off
Saúde, Saúde — 10 Outubro, 2014 at 12:18 p.m.

Estigma

by

Ollaparo_estigmaO Dia Mundial da Saúde Mental celébrase o 10 de outubro co obxectivo de sensibilizar a poboación sobre  a problemática social, económica e sanitaria que encerra a saúde mental


É dificil safarse da especulación inmediata que leva a visar os problemas de saúde mental con sospeitas infundadas. A maioría da xente ainda acredita que ser tratado dun problema de saúde mental é un sinal de fracaso persoal e moitos non quererían vivir con  alguén que  tivo un problema de saúde mental. Son moitos os que negan sen matices que persoas que teñan pasado por un episodio de doenza mental deban ter fillos. Decote, a imprensa abre titulares coa morte violenta de quen sofreu agresión de alguén co historial de problemas mentais. O tratamento informativo adoita caer na fácil especulación que visa facer dos problemas de saúde mental o principal sospeitoso de actos violentos. Porén, algúns do principais atrancos de quen procura axuda a un problema de saúde mental continuan a ser a falta de servizos , o  recoñecemento de quen ten un problema de saúde e o estigma.

Malia ir aumentando a conciencia das dificultades en saúde mental – a pior finanzada no servizo público de saúde-, o  estigma segue a culpabilizar as persoas  creandolles  a  sensación de vergoña e  medo. Xunto coa culpa seguen a ser algúns dos grandes atrancos que dificultan que as persoas con problemas de saúde mental procuren a axuda que necesitan. Nunha sociedade que premia o éxito aparente,  é doado perceber que os outros van velo como un fracaso,  como unha nai  indigna de confianza ou un veciño proclive á  violencia.  As mensaxes contradictorias que enxendra a cultura capitalista de consumo móstranse especialmente na bulima e a anorexia nervosas xa que foron enxendradas polo “capitalismo parasitario” (Baumann) para colocar ao suxeito nun imposibel: convida os suxeitos a desfrutaren intensamente dos praceres da físicos, alimentares e sensoriais e ao mesmo tempo, lanza a advertencia de manterse en forma como restrición persoal e cuidado de si. Demediado entre a fruición consumista e o apelo espartano, o resultado é incapacitante, en moitos casos, desorientador noutros.Preocupante cando coagula nun proxecto político abertamente intencional de selección biopolítica. Lembrábao nestas mesmas páxinas a psiquiatra Maria M. García ao describir os efectos que o novo código penal tería na doenza mental ao equiparalo con perigosidade social, opoñéndose a toda evidencia científica e estatística. Perante o desprestixio ou a ameaza de morte social quen estaría disposto a admitir que ten unha dificultade de saúde mental?

Infelizmente, esa é a realidade de moitas persoas, sobre todo as de idade avanzada, a mocidade e máis homes do que mulleres que condicionados pola ideoloxía patriarcal, non procuran a axuda que precisan. O estigma é un factor que contribúe á taxa de suicidio, que é unha das máis elevadas de Europa. A falta de planificación e de recursos especializados, o illamento social e o estigma son os principais contribuíntes.  Alberte X. Araúxo Vilarprofesor de  Ciencias da Saúde da USC, describíao así o pasado setembro no Galicia Confidencial:

“A actual crise económica veu visibilizar situacións destas máis que no pasado, ao colocar a moitos cidadáns en situacións límite. A carencia de protocolos específicos para detectar preventivamente aos individuos máis vulnerabeis debería ser paliada. Aquí hai unha clara responsabilidade dos poderes públicos, nomeadamente das Consellerías de Traballo e de Sanidade. O inxente traballo realizado polos equipos de atención primaria -lamentabelmente infradotados, trala paralización por este Goberno do PP do “Plan de Primaria” iniciado polo Goberno Bipartito-, e do voluntarismo dos profesionais de traballo social, non abonda para unha intervención á altura que compriría.”

Unha complexa problemática sanitaria que non semella estar a merecer atención por parte do SERGAS malia a alarmante taxa de sucidio e a falta de programas e plans extratéticos direccionados  á saúde mental en xeral e cara aquela patoloxía mental que cursa con un maior grau de severidade clínica e disfuncionalidade social. Cales son as campañas de educación pública para aprenderlle á xente os efeitos de problemas de saúde mental?  Infórmase á cidadanía que as  evidencias non sustentan as visións estigmatizantes? A estas alturas non debería ser de coñecemento xeral que as persoas que teñen dificultades de saúde mental non son máis proclives que o resto da poboación a cometer un crime grave?. De feito, algunhas investigacións suxiren que son menos propensos. O desespero persoal raramente traslada a violencia cara outras persoas. A máis de raiva ou de xenreira, precisa de premeditación e motivación; sentimentos que non se asocian coa maioría de cadros graves de saúde mental.  Aliás, as persoas con patología mental adoitan ser  as víctimas. Portanto, procurar axuda non é un sinal de fracaso, pola contra, é unha decisión valente no sentido de asumir a abordaxe  do que nos é propio a cada un.  Ese paso precisa de auto-coñecemento, compromiso e coraxe para recoñecer que hai unha dificultade. Non hai absolutamente ningunha evidencia para suxerir que a persoa con problema de saúde mental nos fai un pai ou un veciño non confiable. Acontece que os problemas de saúde mental teñen un  impacto sobre toda a familia e a sociedade  porque, a máis das causas endóxenas ou propias da cada patoloxía (moitas delas non son invalidantes) tamén canalizan e reflicten os efectos das políticas públicas, da falta de equidade e  falta de recursos  que sumado á falta de programas específicos  aumentan a invisibilización de quen padece un problema de saúde mental, aumentando os procesos estigmatizantes que teñen un impacto sobre quen o  experimenta   e sobre a súa contorna familiar.

Combater o estigma non é unha tarefa fácil na sociedade do éxito. Sabemos que as dificultades de saúde mental teñen un grande impacto sobre o tecido social e económico de calquera país. E este xa ten problemas de abondo como para continuar ignorando a  saúde mental da poboación galega. É hora de que nós, como sociedade, afrontemos o prexuízo inoculado  en relación ao que é un dos maiores retos para a sociedade moderna, a saúde mental.

Ao mellor tamén che interesa:

O regreso dos patexos

One Comment

  1. Antón Cribeiro

    Moi bó. Abonda ler un pouco de como funcionar o cerebro humano para decatarse que as persoas coa saúde mental afectada poden ter causas e consecuencias moi variadas, pero sempre son víctimas. Predisposición xenética, sensibilización ambiental, o que sexa. E pedir axuda confirma que non se está tolo, incluso pode que se padeza un tormento peor que na meirande parte das enfermidades clásicas. Todo está no cerebro, sen él, non hai nada. Parabéns polo artigo.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off