Notas sobre mantemento, transparencia e espazo público en Cedeira
Por razóns que non veñen ao caso, camiñei moito estes meses pola vila e arredores. Ao meu entender, parece que hai un abandono bastante xeral. Falo de mantemento de infraestruturas, viais, mobiliario urbano, (in)accesibilidade urbana, zonas verdes, lixo… e tamén de espazo público ocupado para uso privado daquela maneira, e de autorizacións de eventos que, cando menos, merecerían unha explicación á veciñanza do roeiro.

Súmase unha turistificación masiva (¿está controlada? 🤔) que dificulta o acceso á vivenda para a nosa xente nova, así como parques temáticos: máquinas de converter todo en euros. E outras cousas que quizais dean votos, pero non sei se encaixan moi ben na legalidade. Vexo moita opacidade e moito banner e cartel de conveniencia, a miúdo contraditorios aos poucos días.
Semella, e ollo, que poido equivocarme, que as cousas se fan ou non segundo convén a quen non o sei. Volta ao “ti vai facendo”.
Paréceme unha xestión arbitraria e discrecional, porque se sabe ben pouco -a transparencia é tan transparente que non se ve- agás a praga de carteis feitos con IA. Non hai ilustradores na vila?
Eximo, cos datos que teño e co que observo, ao persoal do Concello (que reclama con razón a RPT) e ao das contratas. Sempre os vin traballar duro e comprometidos coa comunidade. De que serve inaugurar se despois ninguén coida o inaugurado? Mirarán axiña, que veñen as eleccións.
Eu non voto en Cedeira nin estou atado a argumentarios políticos, o que me deixa falar con liberdade da miña vila natal. Opino só do que creo que é bó para Cedeira. Sen axenda oculta: nin quero, nin sirvo, nin poido. Libre, vaia.
Creo tamén que quen ten responsabilidades públicas debería esixir ás empresas contratadas que cumpran cos seus traballadores e coas condicións do servizo ou da obra. Digoo visto que non hai intención de municipalizar nada, que mágoa, ao meu ver.
E para traballar está a casa do pobo: o Concello. Traballar nos despachos e, cando toque, nas obras. Despois, cada quen a xantar á súa casa ou por conta propia, sen aceptar comidas nin agasallos nin nada. E menos aínda se hai intereses económicos polo medio. Imaxino que isto xa se cumpre, senón… mala cousa. Tan difícil é ser honesto? Tan difícil é limitar, por ética e por estética, a relación coas empresas de obras e servizos ao estritamente profesional?
É unha opinión, a miña. Sempre aberto ao debate real, que non é este sitio.
PD.- Que un concello teña remanentes non significa nada por si só: pode deberse a moitas causas, desde ingresar máis do previsto ata non executar partidas orzamentadas.





























