off
Cedeira, Ciencia, Ecoloxía, Meio ambiente — 13 Setembro, 2026 at 4:26 a.m.

Unhas notas biolóxicas sobre a “restauración parcial” da praia da Madalena: o caso da falsa acacia

by

Fai uns días deume por ver como ía a flora e fauna da zona “restaurada” da praia da Madalena. No eido biolóxico, sábese que unha restauración “parcial” non ten sentido, pois os seres vivos medran e reprodúcense, como debe ser, se ben tórnase especialmente preocupante cando falamos de especies exóticas invasoras, como a Robinia pseudoacacia (falsa acacia), moi perigosa para a biodiversidade autóctona.

Como se pode ver no vídeo, xa hai numerosas plántulas de Robinia colonizando cara ao norte na zona supostamente “restaurada”. É doado saber de onde veñen: da enorme matogueira que hai na banda sur do regato, onde alguén decidiu que xa non era necesario intervir…

O panel da Demarcación de Costas de Galicia, na entrada da praia, di: “As actuacións no cordón dunar consisten na súa restauración e conservación. Para iso, elimináronse as especies exóticas ou non características dos espazos dunares e substituíronse por especies específicas en función da súa localización na duna coa dobre finalidade dunha mellora na estrutura e na ecoloxía do sistema e no equilibrio dinámico do areal […]”

“Erradicar” unha especie exótica invasora como a Robinia pseudoacacia só na metade norte da Madalena, deixando intacta a metade sur, é exactamente igual que tratar os piollos só na metade da cabeza dunha persoa e confiar en que a outra metade non se reinfeste. Non ten sentido. Pois iso foi o que fixeron os que deseñaron o proxecto: os traballos limitáronse a uns 600 metros, na metade norte, mentres a metade sur, onde a especie mantén unha cobertura densa e adulta ao pé do regato, quedou sen tocar. Esta especie non se limita a “estar” nun lugar: colonízao activamente. Cada exemplar adulto pode producir unha enorme cantidade de sementes, protexidas por unha cuberta impermeable que lles permite quedar latentes no solo durante anos, agardando o momento para xerminaren. E aínda hai algo máis difícil de atallar: reprodúcese tamén por vía clonal, a través de rebrotes que xorden das raíces e que poden estenderse lateralmente entre un e tres metros cada ano. Cortar ou arrincar parcialmente estimula, ademais, unha resposta na planta que fai medrar eses rebrotes con máis forza aínda.

Con estes datos sobre a mesa, o resultado da intervención non é unha mala noticia inesperada: é o que a bioloxía predí con case total seguridade. A zona sur, intacta, funciona como un reservorio permanente de sementes e raíces que xa están invadindo a zona “restaurada”.

De feito, no vídeo xa se están vendo novas plántulas onde se supoñía que o problema “estaba resolto”.

Non o digo con ánimo de ter razón en nada, senón porque me parece importante informar con datos e evidencias, non con opinións subxectivas, de que a chamada “restauración parcial” foi, sobre todo, un traballo erróneo, incompleto e con moitas outras eivas, sempre mellorables se imos en positivo, non deixando que intereses alleos prevalezan.

A praia da Madalena precisa dun plan de xestión e mantemento programado, que compatibilice os usos tradicionais coa conservación natural na medida do posible e razoable.

Aínda se está a tempo.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off