off
Meio ambiente, Poesía — 16 Novembro, 2012 at 5:30 p.m.

Río arriba

by

Había moitas chalanas

sempre no río da Vila,

unhas cheas de zarandas

outras ca rapeta en pila,

pero a que máis nos gustaba

era a que máis remos tiña.

Xogábamos ós piratas

no “famoso Condomiñas”,

con espadas dos tarais

de coraza a zapatilla,

para non levar na man,

pois doer moito doían.

Cando nos dábamos conta

tiñamo-la ponte encima,

e ó meternos nos seus ollos

parecía que caían,

pois berrábamos con forza

como se nos fose a vida

para aproveitar o eco,

que tanto nos divertía.

Alí estaba “O Lequeitio”

barco que fora algún día,

enriba de catro paus

na auga xa non vivía,

¡Agora era o retrete

de toda a chavalería¡

Seguíamos río arriba

ata chegar á Xunqueira,

en onde estaba o Ciruxo

traballando na madeira,

él era o número un

nesta Ría de Cedeira,

bonitos barcos facía

¡Carpinteiro de Ribeira¡.

Ó pasar o seu taller

estaba o “Pozo Redondo”,

que era o sitio preferido

para bañarnos en coiros,

algún cortaba unha cana

e practicaba o buceo,

era co que respirábanos

cando estaba o Río cheo.

Outros subíanse a unha árbore

para imitar a Tarzán,

colgada estaba a liana

xa de tempo ben atrás,

como tamén O Muiño,

que moía sen parar,

aqueles froitos da terra,

integrais a máis non dar.

Despois de tanto exercicio

entrábanos moita fame,

nas hortas dos Arrivís

había moitos manxares,

que collíamos prestados

de todalas maciñeiras,

ata que saía o dono

detrás de algunha silveira.

Entón remataba a historia

dese día na Xunqueira,

e voltaban os piratas

para a base de Cedeira,

sempre medio escalabrados

case sen os pantalóns,

pero todos ben de acordo

en repetir a incursión.

2 Comments

  1. E aínda un chisco máis arriba, como lle cantou o Antón Suárez, a nora daquela acea: outra xoia que esvaeceu do patrimonio histórico desta malferida Cedeira.

  2. xesus anxo lópez pintos

    COMPAÑEIRO VAIA RECORDOS TAN BÓS.GRAZAS.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off