off
Galiza, Normalización lingüística — 20 Xaneiro, 2012 at 6:16 p.m.

Grave caso de discriminación lingüística nun centro hospitalario

by

A Mesa pola Normalización Lingüística

O Hospital Nosa Señora de Fátima ameazou presuntamente con non operar un doente se este non asinaba un documento en castelán que previamente el solicitara en galego
A Mesa considera este caso “inadmisíbel” e pide responsabilidades directas ao SERGAS, que mantén un concerto co centro privado vigués para derivar doentes da rede pública

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de ter coñecemento dun novo caso de discriminación e vulneración de dereitos lingüísticos a un cidadán galegofalante no ámbito da sanidade, acontecido no Hospital Nosa Señora de Fátima de Vigo, de carácter privado mais cun convenio co Servizo Galego de Saúde.
A través da Liña do Galego, un servizo da Mesa dirixido a toda a cidadanía para informar e asesorar sobre dereitos lingüísticos e tramitar consultas ou queixas neste ámbito, un doente informou de que desde o citado Hospital de Fátima non se lle quixo facilitar un exemplar en galego do documento de consentimento para o tratamento de datos persoais, como paso previo a unha intervención cirúrxica á que este cidadán se ten que someter nese centro logo de que o propio SERGAS o derivase para este hospital.
Inicialmente, cando o doente solicitou poder dispor do documento en galego antes de o asinar, desde o Servizo de Atención ao Doente indicáronlle que non dispuñan dese modelo de documento en galego e que, ademais, “legalmente non estaban obrigados a dispor del”.
A situación tornouse moi grave cando, ao o doente insistir en que só asinaría o documento de consentimento se estaba en galego porque sabía que estaba no seu dereito, desde o mesmo Servizo o advertiron, literalmente, que “ou asinaba o documento tal e como estaba, en castelán, ou ben non podería ser operado no centro”.
Soamente cando o cidadán afectado indicou que poría esta desagradábel situación en mans da súa avogada e en coñecemento da opinión pública, desde o Servizo de Atención ao Doente puxérono en contacto coa dirección médica do hospital, que se comprometeu a buscar co SERGAS unha solución ao conflito.
A Mesa valora este novo caso de discriminación lingüística no ámbito da sanidade como “especialmente grave” e exixe da Consellaría de Sanidade unha “inmediata investigación” que se traduza de contado na “aplicación das medidas necesarias” para garantir que o uso do galego polas ou polos doentes non se teña que ver convertido sempre “nunha auténtica carreira de obstáculos”, e menos “perante situacións tan delicadas como unha intervención cirúrxica”.
A asociación cidadá en defensa do galego reclama tamén á consellaría dirixida por Rocío Mosquera que, no entanto existan os concertos con centros médicos privados, Sanidade “actúe” para garantir que nos mesmos sexa respectada a lexislación e os dereitos lingüísticos, tanto dos doentes como do persoal, “exactamente ao mesmo nivel que na rede de centros públicos” e para que a lingua propia de Galiza “deixe de ser unha lingua de segunda no ámbito sanitario”.
A Mesa, por último, anima a todas as persoas sensibilizadas coa diversidade lingüística e cultural e contrarias a calquera tipo de discriminación a dirixiren correos electrónicos á dirección do Hospital Nosa Señora de Fátima para, coa debida corrección, recordarlles que o galego é unha lingua plenamente oficial e que na nosa sociedade xa non teñen cabida comportamentos discriminatorios impropios deste século.

3 Comments

  1. Cada vez hai menos galegos conscientes dos dereitos linguisticos e mais parvos que din que son galegos pero que non toleran nin entenden que en Galiza o galego e lingua de moitas persoas e ten o mesmo status que o castelan. Vivamos como galegos non coma parvos intolerantes.

  2. Fernando Igrexas

    Xa sabes “en castellano no hay problema” o problema comenza cando non che peta, nace nin che da a gana de ceder e ceder en dereitos e dignidade, daquela é cando xurde o verdadeiro talante democrático e a tolerancia da diversidade do nacionanismo español. Como comentaba Filipe Diez “O te dejas de gallegadas o no te opero”. Aqui, en Ciberirmandade de fala, o ofendido relata os feitos http://www.ciberirmandade.org/sitio2009/index.php?option=com_content&view=article&id=1775:escandaloso-caso-de-descriminacion-lingueistica-nun-hospital-privado&catid=92:novas-dos-usuarios-e-usuarias&Itemid=130

  3. Semella resposta calcada á que eu recebin, hai uns dez anos, no Hospital Labaca da Coruña cando solicitei poder dispor do documento de consentimento informado en galego antes de o asinar un familiar xa que non se nos ofreceu tal posibilidade mália falarmos no noso idioma.Achegueime ao Servizo de Atención ao Doente do cal recebín unha resposta entre o hilariante e o abertamente ofensivo: “legalmente non estaban obrigados a dispor del” e tampouco tiñan folla de reclamacións no idioma do país. Ainda lembro a cara toda ela cheiña de prexuizos da rapaciña do Servicio de Atención ao Doente (é un dicir)

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off