Hai fotografías que, sen mentir, poden contar unha historia moi incompleta e mesmo deturpadora. A difundida estes días desde o Museo Mares de Cedeira é unha delas. Nela aparecen a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, o director territorial de Cultura, Severino Álvarez, e tamén Xulio Cribeiro García, candidato do PP á alcaldía de Cedeira en 2023 e actual portavoz municipal do partido. A visita serviu para anunciar unha subvención autonómica de algo máis de 6.500 euros destinada a obradoiros didácticos e á implantación dun novo sistema informático de inventario.
A Xunta axuda agora ao Museo Mares de Cedeira e fixo ben en recoñecelo no seu día dentro do sistema museístico galego. Mas o museo existía antes desa fotografía e a súa historia ten nomes.
Aneiros fala explicitamente da «posta en valor» do patrimonio mariñeiro, mentres que a propia web do museo lembra que Mares de Cedeira é un proxecto colectivo, nacido da Asociación, das coleccións particulares e das doazóns da veciñanza, coa colaboración do Concello e da Confraría.
A axuda é benvida. Todo recurso público que contribúa a conservar e divulgar o patrimonio mariñeiro de Cedeira merece ser valorado. Outra cousa é a construción política da fotografía.
Porque quen enfitar a fotografia sen coñecer a historia podería concluír que estamos diante dun equipamento que o Partido Popular vén impulsando ou sostendo desde a súa orixe. E precisamente aí é onde a memoria do Museo Mares de Cedeira obriga a introducir algunhas precisións.
O museo “non naceu do PP nin da Xunta”. Naceu da iniciativa da xente de Cedeira, co labor decisivo de Xose de Vigo, que durante anos imaxinou, reuniu, convenceu e traballou para recuperar a memoria mariñeira de Cedeira e dos dous primeiros promotores Vicente Rey e Eduardo do Mimo e as persoas que os acompañaron. Ten o da Confraría, que cedeu o espazo. Ten os de centos de cedeireses que abriron armarios, faiados e casas para coas coleccións e doazóns de moitos veciños e veciñas e coa participación da Confraría. E cando aquel proxecto necesitaba pasar da vontade á realidade institucional, o impulso definitivo chegou despois do cambio de goberno municipal de 2015, con María Xosé Rodríguez, concelleira nacionalista do BNG à fronte de Cultura que desde o goberno municipal lle deu o necesario pulo institucional nun momento no que o proxecto chegaba con compromisos sen executar e un acordo aínda sen asinar. Esa historia non lle resta un só euro de valor á axuda que acaba de conceder a Xunta. Se cadrar réstalle un chisco. Resta, si. De honestidade.
Porque simplemente evita que 6.500 euros e unha fotografía sexan máis visibles que dez anos de memoria, traballo colectivo e compromiso coa cultura de Cedeira.
Porque se algo nos ensina precisamente o Museo Mares de Cedeira é isto: conservar o patrimonio non consiste só en gardar os obxectos. Non en negarlle o pan e a auga e despois chuchar os dedos.
Consiste tamén en lembrar quen os salvou.
Ese contraste é particularmente significativo hoxe. Porque na fotografía está tamén Xulio Cribeiro, actual portavoz do PP cedeirés. E o proxecto que agora os representantes populares visitan e reivindican chegara precisamente ao final do anterior mandato municipal do PP con compromisos aínda sen executar: segundo a información publicada en xuño de 2015, permanecían pendentes o acondicionamento do local e a sinatura do acordo marco entre Concello, Asociación Mares de Cedeira e Confraría.
Trátase simplemente de que a fotografía de 2026 non reescriba a cronoloxía de 2014, 2015 e 2016.
Desmemoriados, mas non tanto.







