off
Cedeira, Infraestructuras e Comunicacións, Opinião — 7 Outubro, 2026 at 3:10 p.m.

A auga de Cedeira, un ben común: unha oportunidade para xestionar a auga sen empresas externas

by

Ao meu ver, agora é o momento de revisar como se xestiona a auga – e os servizos urbanos – é unha ocasión para decidir xuntos que modelo queremos para a nosa vila.

Unha pregunta sinxela.Calquera familia de Cedeira que abre a factura da auga ten dereito a entender o que paga e por que o paga. Presentei en varias ocasión esta pregunta tan sinxela á Valedora do Pobo, a través dunha queixa sobre os consumos mínimos que se cobran aínda cando a auga non se consome. Tras varios avisos ao Concello de Cedeira no que a Valedora me daba a razón (dende 2023), na súa resolución do 8 de abril de 2026, a institución dirixiu ao Concello un recordatorio de deberes legais ao abeiro da Lei 6/1984. Non se trata dun reproche, senón dunha invitación a aplicar con dilixencia os principios de eficacia e equidade. O Concello respondeu o 9 de abril aceptando a necesidade dunha tarifa xusta e equilibrada. É un bo punto de partida, e convén aproveitalo, penso eu.

O que di a lei.A Lei 9/2019 de garantía do abastecemento establece, no seu artigo 12.3, que as ordenanzas deben basearse no uso eficiente da auga, no consumo responsable, na equidade, na transparencia e na recuperación de custos. Pide tarifas por tramos segundo o volume consumido, sen mínimos exentos que desincentiven o aforro -nin mínimos abusivos que tamén o desincentiven pois cobran consumas ou non- e que só se factures servizos efectivamente prestados. A idea é fácil de compartir: quen aforra auga debe sentir que o seu esforzo ten sentido, e ninguén debería pagar por algo que non usou. Esta é tamén unha cuestión de prudencia, porque o artigo 15.3 prevé que o incumprimento destas obrigas pode levar á denegación da colaboración técnica e financeira de Augas de Galicia en obras hidráulicas. Adaptarse a tempo protexe tamén a capacidade do concello para investir na súa rede.

 

Cando a tarifa agarda polo contrato… privado, de novo.O Concello explicou que fixar unha nova tarifa require coñecer antes os custos que resulten do futuro contrato de xestión, cuxos estudos encargou a unha consultora externa. É unha posición comprensible desde o punto de vista administrativo. Con todo, convida a reflexionar sobre unha cuestión de fondo: se a adaptación dunha tarifa á lei depende de que antes se licite un contrato, o calendario dos dereitos da veciñanza queda supeditado ao calendario dunha concesión (outra máis!). Quizais haxa unha vía máis directa. Descoñezo se os propios servizos técnicos e económicos do Concello poden calcular os custos reais do servizo, e non só poñer en marcha a ordenanza, senón comprender mellor, e con datos propios, o que custa mover cada metro cúbico. Da traballo, xa. É o que hai.

O exemplo de Arteixo: fóra empresas. A vitoria da xestión pública directa Fronte á pasividade que se observa en moitos concellos, como Cedeira, no panorama municipal galego emerxe un exemplo diametralmente oposto que demostra que a remunicipalización é xuridicamente viable, tecnicamente eficiente e economicamente rendible.

O Concello de Arteixo iniciou o rescate da xestión directa da auga no ano 2012 e a recollida do lixo no 2018. En abril de 2022, o municipio deu un paso xigante coa creación da empresa pública SUMARTE (Servizos Urbanos Municipais de Arteixo), asumindo o control 100% municipal do ciclo hídrico e doutros servizos. A postura do rexedor de Arteixo é clara e rotunda: "O beneficio da auga non pode ser para unha multinacional, ten que ser para a veciñanza, para prestar un servizo de calidade.

O modelo de xestión directa permitiu que o 100% dos recursos xerados polo servizo sexan reinvestidos directamente no municipio. Grazas a isto, Arteixo financia o novo contador de auga, a recuperación do encoro de Sabón para o consumo humano, a modernización dixital das redes con fondos europeos e a prestación de servizos continuos os sete días da semana con medios e persoal propio. Este proceso de remunicipalización realizouse afrontando a oposición frontal dos lobbies privados. A patronal das grandes empresas concesionarias (Cámara de Concesionarias) recorreu xudicialmente a creación de SUMARTE para tentar frear o paso á xestión pública.

No en tanto, o Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 da Coruña fallou a favor do Concello, ratificando a plena lexitimidade e legalidade da empresa pública municipal. A gran sorpresa deste modelo transformador debe sinalarse: a teima persoal e constancia de Carlos Calvelo, alcalde de Arteixo… polo Partido Popular. Semella contraditorio que un partido conservador faga o que non fan os denominados progresistas. Máis, no fondo, non é cuestión de siglas, senón de persoas e actitudes. A experiencia da empresa pública municipal SUMARTE, en Arteixo, amosa que existe unha alternativa. Querer é poder.

Neste modelo o propio concello xestiona directamente o abastecemento, o saneamento, a limpeza viaria e a recollida de residuos a través dunha entidade de capital cen por cen público. A lexislación local permite constituíla como sociedade mercantil local ou como entidade pública empresarial e configurala como medio propio personificado, conforme a Lei de Contratos do Sector Público.

A diferenza esencial é onde queda o excedente: sen beneficio empresarial que repartir, os recursos das taxas poden volver á rede, á redución de fugas, ao mantemento preventivo e a mellores condicións para as persoas que traballan no servizo. Non é unha fórmula máxica, e esixe boa xestión, transparencia e control, pero ofrece algo valioso: que as decisións e os beneficios se queden no pobo.

¿Que é o que impide ao Concello de Cedeira xestionar directamente a súa auga? Non o sei. Se teñen datos sería bo coñecelos -transparencia que na web non atopei- e, se son evidencias irrebatibles, dar a razón e asunto pechado.

O que si sei é que deben adaptar revisión da estrutura tarifaria para cumprir coa legalidade e eliminar os mínimos exentos é unha necesidade urxente, nin os mínimos abusivos, e cobra cada concepto de forma real, non metendo nun misote de consumo falso e saneamento inexistente, imposible de fiscalizar.

A verdadeira alternativa de futuro pasa por superar o modelo de concesións a empresa externas internacionais e iniciar a remunicipalización directa do ciclo integral da auga. Unha vez demostrado o éxito da xestión pública da auga, Cedeira debería estender este modelo ao resto dos servizos urbanos privatizados, como a limpeza viaria e a recollida do lixo.

Non existen atrancos xurídicos nin técnicos insuperables, como demostra a xurisprudencia e o precedente de SUMARTE. O único obstáculo é a falta de vontade política para enfrontarse aos intereses das empresas concesionarias. É hora de que o Concello de Cedeira deixe de adiar as súas obrigas, escoite os requirimentos das institucións e decida xestionar a auga e os servizos básicos en función do ben común e non do lucro privado Cedeira ten diante unha ocasión pouco frecuente: corrixir unha tarifa, fortalecer a súa rede e decidir con calma quen xestiona un recurso esencial.
Dar este paso non require improvisar. Un posible camiño comezaría por separar a revisión da ordenanza do proceso de licitación. Continuaría cun estudo público e rigoroso de custos, elaborado polos servizos municipais, e coa análise da constitución dunha entidade pública seguindo o modelo de Arteixo (ou outro semellante, hai máis). O persoal actual ten un papel central: a lexislación contempla a subrogación laboral, de modo que a continuidade do servizo e a estabilidade dos postos poden garantirse desde o primeiro día. Todo isto debería facerse con diálogo, co Pleno Municipal como espazo de decisión e coa veciñanza ben informada.

Optar pola xestión pública directa non é unha cuestión de políticas, senón de preguntarse onde queremos que quede cada euro que a veciñanza paga pola auga. Se a resposta é no propio pobo, no mantemento das canalizacións, na calidade do servizo e no emprego local, entón merece a pena estudar o camiño da xestión directa municipal con rigor, axilidade e seriedade.

A auga é de todos, e tamén o debe ser a decisión sobre como coidala.

One Comment

  1. Manuel Rodriguez

    Xa hai moito tempo que esa xestión debía aplicarse. A externalización de servizos básicos non sempre obedece a unha mellor (e máis transparente) xestión. Sinxelamente mercantilízase servizos sen saber realmente @ administrad@ polo qué paga. Pagar é unha obriga, pero devenga o dereito de saber o qué se paga e cómo se xestiona. Dende meu posto poido decir tamén que a liña entre o qué é público e o privado difumínase, engadindo aínda máis confusión. Cada quen que saque súas conclusións.

Leave a Comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off