off
Galiza, Política — 29 Febreiro, 2012 at 12:18 p.m.

Aviso a despistados, non a navegantes!

by


Este inverno ermo e soleado que xa esmorece precisa dunha crónica local que o achegue á rede familiar que é a irmandade Ollaparo. Din os gandeiros que é de tolos, non hai pasto de abondo no seco febreiro do 2012, “Vai haber que tirar do peto e traer pacas de Castela”.

No rural saben que si non chove abondo e non trona no inverno “non abren as augas” e que os abastecementos e os bos servizos son para vilas e cidades.
Na aldea quédanos a desbrozadora particular e a boa veciñanza. Solidaridade herdada en soedade dos mais vellos. Onde é que están os novos?
Os pescadores protestan na Coruña contra o acoso desproporcionado das autoridades da Xunta de Galiza ou escapan un tempo de taxas e tolemias
de tecnócratas e gobernantes rumbo ás augas do Cantábrico. No Gran Sol aínda que as capturas son abondosas sofren indignos prezos en lonxa,
vai mais caro o “panga” importado que a pescada ben traballada polos noso profesionais do mar.

As/os empregadas/os de Celta Prix botaron gran parte do mes sen cobrar as súas nóminas cando gastos comúns e créditos seguen á roda xirando en tempos críticos de economías domésticas penduradas por imposíbeis fíos. Din que ao fin cobraron, non sen recordarlle á empresa e ao mundo que os seu dereitos deféndenos con dignidade. Celta Prix , é un exemplo de “externalización” ou adxudicación de servizo público municipal que se quixo facer ver como de excelente xestión pública polo Partido Popular de Leopoldo Rubido Ramonde (eterno e impoluto rexedor for ever and ever) e que rematou en suculento contrato a Celta Prix. Subrogación de empregados municipais a una empresa privada que pode rematar en desastre.
(O concello nacionalista de S. Sadurniño, por exemplo, cuns tres mil cen habitantes conta con dezaoito empregados municipais, cando tiña noveá súa chegada no 2007. Os salarios e condicións laborais da SAF de S.Sadurniño son bastante mellores que os de cal-quer empresa privada da volta).

O certo é que a situación nas comarcas de Ferrolterra/ Ortegal con preto dos vinte mil parados e una caída brutal na produción, caso do sector eólico consecuencia directa da chegada de Alberte Núñez Feijoo á Xunta de Galiza, coa súa ousada anulación do concurso eólico promovido polo bipartito coa conseguinte paralización do sector nesta esquencida esquina do NW galaico (a irresponsabilidade fai a valentía). Concurso eólico impulsado polo BNG e declarado posteriormente totalmente legal polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Daquela lea mediática orquestrada e lamenta por alcanzar o poder no 2009 a realidade é que agora empresas como Gamesa que tiñan adxudicados MW e futuro no horizonte da crise, pasaron de 36 pas (rotores) semanais de produción no 2009 a 11/15 na actualidade mais centos de despidos e regulacións.
Danse datos certos de que nos próximos meses no medio desta desfeita si non hai boa nova ao respecto de contratacións de novos buques na antiga Bazán ou o pouco que nos queda en Ferrolterra do Sector Naval, unhas cinco mil persoas entre empregados directos, indirectos e autónomos relacionados có sector irán á deleiba nesta maretada que levará con eles comercio e consumo.
Sempre nos quedará o verán. Maloserá! ou Candoserá?.
Nestes tempos non é doado facer chegar no medio de tanta confusión e tanto minifundio novelado a realidade que está a acontecer ao respeito da resposta que se está a artellar dende o nacionalismo. O traballo intenso a prol da pesca artesanal no Parlamento Europeo por parte da Eurodeputada Ana Miranda ante a ineptitude dos representantes do Partido Popular e outros, a batalla dada a prol das caixas e o aforro galego fronte ó bulldozer neoliberal que deu Carlos Aymerich, as propostas de Jorquera para a recuperación do sector naval galego e o fin do veto a Astano ou tódalas actividades que está a desenrolar o sindicato nacionalista CIG contra a reforma laboral e a succión do sector público pola pillaxe que vai de garavata e traxe. É aí a Folga Xeral do 29M!.

E para mais claridade como aviso a navegantes despistados, Aínda que as novas falan de escisións e leas no BNG, aqueles que aceptamos os resultados democráticos da XIII Asemblea Nacional de Amio, xa trimamos velas á espera de partir neste barco a novo rumbo. Por si o baleiro virtual que alentan os medios e os interesados fora quen de inocular nas mentes algunha fantasía ou despiste, afirmo como membro do consello local e comarcal do BNG que cando remate este eterno debate aínda aberto no seo do BNG, posibelmente a partir do dia 11 de Marzo comezará unha nova singradura, coa confirmación do compromiso adquirido cós cidadáns das nosas representantes municipais, có nacemento da nova paxina do BNG na rede, coa promoción de asembleas abertas cós noso simpatizantes e votantes e de actos informativos culturais que nos acheguen a realidade da Galiza/Mundo a unha vila cada dia mais alleada da cultura, da lingua, do país e do combate construtivo da realidade social e económica que estamos a padecer. Darlle a volta aos feitos sendo proactivas/os. Ou somos ou non somos! que diría o Gelo do Moure.

Na rúa, no concello e na rede o BNG de Cedeira estará moi presente. Sen medo.

Tags

2 Comments

  1. Sempre é bo escoitar a voz do disidente, mesmo cando se permanece da outra beira. Beiras hai moitas, e de innegábeis virtudes. Son esas virtudes as que hai que escoitar alén do personalismo. O BNG terá que decatarse xa o que é o 15-M e que hai unha desencanto que pode levar a que a fenda sexa aínda máis larga.

  2. Eu teño claro que hai unha crise pero de ideas e proxectos por parte de quen nos goberna. Privatizacions a esgalla, pero ¿ os dereitos dos contribuintes a recibir un servizo de calidade tamen se privatiza? ¿ e os dereitos dos traballadores que desenrolan esas tarefas tamen se privatizan? Poñen en tea de xuizo todo o sector publico e poren o estado de benestar. ¿ Farian vostedes isto señores neoamigos si tiveran en fronte o bloque comunista? Non por que eles si podian decir que tiñan garantidos servizos que consideramos basicos.
    ¿ Cal e a sangria que temos que pagar os cidadans para manter a teoria do Señor Adam Smith?
    ¿E si hai revoltas sociais que van facer, igual que en Valencia? Si nos somos o inimigo pois imos a selo pero defendendo o DEREITO A UNHA VIDA DIGNA. I este ” inimigo” recordalle aos politicos que e un contribuinte que paga parte dos seus soldos. Enton si son o inimigo ¿ Por que pargarlle a alguen que me goberna para que non teña dereitos e por riba permite que me zoupen nas ruas por facer uso do me dereito a manifestarme pacificamente?
    POR FAVOR BAIXEN DO FRANQUISMO E ESPAÑOLISMO CADUCO.
    ESTA E A MIÑA RESPOSTA COMO GALEGO.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off