off
Contos, Recanto — 29 Xullo, 2013 at 7:09 a.m.

O Novo,o Vello e o Vento

by

A Ría andaba a madrugar xeada nun amencer de inverno, o frío terral semellaba alonxarse como un rio de néboa que fuxía pola bocana da ría  mesturándose nas augas do Océano Atlántico.

Pechou a porta e pensou no petate, estaba todo alí… un bocado de pan, unha lata de chicharro, o mal corpo e o frío.

Chegado ao peirao temesiño saudou á compaña e baixou a rampla do peirao, embarcando na chalana agarrouse azoso ao remo habitual nel xa dende os xogos da infancia. Atracou con destreza ao costado de babor daquel nomeado pesqueiro curtido en terríbeis galernas e fabulosas cubertadas de grosas pescada. Brincou lixeiro abordo, intensos cheiros nun principio ingratos envolvían aquel entorno e observou na face daquel casqueiro vello as cicatrices das desventuras salvadas nos xeados salseiros, nas ondaxes salvaxes do tempo do Norte, ou con Oeste ventoso e mar e ceo treboado… e sentiu no navegar do pesqueiro o sentir do pensamento salado.

Accedeu polo calexón de estribor á zona de popa onde cumpriría obriga, quedou enfeitizado, tanta orde en en tan reducido lugar!. Naquel entorno habituado ao desequilibrio sorprendía a harmonía da constancia, amosábase sabedoría e adicación nas simétricas estibas de moas de cordas e trincas, de roupas d´augas, de coitelos e pedras de afiar, arganeos, poleas, mosquetóns… todo a “son de mar”. E aínda cabía espazo para soños de coral, de cunchas, de pedras e até algún trasto banal. Nunha sinxela bancada de madeira sentado observaba un vello mariñeiro que así falou:

Benvido sexas compañeiro ti ocuparás o meu lugar i eu voltar ei a esa terra da que ti ves e na que eu xa non sei andar. O teu traballo será o que durante moito tempo e até hoxe foi o meu, a estiba da Pedreira do aparello, esta relinga con chumbadas estivada na pana.

 

Preguntarás: Porque se chama pedreira e non chumbeira, a resposta é sinxela, os seus principios foron baseados na pedra. Debes aprender os principios e os fins das cousas!

Debes estar sempre atento, mira ao horizonte, habitúate!, coñece a Rosa do Ventos, aprenderás a previr os males e trazar o bo rumbo,  mira o ceo Merak e Dube cinco veces prolongadas marcan a nosa referencia. Nunca busques o Norte obsesivamente, o tempo do Sur pode sorprenderte na túa popa, mira de cando en vez atrás, a  estela debuxada marca o teu principio.

Insiste!. Non cedas nunca no aprender, mira ben dentro, fala contigo, debes ser sincero. Atoparás o que procuras cando coñezas a paz que eu xa levo. Moitos anos pasaron e o mesmo que trouxen é o que teño, un océano de soños que me manteñen esperto, e tal vez si amaño ese vello balandro… tal vez terei de novo o mar, tal vez terei de novo o vento, nada che son por fora, máis si é moito o que levo dentro e iso no se fai lixo senón que se mantén no tempo.

Aprende rapaz aprende, respecta terra, mar e ceo, respecta a vida e respecta a xente  compañeiro. Sonche palabras honestas dun vello mariñeiro.

A volta daquela primeira xornada de pesca oficial aquel rapaz traia o corpo revolto e un cansanzo que máis que de un dia semellaba de séculos. No peirao o vello mariñeiro dixo namentres camiñaba sen mirar atrás:

Até sempre amigo recorda, o corpo só é auga, unha pinga, só un momento, máis alma sigue latindo, a alma lévaa o vento… vento somos pois compañeiro.

Nesas sabias palabras descifrou o segredo pois aprendeu grandes cousas nas palabras dun vello.

 

Vento somos, só vento.

 

 

3 Comments

  1. Antom Labranha

    Dunha fondura bela e intrigante; un convite a procura do realmente valioso que se atoa dentre de nós mesmos, na reslaion co habitat propio máis perdpctibel: mar e terra,,,,,son é xa algo.
    Mar ,terra e ventos son daquela, o todo necedario

  2. Grazas Xosé Antonio. A decir verdade de non vivir nos tempos que vivimos e de non soñar nun tempo novo, que me descentra doutros soños. Este é o tipo de relatos que me gustaría facer neste Olláparo. Todo chegará

  3. Xosé Antonio Suárez Aneiros

    Di o refrán que a experiencia é a nai da ciencia; e outro, que a experiencia é un grao.
    Gustoume. Noraboa.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off