off
Galiza, Historia, Política — 22 Agosto, 2012 at 7:29 a.m.

@s vell@s que nos namoraron nunca morren

by

Aínda que hoxe semelle pouco menos que inocente para min naqueles tempos do bipartito o feito de poder escoitar na Radio Galega a Isaac Díaz Pardo, ou as estrevistas telefónicas de Marcial Mouzo a Avelino Pousa Antelo facíanme sentir nun proceso cara unha normalidade democrática.

Máis do mesmo xeito que hoxe coa chegada do Partido Popular ao poder no goberno español botan dos medios públicos a reputados xornalistas, coa chegada de Feij00 á Xunta de Galiza tamén vetaron a eses grandes referentes do galeguismo político e cultural, memoria viva, da proximidade dos micrófonos da Radio Televisión Pública Galega. Non lles sentou ben a “ La Santa Hermandad de los Devotos de Isabel la Católica” que o nonaxenario Avelino se sumara ás manifestacións contra o “decretazo do galego” convocadas primeiro pola Mesa pola Normalización lingüística da que Avelino aínda é presidente de honra, e organizadas xa posteriormente pola Plataforma Queremos Galego, ademáis de moitas outras causas como a da memoria histórica.

Recordo, porque así o vivín como o Avelino lles afeaba a conduta servil e pouco veraz por parte dos servizos informativos da TVG que pretendían iniciar a conexión en directo coa 1ª manifestación da plataforma cidadá no momento xusto no que a primeira lectura do manifesto rematara e a Praza da Quintana era abandonada por milleiros de persoas para deixar libre a praza aos outros milleiros de galeg@s que agardabamos na Praza Praterías e outras, esperando pola segunda lectura do manifesto. Tamén o crucificaron por isto.

Pedirlle ao case centenario Avelino que se acomodara caladiño nunha cadeira dunha fundación era poñerlle balados ao vento, as conviccións e a memoria eran a forza que o levaron a non calarlle a ningún xerifalte e aí deixou as súas temidas verbas:

“A idea de que se podía galeguizar os partidos estatais, o PSOE ou o PP, foi un mal soño de Ramón Piñeiro”

ou cando o PP torpedeou a reforma do Estatuto de Autonomía impulsada polo bipartito: 

“Atopamos a dereita cabrona, que non quere oír (…) Non se logrou o acordo porque o PP está cheo de xente podre da ultradereita”.

Cando o enterro de Isaac Díaz Pardo circulou polas redes sociais a fotografía e o comentario dunha galega indignada chamada Carmen Carmiña Álvarez Domínguez que retrataba un intre exemplificador:

“Aquí a cúpula da Xunta e a Ministra Ana Pastor saudando a Avelino e Antía. Meu Deus, non coñecen aos nosos referentes culturais vivos. Núñez referiuse a Antía como se fose a muller de Avelino. Enchinme de rabexa pola súa ignorancia e atrevemento, e díxenlle de carreiriña: Presidente, ela é, Antía Cal, pedagoga moi querida e recoñecida, fundadora do colexio Rosalía de Castro, 88 anos de lucidez, e viúva de Antón Beiras; grande amiga de Isaac, de Avelino, miña, e dos galeg@s que aman a nosa cultura. Avelino engadiu “son viúvo dende hai máis de vinte anos”. Ao mellor serve un pouco para rebaixar tanta hipocrisía!.”  

Xa nos dicía Don Avelino aló polo ano 1986 no  Olláparo nº4:

”Outros vivimos casque de milagro e folgámonos de ver como, nesta nova etapa, outros coma vós tomades o relevo pola cultura e pola mellora de Galicia en tódolos aspectos”…”Vós tedes sorte de vivir nunha democracia, aínda que esta teña unha serie de eivas e non poidamos considerala un modelo. Pero polo menos- e xa non é pouco- tedes a posibilidade e o dereito de cantarlle as corenta a calquer xerifalte que faga algunha cousa criticable”.

E nesas andamos, aqueles que gardamos loito por don Avelino por ese mestre agrarista, de profesión cooperativista exemplo de bo e xeneroso, patriota galego até o seu derradeiro alento… pois non trago doadamente que aqueles que lle deron toxo nas costas, aqueles que botaron un manto de espiñas de silenzo e invisibilidade en vida agora veñan con rodas de muíño.

“Pousa Antelo é un dos derradeiros que marcaron unha forma de entender o país, unha forma de defender o país, dentro e fóra de Galicia. É un galego dos pés á cabeza que dedicou case un século da súa vida a sortear obstáculos sen cambiar de forma de entender a súa defensa de Galicia e poñendo sempre a defensa de Galicia por riba dos distintos obstáculos que tivo a súa vida”.   Alberte Núñez Feijóo

2 Comments

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off