off
Cedeira, Infraestructuras e Comunicacións, Meio ambiente, Opinião — 25 Outubro, 2026 at 11:30 a.m.

Reflexións sobre a obra na Madalena: da inutilidade do dique do río á prexudicial enchenta de area

by
Fonte: “Elementos de ecología marina” R.V. Tait Ed. Acribia. 1989

Sen dúbida, o dique da Madalena foi unha idea brillante… se o único que se procura é ter unha praia de postal para o turismo durante uns poucos veráns.
A cousa muda se atendemos á ecoloxía mariña e á dinámica do mar en todo o sistema da Ría de Cedeira: non serve para nada e que ten un impacto ambiental moi salientable, tanto físico como biolóxico. De feito, xa vai esmorecendo, primeiro as pendentes, despois os chanzos e finalmente os noiros. Outra vez.

Repetir erros = mesmos resultados

Con tanto recheo, a ría de Cedeira -incluída enseada de Esteiro e Vilarrube- vai camiño de quedar en seco. O aumento de cota por exceso de area deriva en menos profundidade. E isto implica menos tempo de inmersión para os berberechos, coquinas, ameixas, longueiróns etc… menos tempo de alimentación, maior exposición á ondaxe, e se engadimos ter remexido gran parte dos fondos, pode que por aí se explique en certa medida a crise do marisqueo, sen ben inflúen máis factores. Este dende logo é un dos principais.

A ría xa non pode engolir máis area ante a manifesta inutilidade e desleixo das administracións. Que máis da, se nunca se lles esixen responsabilidades.

Cómpre pensar, e só actuar despois de pensar (non como ata agora)
Este proxecto, orzamentado en máis de dous millóns e medio de euros (non lembramos o importe de adxudicación) non resolve ningún dos problemas. É só un custoso parche efémero, ir tirando, se cadra, até despois das eleccións de maio de 2027, e despois, que choiva. Non doe, parece.
Esta sensación de inutilidade total (ao noso entender) faise evidente no novo dique do río. Resulta imposible atoparlle unha xustificación hidrodinámica sólida. Sempre recorren ao termo “basculamento”, que alguén puxo nalgún informe e despois fóronse copiando uns a outros. Abonda ver o voo americano de 1956 (20 anos antes do dique de abrigo no porto), para ver que ese “basculamento” -para entendernos, refírense á acumulación de area no norte da praia. Aínda máis: aparece moi ben debuxado nas cartas mariñas de Tofiño e doutros fai máis de 200 anos. Ése é o nivel de quenes veñen un día, fan unhas fotos, e o resto por internet dende despachos. Non sabemos de que saben, pero da ría e da praia de Cedeira, non saben nada. Se é así, así hai que dicilo.
Esa aldraxe visual que é o dique do río só serve para soster temporalmente (un tempo que dependerá do tempo destes invernos) os áridos vertidos na zona norte. Ao non entrar no río Condomiñas xa se está alterando a varios niveis, calquera pode velo. Posibles riscos estruturais incluído. Pero non somos enxeñeiros. Se bem sempre tivemos asesoramento en bioloxía, que proporciona coñecementos de ecoloxía, oceanografía física, química e biolóxica, así como de bioloxía mariña. Esta bagaxe científica resulta de gran utilidade, mais nada substitúe os anos de observación directa, o rexistro mediante fotografías e vídeos e, sobre todo, a escoita atenta das persoas que traballaron no mar e faenaron na ría e na súa contorna. O coñecemento acumulado polos mariñeiros, transmitido a través da conversa e da experiencia, constitúe unha fonte de información de valor incalculabel. Boa parte do que se sabe sobre este medio procede precisamente de aprendermos deles, escoitalos con atención e facerlles moitas preguntas.

O dique do río: non protexe nada, empeora todo.
Nos vídeos e imaxes grabados nestes días finais de outono, coa marea baixando e xa pouca altura, podemos ver como o mar métese pola canle e polo espigón do río, sen que este faga nada por impedilo pois está aproado á ondaxe, proba de que o seu fin e reter a area uns aniños ou alén de maio do 2027, con iso chega porque xa topamos co de sempre: o voto.
O estreitamento artificial do dique do río non disipa a forza do mar. Ao contrario, xera un efecto de aceleración que empurra a auga con forza cara ao interior, entre as pontes. Poucas veces vimos que coa maré a medio baleirar, romperan as ondas contra a ponte vella, contrarrestando a forza contraria da marea que quería baixar.
Se se confirma esta alteración nos fluxos, as ondas baterán con máis violencia contra as estruturas históricas. Incrementamos o risco de descalce estrutural que canlea o río, poñendo en perigo zonas vulnerables e históricas, como a contorna da ponte da Praza do Peixe.

Xustifica estes riscos a obsesión de ter unha postal de verán que pon en risco o noso patrimonio? As praias sempre se construíron no verán e se destruíron no inverno. Chámase equilibrio dinámico natural. Os bulldozers poden levantar area ata onde queiran -xa se fixo- que o mar, que non ten présa, mesmo as ondiñas, irán facendo o seu traballo.

 

O mar contra os recheos: non aprendemos

A fraxilidade vese tamén no perfil da praia. O vertido masivo deu este verán un areal extenso, de pendente suave e sen algas. Excelente.. para o uso de lecer e turístico por un tempo….

As praias son elementos da paisaxe litoral con vida propia, estacional, variábel pero equilibrada. As algas de arribazóns que tanto molestan aos bañistas -en todas as praias- desenvolven un papel ecolóxico vital.  Os biólogos nunca retiran as algas “sucias”. Semella que hai moita pedagoxía pendente.

Simplificando, as praias atlánticas ibéricas teñen un ciclo de dúas fases. No verán, a fase construtiva deposita area. No inverno, os temporais mobilizan os sedimentos cara ao infralitoral. O mar de inverno retirará este exceso de áridos, e o verán seguinte non terá enerxía suficiente para devolver a area ás cotas altas onde a puxo a maquinaria pesada.

A historia recente da ría xa amosa precedentes semellantes. Optouse por actuar sobre as consecuencias visibles, ignorando as causas reais: a ocupación histórica do sistema dunar polo urbanismo de finais do s. XX e a disposición incorrecta do dique de abrigo portuario construído hai décadas, que funciona moi ben no brazo de terra, se ben reconduce a enerxía cara ao centro e norte do areal, en menor medida, San Isidro. De xeito directo polo “efecto promontorio” (Tait, 1989), virando na punta do dique, e indirecta por rebote caótico -ao ser irregular o perfil- dende o Faro da Robaleira ata o Merlo.

Non está todo perdido: pódese actuar sobre a causa antes de que afecte
¿Queremos unha dinámica natural sostíbel? A longo prazo non é posíbel mentres non se afronte o quecemento global. A medio e curto prazo, penso que si.
Non se pode derrubar toda a vila construída sobre a area que chegaba ate a Area (por algo se chama así). Aí, nada que facer. Máis si que se pode facer intervindo no dique de abrigo, é perfectamente mellorable, e desta maneira actuamos sobre a causa -o mar de fondo- antes de que entre cara a praia da Madalena e sen prexudicar nin a enseada de Esteiro nin Vilarrube: non se trata de desviar enerxía, senón de absorbela no propio dique.
Abondaría con estudar modificacións técnicas no propio dique de abrigo dos 70´s con ferramentas de modelización actual, para amortecer a enerxía nese punto, no canto de gastar cartos en dragados e recheos condenados ao fracaso.
A tramitación da obra ignorou por completo a participación pública, agás ese “prazo legal” imperativo do que ninguén se decata, loxicamente.
Non se escoitou á xente de Cedeira que leva a vida observando o mar, nin á veciñanza interesada no ben da nosa vila, sen axendas ocultas. Tampouco se atendeu á morea de documentación que uns e outros foram achegando no Olhaparo para coñecimento público durante moitos anos.

En conclusión, a natureza só precisará varios ciclos para devolver o areal ao seu equilibrio. Niso está, sen présa, sen pausa. Ao noso ver, estamos a tempo de abrir un espazo de encontro construtivo, aproveitando agora para moverse, mentres dure a derradeira enchenta de area. Polo ben de Cedeira, non do que lle conveña a cadaquén.

Leave a Comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off