off
Cedeira, Ecoloxía, Meio ambiente, Opinião — 22 Outubro, 2026 at 10:01 a.m.

Unhas notas sobre a Serra da Capelada

by
Fai uns días estiven no mirador do Penedo Edroso, na Serra da Capelada. Coñezo esta serra desde os anos 80, a pé, en bicicleta e en coche. Levaba conmigo o libro e conxunto de mapas que fixeron na USC, moitos dos autores eran profesores meus. Aínda conservo todo.

O mirador do Penedo Edroso forma parte da oferta do chamado «Xeoparque Cabo Ortegal». Con todo, o valado é o mesmo de hai máis de corenta anos, con táboas rotas e un desnivel moi perigoso para quen se achegue sen unha protección axeitada. Ademais, os piñeiros e os eucaliptos medraron tanto que o que hoxe se ve é un mirador de piñeiros e eucaliptos, non da inmensa paisaxe que hai detrás deles.

De que serve anunciar un mirador se non se mantén, non se garante a seguridade e non se recupera a panorámica que o fai especial?

Nesta moda de turistificalo todo, onde o indicador de éxito parece ser «canta máis xente, mellor», énchese a Capelada de sinais orientativos, marcas nas pedras, campañas e actividades que quizais habería que revisar. Neste verán contei máis de 50 “roulottes” nas beiras das pistas da Capelada, sen incluír as que se estacionan na estrada e leira-aparcadoiros como no Chao do Monte. Máis… non era isto un lugar de importancia comunitaria (LIC) da Unión Europea?

Convén aclarar dúas cousas. En primeiro lugar, a UNESCO non ten carácter normativo vinculante: ser «Xeoparque» da UNESCO é un recoñecemento e unha marca de promoción e cooperación, que por si só non crea obrigas xurídicas de protección, mantemento nin xestión do territorio.

En segundo lugar, e case non se fala diso, o que si ten eficacia normativa é a súa inclusión na Rede Natura 2000 como LIC/ZEC Costa Ártabra. Isto obriga as administracións a evitar o deterioro dos hábitats e das especies de interese comunitario, a avaliar os plans e proxectos que poidan afectalos e a manter ou recuperar o seu estado de conservación. Proba de que están “moi comprometidos” foi a salvaxada que fixeron cando alguén pensou en “promocionar o espazo facendo nada menos que a meta de etapa da Vuelta Ciclista na Herbeira, en pleno LIC.

Unha pena.

Leave a Comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off