off
Fillos da silveira, Historia — 14 Novembro, 2011 at 7:21 p.m.

Noite das ánimas – III

by

  Antón Labranha

– A terra está parada, Senhor- disse Josué em voz tensa, desesperada.
– Não, homem, os teus olhos iludem-te, dá voltas sobre si mesma e vai rodopiando pelo espaço ao redor do sol.  José Saramago (Caim)

Despois da gran civilización megalítica que se estendeu pola franxa atlántica europea, entre os milenios III e II a.C. vai desenvolverse outra grande cultura: a dos gravadores da pedra -Idades do Cobre e do Bronce-, tendo na Galiza, nomeadamente nas Rías Baixas, un dos principais e máis antigos núcleos de desenvolvemento.

Os petróglifos galegos máis abundantes son os de factura xeométrica (cazoletas, círculos concéntricos, espirais e mesmo labirintos), moi semellantes aos de Irlanda ou Escocia. Porén, en que sentido puido darse a comunicación deste críptico simbolismo? O Libro da Invasións, de Irlanda, escrito na Idade Media, rexistra a chegada dos albioni e dos milesios, procedentes do sur (Galicia está ao sur, precisamente no mesmo meridiano). Hai, asemade, achádegos arqueolóxicos abondo que constatan o intercambio comercial coas culturas do mediterráneo, nomeadamente do Exeo, onde tamén os labirintos encerran claves mitolóxicas (Dédalo-Teseo-Minotauro).

Sete lúas
sete soles
sete estrelas.
Sete veces sete no labirinto.
Quen ha fiar o liño?
Quen debandalo?
Quen me dará o novelo,
para o camiño?

 



Os celtas aséntanse por Centro-Europa –entre o Rin e o Danubio-, mesturándose cos xermánicos. Un conxunto de etnias e tribos, cada unha cos seus deuses que, como non pode ser doutra maneira, compartían a crenza xeral de tódalas relixións do mundo: a resurrección practicada polos pobos atlánticos polo menos tres mil anos antes da conformación dos pobos celtas, e catro mil anos antes de que estes chegasen á Península Ibérica. Iso polo menos. Veremos máis adiante.

Con todo, no celtismo distínguense dous grandes períodos: o da Hallstatt (Salzburgo, Austria, sobre 700 aC) e o de La Tene (Neuchâtel, Suíza, sobre 500 aC). As expansións que chegan á Galiza corresponden a este último período, xa serodias. Demasiado tardías para serlles atribuída a eles a mitoloxía galega que aínda hoxe pervive, pois rapidamente terían que facer esvaecer toda a relixiosidade que antes se tería xestado aquí ao longo de milenios –lémbrese que no século II a.C. xa chegan os romanos con outro sistema de crenzas-. Nas invasións, ao írense mesturando cos indíxenas dos territorios ocupados, prodúcese sempre sincretismo cultural e relixioso.
Non é razoable que en 200 anos de dificilísimas comunicacións, os celtas borraran toda a mitoloxía dolménica e calcolítica, e que 2500 anos despois aínda esteamos celebrando os supostos ritos celtas, pasando por riba da romanización –que constrúe as principais vías de comunicación da antigüidade-, por riba do asentamento dos pobos xermánicos e do reino Suevo da Galiza, e por riba dos case dous milenios de implacable catolicismo. Non, penso que estamos celebrando os nosos propios ritos.Peor nolo poñen aínda os cronistas romanos, que sitúan os celtas da Península Ibérica –Celtiberia- no val do Guadiana, tirando cara o centro. No S. II aC, empuxados polo avance das lexións dos césares desprázanse cara o norte. Na Galiza -norte de Portugal, Asturias occidental- desenvolvérase unha terceira civilización autóctona: a castrexa, que máis que ser absorbida polos celtas, debeu fagocitalos a eles.

Inimigos afoutados
branden o ferro a porfía
De bronze as vosas espadas.
como nos protexerían?.
Erguede forte Castrelos
en montes de altanería!
Embaixo a senra fértil o val 
a chaira rica a ribeira
 



Poñamos por caso os castros: a construción da casa celta é rectangular e así se conservou na Meseta hispánica; non obstante, acó permaneceron os castros con casas de planta circular; ademais, a mor parte deles están datados nos séculos II e I a.C., coincidindo coa invasión romana, e os máis antigos preceden as invasións celtas. Ou reparemos no réxime matriarcal que na Galicia e norte de Portugal perviviu ata os nosos días, e que ten un claro paralelismo co feito de que o coñecemento do máis alá e os remedios do espírito estea nas meigas e curandeiras, fronte aos omniscientes druídas celtas, que eran varóns –como os curas-. Nos pobos xermanos era a muller quen detectaba o poder da profecía e da maxia. A persecución das pola Inquisición foi colérica, cruenta e implacable; aló e acó. Aludíamos antes a que un deses pobos, o suevo, logo da caída do Imperio Romano fundou, precisamente na Galiza e territorios limítrofes, o primeiro reino da Península -con capital en Braga (Bracara Augusta)-.

Bibliografía

Bellingham, D. (2008) Los celtas: cultura y mitología. Taschen Gmbh. Barcelona

De la Peña Santos, A., Gil, X (2009). Petróglifos de Galicia. Edicións A Nosa Terra.

Hope Moncrieff, A.R. (1998) Mitología clásica. Edimat Libros. Madrid

Jiménez, R. (2001). Galicia atlántica e remota: mores, curetes e oestrimios. Inédito.

Juaristi, J. (2000). El Bosque originario. Grupo Santillana Ediciones. Madrid.

Leite de Vasconcelos (1897) Religões da Lusitania. Imprensa Nacional. Lisboa

Maciñeira, F. (1947) Bares: puerto hispánico de la primitiva navegación occidental. Instituto Padre Sarmiento. Santiago de Compostela

Martin, R. (1998) Diccionario de la mitología clásica. Espasa Calpe. Madrid

Pirenne, J (1987) Historia Universal. Océano.Barcelona

Reinach, S. (1985) Orfeo. Historia general de las religiones. Itsmo. Madrid

Varios autores (2002) Grandes Civilizaciones. Ediciones Rueda. Madrid.


1 Moitos autores opinan que o termo “relixión” provén de “religare”: ligar de novo, resucitar.

2 Polo xeral, na menciña popular da Galiza, aos homes compételles remediar o corpo -caso dos compoñedores, que amañan os ósos-.

One Comment

  1. Sinto disentir, mais acho que non se poden dar saltos epistémicos, ou facelo ao estilo “prexuizo extracientífico” de Jon Juaristi no marco da política española. Alén do divertimento comparativo, a construcción social da identidade ou do que Hobswan chama a “invención da tradición” é tan lexítima para nós coma para os Estados. Portanto, convén direccionar a hipótese de traballo non tanto a deitar a “contrucción” céltica do Rexurdimento, mas en derivar sentido para o agora, para a construcción do “nós”. Neste sentido os traballos de Bachofen (fenomenólogo especializado en dereito materno na antigüidade, que influiu entre outros en Nietsche), a escola de Eranos, Gilbert Durand, Alain Verjat ou os traballos de Ortíz Osés son, para mín, máis productivos desde o punto de vista interpretativo e fenomenolóxico que teimar en se somos máis ou menos celtas.Acho que Suso de Toro apañou moi ben esta perspectiva na súa crónica dese pasado mítico no seu libro O pobo da néboa.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off