off
Economía, Galiza, Política, Traballo — 15 Outubro, 2013 at 9:48 a.m.

O debate do estado da nación ao servizo da estratexia política do PP no Estado español

by

O estilo de goberno de Feijóo ficou claro unha vez máis,  facer oposición da oposición. O debate do estado da nación ao servizo da política do PP no Estado español. Neste contexto, teimar  contra o soberanismo, demonizando calquera vincallo do BNG con Bildu e ERC, non é apenas unha salva ao sublime artefacto da España única e uniforme, é a mesma estratexia de confusión de sempre, a forma ideolóxica que serve para encobrir o feito de que tras a pose arrogante esvaeceron os habelenciosos políticos que todo o reducían a xestión, que baixo a máscara non hai proxecto de país e nada de eficacia, agás a o artimañoso que é  para poñer cebo e Beiras picar nel. De aí a teima por demonizar o soberanismo ou calquera resposta á situación do país en clave de país. De aí tamén a total falta de rubor ao espetar que Castelao non era independentista o que, a máis de ser un pinchocarneiro interpretativo de quen descoñece o pensamento político do de Rianxo, é o que é,  españolismo contra galeguismo e  a política entendida como pura cosmética estatística. O medio punto de rebaixa nos impostos e o peche preventivo de Corcoesto. O pior de todo: a impostación intelectual, a autocompracencia e a nula responsabilidade.  Derrámase o debate porque non se recoñecen as diferencias. Supura a mesma intransixencia e intolerancia que Aznar pero con máis gracia para facerse in-creíbel.

Grandes omisións, manca finezza. Nada máis. Moi baixo perfil, tan baixo que, acomodando no fetichismo das cifras, o presidente Feijoó non foi quen de ensarillar unha proposta mínima sobre o sector lácteo e o mariñeiro, o sector naval e  o expolio de NGB, que facer co sistema de financiamento e coa reforma local que lle tira competencias aos concellos, quer dicir, como facer que o autogoberno nos sirva para sair de crise e máis alá. Todo o  demais son remelas nos ollos, política do GADIS e ningunha proposta.

A un cidadán que esté a sofrer desemprego e a padecer as políticas de austeridade, saber que Galicia é un país excedentario  con grande potencialidade productiva nos sectores pesqueiro, agroforestal e enerxético, ouvir falar a Feijoó dos turistas que nos visitaron débelle producir pruído e fondo desasosego,  se no seu entorno non deixa de ver como novos e non tan novos están a liscar do país na procura de traballo en Navarra, Alemaña ou Suiza. Feijoó mostrouse como un  presidente máis achegado aos avatares da España centralista do que á Galicia productiva que agoniza. Cada día abandonan Galicia 70 rapaces de entre 20 e 34 anos(Feijoó xa non le La Voz?) A folla do balanzo xeral é moi negativo porque nen beneficio didáctico tivo. Contradí  o significado de termos autonomía. Ao cabo, cando o presidente dun país renega ter capacidade de decisión só fica como moeda de cambio. E a desfeita, intacta.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off