Rede Natura e entre multinacionais acuícolas repartiron a costa. Este modelo sustentado na especulación e nas subvencións públicas creado polo Partido Popular promovía que Stolt  tomara a Costa da Morte e Pescanova tramando a mover os marcos en Touriñán.

Durante o bipartito, a acuicultura industrial en terra seguiu a ser unha aposta da Xunta, mais matizada tamén por outra sensibilidade e pola mobilización social. Nesta etapa, na Rede Natura, de entrada, non.
Tal foi así que Pescanova privada de Touriñán marchou a Portugal a “investir” e puxo en marcha a planta de Mira. Malia ás enormes subvencións públicas (preto do 50%) e á propaganda dos medios afectos; falouse de 3000 postos de traballo cando só empregou menos de 200.

Problemas técnicos e de deseño no proxecto derivados de que a factoría foi obrigada a instalarse a 500m da costa,  á saturación do mercado e á fraudulenta xestión de Pescanova fixeron que Mira nunca fora rendíbel. .

Coa chegada de Feijóo e Hernández á Xunta de Galicia modificou a Lei do Solo para permitir piscifactorías en primeira liña de costa e chan protexido; redactouse un Plano do Litoral á medida e un Plano Director da Rede Natura para permitir a Pescanova “retornar” a Touriñán , declarouse a acuicultura “de interese público de primeira orde”. A conivencia da Xunta de Feijóo co lobby dos peixes planos foi total, mesmo enviaron á conselleira Rosa Quintana a Europa como axente comercial para tentar reorientar os fondos da PPC (política pesqueira común) que xa non subvenciona a macroacuicultura industrial e si as pequenas iniciativas locais de marisqueo e cultivos mariños.

O goberno popular da Xunta de Feijóo autorizou unha planta ilegal en solo protexido, ilegal porque así ven de confirmar dez anos despois o Tribunal Supremo que aquela decisión foi irregular e condenar o Goberno galego a indemnizar a empresa con máis dun millón de euros.

Os hábitats e espazos protexidos teñen consideración legal e resulta indigno que o negocio privado,poida prevalecer por riba da utilidade pública duns  espazos imprescindíbeis para a protección e conservación da biodiversidade e para garantir a salubridade pública e a calidade de vida.

Desde o punto de vista ambiental non hai alternativas que poidan compensar a destrución ou a perda de hábitats e de especies protexidas por  mor destas 23 instalacións na Galiza e que xeran menos de 350 postos de traballo; namentres 24268 persoas (Ministerio de Agricultura, 2011) traballan no sector acuícola galego, a porcentaxe de empregos nos peixes planos con respecto ao total do sector acuícola é só do 1,3%. E sobre a produción, a porcentaxe representa o 3,9%.

Malia a esta realidade, políticos e medios subvencionados venderon sen pudor a acuicultura industrial en terra como a panacea para zonas deprimidas como a Costa da Morte. Outra burbulla que ao estoupar, só deixou máis débedas, precariedade e paro. Agora ademais resultou que era ilegal.
Ao mellor tamén che interesa:
Fonte:Adega

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off