off
Política local — 19 Decembro, 2013 at 11:08 a.m.

Orzamentos 2014: ilusión cero

by

No pleno extraordinario  para aprobación dos orzamentos 2014,  no que se incorporada por primeira vez a concelleira  Pilar Pérez Villar (PP) en substitución de Leopoldo Rubido, o grupo de goberno, facendo valer a súa maioría absoluta, non argumentou a defensa dos orzamentos nen deu resposta aos interrogantes da oposición. A portavoz municipal do BNG de Cedeira expón porque votou en contra.


Este pasado mércores, 18 de decembro celebrouse no Concello de Cedeira  un pleno extraordinario convocado polo grupo de goberno do PP co obxectivo  de aprobar os presupostos para o 2014, incluíanse tamén na orde do día  a disolución da Fundación municipal Gerardo Villabrille e a aprobación do  catálogo de postos de traballo do Concello de Cedeira para o ano 2014.

O BNG nada máis comezar o acto solicitamos que se retirara da orde do  día o punto relativo á aprobación do orzamento, xa que consideramos que na cantidade prevista como ingresos procedentes do IBI, non se tiveran en conta nin as bonificacións aprobadas polos populares no pleno celebrado o 30 de outubro, nin a solicitude dun pleno extraordinario por parte do PSOE para debatir sobre o catastrazo, nin a presentación por parte de diversas Asociacións de Veciños deste Concello dun escrito acompañado de numerosas sinaturas, no que se solicita a rebaixa do tipo de gravame do IBI, establecido para o ano que ven polo grupo de goberno popular nun 0,55%. A rebaixa proposta é que o tipo de gravamen sexa do 0,46% nos solos urbanos e do 0,30% nos rurais.

…nada máis comezar o acto solicitamos que se retirara da orde do  día o punto relativo á aprobación do orzamento, xa que consideramos que na cantidade prevista como ingresos procedentes do IBI, non se tiveran en conta nin as bonificacións aprobadas polos populares no pleno celebrado o 30 de outubro, nin o catastrazo, ni as sinaturas dos veciños a prol da rebaixa do tipo de gravame do IBI

O grupo popular de goberno negouse a retirar o punto da orde do día iso si sen argumentar absolutamente nada en relación ao desequilibrio presupostario que suporá que nos seus presupostos non teñan en conta á hora de prever ingresos, nin as medidas que eles toman (as bonificacións das que falábamos non están incluídas nos ingresos polo IBI) . Pero o que aínda é máis grave para a saúde da democracia, é a total indiferencia que manifesta o goberno municipal con respecto ao que xustamente reclaman os veciños aos que gobernan.

O grupo municipal do BNG votamos en contra da aprobación dos presupostos despois de expoñer a nosa argumentación a este respecto. Argumentación que imos a facer tamén aquí porque nos parece fundamental que toda a veciñanza estea informada do que se fai cos cartos de todos.

Ingresos

•O aumento dos ingresos polo IBI, ou ingresos xerados pola comunmente denominada contribución. Ingresos que pasan, nos bens de natureza urbana de 1.100.000 € deste ano 2013, a 1.250.000 previstos para o 2014. Supoñen polo tanto un incremento de 150.000 €. Revisando presupostos de anos anteriores, pódese facer unha comparativa moi sinxela e cuns resultados realmente abrumadores. No ano 2007, os ingresos do Concello polo concepto IBI foron de 716.000 €, metras que o orzamentado para o 2014 (só de natureza urbana) é de 1.250.000 €. É dicir, en 7 anos o incremento destes ingresos é practicamente dun 100%.

O que o BNG queremos amosar con este exemplo é algo moi claro, comparamos os ingresos do ano 2007 como referente de ano “precrise” cos previstos para o 2014 e o máis apreciable é que xustamente cando estamos a vivir tempos de gravísima crise económica, ou as consecuencias da crise do sistema financieiro, de políticas de recortes brutais por parte dos gobernos do PP, as veciñas e veciños de Cedeira imos pagar só polo IBI de natureza urbana 1.250.000 €. Cando máis dificultades ten a poboación en xeral e a do noso pobo en particular para saír adiante, para comer, para chegar a fin de mes, para pagar as subidas de todos os impostos, gobérnase de espaldas á poboación, sen ter en conta as súas necesidades, só se conta con ela para que pague taxas e impostos, e o goberno municipal dá boa mostra disto. En concreto no caso do IBI as previsións non teñen en conta as bonificacións que eles mesmos aprobaron para engadir a súa ponencia de valores do 2013, nin tampouco ao pleno que aínda se ten que celebrar para a revisión precisamente da ponencia de valores, nin ás alegacións que varias asociacións veciñais presentaron contra o establecemento do tipo impositivo único do 0,55%.

O grupo de goberno municipal do PP teñen a todo o mundo en contra da suba da porcentaxe de pago dos recibos da contribución pero non escoitan a ninguén nin entran en razón

•Para seguir coa comparativa que establecíamos entre o ano 2007 e 2014, imos facela agora tamén cos ingresos xerados pola aportación dos parques eólicos. 72.800 € no 2007 e 87.000 € no 2014. Parece que no que nos afecta a todos, os pagos dispáranse pero si os afectados son empresas, neste caso eléctricas non se disparan tanto.

•Continuando co estado dos ingresos e en relación á taxa por ocupación de terreos con postos e barracas, o grupo popular de goberno, prevé uns ingresos de 30.000 €, iso si so garantizan (segundo o informe da intervención) 3.000 € e si o necesitaran contan con 27.000 € do reseñado para cultura. A xestión do PP con respecto ao feirón mensual durante toda esta lexislatura foi catastrófica e o que se pode ler entre liñas é que o que pretenden é eliminalo. Resulta incomprensible porque o feirón funciona como un auténtico dinamizador da economía local.

Pero a este goberno municipal dálle igual, a idea de facelo e poñelo en funcionamento non foi de ningún goberno do PP e vese que iso lles molesta moito. Habería que preguntarse tamén si non tiñan outra partida coa que meterse que coa de cultura. Que é a cultura para este goberno municipal, un comodín ao que no caso de que falle unha previsión quítanselle 27.000 €?.

•Con respecto aos ingresos o BNG preguntamos tamén en que gastaron, si é que o fixeron e en que pensan gastar a subvención da Xunta para o PXOM por un importe tanto en 2013 como en 2014 de 30.365,28 €. Por certo o BNG aproveitamos tamén para recordarlle ao grupo de goberno municipal que a comisión creada por eles ao principio da lexislatura para tratar de temas urbanísticos aínda non se convocou nunca.

Estado dos gastos

Para empezar, aumentan os gastos relativos á partida de retribucións dos órganos de goberno. Establécese ademais unha excesiva retribución por asistencia a sesións da Xunta de Goberno Local, 186 € que multiplica por 3 a retribución por asistencia a plenos, 60 €. O BNG propoñemos que se equiparen  estas retribucións, considerando tamén a baixada dos 60 € por pleno. En relación aos gastos de móbiles do grupo de goberno municipal, establecidos en  40 € mensuais para os tenentes de alcalde e 30 € para o resto dos concelleiros  é obrigado tamén propoñer a búsqueda de tarifas máis baratas.

E que dicir do aluguer do local de maiores?, gasto innecesario que conta coa  oposición dos afectados, que só en aluguer no 2014 vai supor un gasto de 12.000 € ao que habería que engadir o orzamentado en distintos apartados incluídos no epígrafe de “acción social”?. Si sumamos o aluguer, 12.000 € + subministro eléctrico, 1.000 € + limpeza, 2.400 €+ mobiliario e enseres 9.000 €, temos un total de 24.400 €, e seguramente nos quedamos cortos porque as denominacións dos presupostos son demasiado xenéricas e pode haber máis gastos non apreciables nos mesmos de forma directa. Un derroche sen ningún tipo de xustificación que por exemplo permitiría a contratación de varias persoas para axuda no fogar, ou que non se teñan que pagar talleres como o que o grupo popular publicitaban días atrás na prensa, dirixidos a persoas con alzheimer e cun coste por participante de 100 a 150 €. En que mundo vive o goberno municipal? Son conscientes das pensións que cobran os nosos maiores?

Sobre o gasto de recollida do lixo, 660.000 €, botase de menos unha pormenorización deste gasto. Sabemos o que lle vai pagar o Concello a Celtaprix ou o que nos costa a todos a privatización dun servizo que debe de ser público, 426.457,24 €. Pensan vostedes pagarlle a suba do canon a Sogama?.

No último pleno ordinario aprobouse por unanimidade a nosa moción, do BNG, cando o que nós defendemos é que se busquen modelos alternativos baseados na reciclaxe, compostaxe e reutilización.

Imos volver a establecer a comparación co ano 2007, no que o gasto total no servizo de limpeza foi de 447.000 €, agora 7 anos despois 220.000 € máis (35 millóns das antigas pesetas). Datos que nos amosan o fracaso das políticas privatizadoras dos servizos públicos que fixeron e continúan a facer nalgúns Concellos os gobernos do PP, mentras ca noutros, servizos que se privatizaran como o da auga ou do lixo estanse volvendo a facer públicos polo esaxerado gasto que supón manter as privatizacións.

O gasto total en enerxía eléctrica é tamén moi significativo, 275.000 €, o que supón un gasto aproximado de 4 millóns das antigas pesetas ao mes.

E é verdade que neste tema o Concello ao igual que todos os cidadáns sufrimos as brutais subidas do recibo da luz, pero é o PP, no goberno do estado o que permite e impón os abusos nestes recibos, con consecuencias desastrosas para a economía dos usuarios e con ganancias millonarias para as empresas subministradoras de electricidade.

Chamounos tamén a atención na análise destes presupostos no relativo a administración financieira uns intereses de demora de 35.000 €, que pasa con  eles, pérdense ou pénsanse recuperar?

Sobre o reparto das subvencións por parte do grupo de goberno municipal, xa vimos publicado en diversos medios de comunicación protestas con respecto ao mesmo e dende o BNG insistimos na necesidade de que se establezcan criterios claros e transparentes para a obtención das mesmas pero o goberno municipal non parece estar pola labor.

Incerto futuro

Xa para rematar e a xeito de conclusión, para o BNG o orzamento presentado polo goberno do PP é un orzamento esgotado antes de empezar. Non hai ningunha previsión orzamentaria que poida supoñer unha reactivación económica para o noso Concello. Non se aposta por absolutamente nada, os seus “estupendos” plans en investimentos redúcense ao aluguer dun local innecesario e ás obras incluídas no POS 2014 (Plan de Obras da Deputación), plans os dous aos que o BNG xa nos opuxemos cando foron tratados en anteriores plenos.

Temos que dicir ademais que estes presupostos son un bo exemplo do que é un goberno do PP, o que é unha política de dereitas, nas que non se teñen en conta as necesidades nin as demandas sociais, na que se abusa dunha maioría absoluta sen buscar nunca consensos que garantan o ben público. Os campións da austeridade están a poñer o contador da ilusión a cero pois con estes orzamentos desbáldanse recursos públicos que deste xeito non sirven para defrontar dende a administración pública a situación crítica das economías domésticas nen como motor de arranque da economía productiva de Cedeira.

Por iso e por todo o exposto o BNG votou en contra.

María Xosé Rodríguez Pérez, portavoz municipal do BNG de Cedeira

Tags

One Comment

  1. Este documento e o fiel do estado das cousas. Realmente ollase unha desfeita enorme. Vamos para atras coma o patexo.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off