off
Cultura, Fillos da silveira, Galiza, Historia — 1 Novembro, 2011 at 8:26 a.m.

Noite das Ánimas – I

by

Antón Labranha

Nada hai tan capaz de engrandecer o ánimo como a posibilidade de comprender en que orde encaixan as cousas que se nos presentan, que valor teñen a respecto do conxunto, e cal a respecto de nós mesmos.  Marco Aurelio (Meditacións, libro III)

Hai vinte longos anos, en Cedeira, cando unha ducia de persoas organizadas en torno á Sociedade Cultural Chirlateira comezamos o proceso de recuperación do rito pagán do tallado da caveira –representación da cabeza onde se consideraba residía a ánima-, non estabamos contra nada: tratábase de salvar o imaxinario colectivo, a memoria antiga dun pobo que, case sen decatármonos, esmorecera baixo a brutal ditadura franquista. Unha ditadura que, tendo deixado xa demasiados cadáveres, non pretendía agora eliminarnos fisicamente, pero si aniquilarnos como país.

Moi avanzado o outono, metidos xa na escura invernía, unha candea acesa alumea os camiños na noite, consumíndose lentamente. As ánimas dos mortos volven ao seu lugar. Extinción da luz: entrada a ultratumba (fin do ciclo agrario).

 Faro na noite

os que perdidos andamos

imos pra lonxe.

                                                                                                                          

Tamén celebrabamos a Candeloria, realizando o rito das lanternas: avivecer as brasas contidas nun recipiente pechado ao que lle facíamos moitos furados e que, colgado dunha corda, axitabamos como unha onda ao ar, producindo avivamento do lume. Rexurdimento da luz: a volta ao mundo dos vivos (inicio do novo ciclo agrario).

Diversos autores teñen sinalado o costume dos pobos das ribeiras atlánticas –Portugal, Galiza, Asturias, Cantabria, Bretaña, Irlanda…- de, nesta noite, faceren lumieiras para orientar enigmáticos navegantes que habían chegar polo mar –mito universal, hiper-repetido ao que tamén sucumbe o noso Santo André de Teixido-. E a seguir, en comitiva, dirixirse aos areais con fachos, candeas e lanternas para recibilos.

A vela ao ocaso rumbo do vento.

Prende fogueira de xesta

alá enriba no outeiro.

Cara o areal                                        

unha nao antiga ven sucando o mar.

                                                                                                                   

Nótese que o efecto conxunto “caveiras-lanternas” aproxímanos aos cultos romanos a Ceres ou Proserpina, adaptacións dos de Demeter e Perséfonedo Olimpo grego que, á súa vez, asimilan os cultos exipcios a Isis1 e Osiris, herdeiros da mesopotámica Inunna, semellantes aos de Iemanxá no Brasil –por súa vez orixinaria do panteón ioruba da Nixeria, trasladado ao continente americano polos escravos, e celebrada o día da Candeloria-. De semellante factura son os festexos de culto aos mortos no México, ou na China. Nos pobos nórdicos (Noruega, Suecia, Islandia…) consideraban que os ventos que traía consigo novembro – outra vez o día dos Defuntos- provocábanos as almas dos mortos ao abandonaren a terra dos vivos.

Bibliografía

Aneiros, M. (1991) Tempo da Candeloria. Revista da RTVG, ano II, nº 26    

 Anónimo (1986) El libro de los muertos. Ediciones Gaviota.Barcelona                                                                       

García Martínez, C. (1999). De alicerces e devocións.Fundación Otero Pedrayo. Ourense                                 

Hope Moncrieff, A.R. (1998) Mitología clásica. Edimat Libros. Madrid    

Jiménez, R. (2001). Galicia atlántica e remota: mores, curetes e oestrimios. Inédito.  

Leite de Vasconcelos (1897) Religões da Lusitania. Imprensa Nacional. Lisboa                                              

Maciñeira, F. (1921) San Andrés de Teixido: historia, leyendas y tradiciones. Roel. A Coruña. (Edición facsímile de 1991. Gaesa. A Coruña).            

Reinach, S. (1985) Orfeo. Historia generalde las religiones. Itsmo. Madrid

1 Isis é o nome que lle deran os gregos á deusa exipcia Ast (nótese o paralelismo con Astarté, Mesopotamia). Era a deusa da maternidade e do nacemento, forza fecundadora da natureza e, como sucede coa virxe María, nai do deus dos ceos -Horus, na mitoloxía exipcia-. O seu culto esténdese pola Hispania, téndose encontrado vestixios mesmo en Astorga (Astúrica Augusta). Atribúeselle a invención da vela: mentres andaban a remo á procura do seu fillo, arrastrados por unha corrente temeraria, levantouse unha labarada de vento nordés; entón ela, interpretando que era un sinal máxico, ergue os brazos ao ceo estendendo con eles o seu manto que recolle o vento; a lancha navega vigorosa.

One Comment

  1. Realmente considero que a recuperacion destes ritos e algo estupendo. Debemos seguir fomentando estas actividades. No caso desta ligada ao Samain foxe de toda mercadotecnia, e debemos congratularnos por isto. Non necesitamos que os ianquis nos vendan o seu Haloween. Ao contrario nos temos moito que amosar. Noraboa Anton.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off