Igual que é imposíbel facer unha tortilla sen ovos, tamén non se pode inducir a posición política dos cidadáns sen pasar polas urnas. Mas para paliar ambas cousas hai remédios, segredos, mentiras e estatísticas. O tradicional prato, ten a sua alternativa nos socorridos ovos pasteurizados, e as sondaxes son o melhor sucedáneo para albiscar o que opina a xente da cousa pública. Mas, como ocorre no cinema, ás veces calquer parecido coa realidade é por acaso.
O exemplo témolo comparando o impacto de dous grandes inquéritos sobre a actualidade política realizadas co só nuns dias de diferenza por dous prestixiosos institutos demoscópicos. Un dunha empresa privada, Metroscopia, que costuma se publicar através das páginas do diario El País, e a outra, gobernamental, a do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS). Unha sinxela comparación sobre o apartado “estimativa de voto” (con cociña) en ambos casos revela que aqui tamén o demo se oculta nos detalles. Imos ver.
No traballo de Metroscopia o organigrama sobre as preferéncias políticas é:
1º Podemos (28,2%) 2º PSOE (23,5%) 3º PP (19,2%)
Polo contra, no do CIS o ranking investese por unha cativa e decisiva marxe:
1º PP (27,3%) 2º Podemos (23,9%) 3º PSOE (22.2%).
Terá algo que ver este toque requintado, que gaba a uns e escalabra a outros, co facto de que o CIS dependa de presidencia do Goberno e os inquéritos de Metroscopía as encarregue unha empresa da confraría bancário-felipista
Metroscopia elaborou o seu estudo en base a 1.000 entrevistas realizadas nos dias 7 e 8 de xaneiro e o do CIS foi sobre 2.500 entrevistas entre o 2 e 12 do mesmo mes.