O Concello de Cedeira vén de publicar un comunicado e varios carteis nas redes sociais nos que pide á veciñanza un esforzo colectivo para aforrar auga. Para dar exemplo, pechou as duchas das praias, suprimiu o rego das zonas verdes municipais e cancelou unha festa de escuma. Todo iso pode ser razoable nun contexto de seca. O problema é outro: mentres se pide á xente que aforre cada litro, o próprio sistema de facturación municipal segue cobrando litros que non se consumen. Esa contradición é difícil de xustificar.
A chamada á responsabilidade ambiental é necesaria: a seca é un problema serio e require colaboración colectiva. Mas esa chamada perde autoridade cando convive cun sistema que factura un consumo mínimo fixo con independencia da auga realmente utilizada, e que mesmo cobra o saneamento dunha auga que nunca pasou polo contador.
Dito claro: mentres se manteña un “consumo mínimo” fixo —45 m³ por trimestre nas vivendas e 60 m³ nos locais comerciais—, a campaña municipal de aforro nace coxa. A veciñanza pode ducharse menos, pechar mellor a billa e reducir consumos, mas ao final do trimestre seguirá pagando unha cantidade de auga que quizais nunca saíu da rede. Así non se premia o aforro: neutralízase.
O QUE SIGNIFICA REALMENTE UN “MÍNIMO” FIXO
Convén explicalo sen tecnicismos: se unha vivenda fai caso das recomendacións e ao final do trimestre o contador marca, por exemplo, 5 m³, a factura non se axusta a ese esforzo. Cobraranse igualmente 45 m³. É dicir, 40 m³ que non saíron da billa. E aínda máis grave: tamén se cobra o tratamento desa auga inexistente no concepto de “sumidoiros”, coma se tivese sido conducida e tratada na depuradora.
A consecuencia é directa: o incentivo económico para aforrar, que debería ser o corazón de calquera política responsabel en tempo de seca, fica anulado pola propia factura.
En economía ambiental isto é un sinal de prezo roto. Para que a cidadanía cambie hábitos, o prezo debe responder ao consumo real. Se case custa o mesmo consumir 1 m³ ca 45 m³, o sistema está dicindo algo moi distinto do que di o cartel institucional: aforrar está ben, mas a factura non o vai recoñecer.

OS DADOS NON MINTEN: DENDE O INE ATA A PROPIA EMPRESA
Non se trata dunha afirmación ao chou. Segundo a última Estatística sobre o Subministro e Saneamento da Auga do INE (dados de 2024), o consumo medio en Galicia é de 115 litros por persoa e día. Segundo o Censo de Poboación e Vivendas 2021, o fogar medio de Cedeira ten 2,2 persoas. Cruzando ambos os dados: 2,2 × 115 × 90 días = 22,8 m³ por trimestre é o consumo previsible dun fogar medio real de Cedeira. Fronte a iso, factúranse 45 m³: case o dobre do que un fogar típico do municipio consome realmente.

O cálculo anterior parte de medias estatísticas, pero nin sequera é preciso acudir só a elas para comprobar o problema. Nas facturas reais de Cedeira figura un recadro coa seguinte indicación: “O consumo medio anual doméstico no teu municipio é 41 m³”. Trasladado a un trimestre, esa cifra equivale a 10,25 m³. Porén, a facturación mínima é de 45 m³: máis de catro veces por riba dese consumo medio trimestral.
Ollo: non é unha estimación externa nin un cálculo interesado. É un dato fornecido pola própria empresa xestora —de nome variable cada certo tempo—, referido expresamente a Cedeira. É dicir: quen emite as facturas recoñece que o consumo medio anual doméstico é case 4,4 veces inferior ao que se lle cobra a un fogar como “mínimo” anualizado. O problema, polo tanto, non está nos datos: está na tarifa.
OS LOCAIS COMERCIAIS
Hai un aspecto que adoita pasar desapercibido e que paga a pena deixar claro: o “mínimo” para os locais comerciais en Cedeira non é de 45 m³, senón de 60 m³ por trimestre. Un 33 % máis ca nunha vivenda.
Iso podería ter certo sentido nun local de hostalaría, que ten un consumo de auga real e alto. Mas non nos locais comerciais como tendas de roupa, oficinas, librarías, etc. Son locais onde a auga se usa, como moito, para un aseo e para a limpeza do local. O seu consumo real previsible está moi por debaixo do que se lles cobra cada trimestre.
A pregunta é inevitabel: que criterio técnico permite meter no mesmo saco, para efectos do “mínimo”, un restaurante e unha tenda de roupa? Se non hai unha resposta sólida, non estamos ante unha tarifa ben deseñada, senón ante unha regra cómoda para quen factura e inxusta para quen paga.
O ARGUMENTO DOS CUSTOS FIXOS
O Concello argumenta que o “consumo mínimo” se explica polos custos fixos da xestión do servizo (privatizado): mantemento da rede, persoal, investimentos… É certo que todo servizo público ten custos fixos. Iso non autoriza a disfrazalos de consumo inexistente. Un custo fixo debe chamarse custo fixo; o que non se pode facer é convertelo artificialmente en metros cúbicos que ninguén gastou.
A solución é coñecida e tecnicamente sinxela: separar conceptos. Unha cota fixa de dispoñibilidade para cubrir o feito de ter o servizo operativo, e unha cota variabel proporcional ao que realmente se consome e se verte. Non é unha hipótese teórica: EMALCSA, na Coruña, factura por separado unha “cota de dispoñibilidade” e unha “cota de consumo”, tanto na auga como no saneamento. Ese modelo permite cubrir custos fixos sen imputarlle ao usuario litros inventados.
Calquera factura eléctrica ilustra isto con claridade. Nela conviven dous conceitos: o termo de potencia, unha cota fixa que se paga todos os meses por ter contratada certa capacidade, aínda que a vivenda quede baleira e non se gaste nin un watt; e mais o termo de enerxía, o que realmente se consome, medido en kWh. Ninguén discute o pagamento do termo de potencia sen consumo: cobre o custo de ter a rede dispoñibel. Porén, se unha compañía eléctrica facturase enerxía cando o contador marca cero, sería considerado un abuso, e con razón. Iso, trasladado literalmente á auga, é o que ocorre hoxe en Cedeira.
O QUE DI A LEI
Non se trata só dunha cuestión de sentido común, senón dunha obriga legal que vai na dirección contraria ao sistema actual. O artigo 12.3 da Lei 9/2019, de garantía do fornecimento en episodios de seca —a norma feita precisamente para situacións coma a que hoxe recoñece o propio Concello—, prohibe expresamente establecer “mínimos exentos que desincentiven o consumo responsable” e limita a facturación aos servizos “efectivamente prestados”. O artigo 9.1 da Directiva 2000/60/CE esixe que a política de prezos incentive o uso eficiente da auga, e o artigo 111 bis do Texto Refundido da Lei de Augas obriga a estruturar as tarifas por tramos de consumo real, evitando a duplicidade na recuperación de custos. Cobrar saneamento por auga non consumida non encaixa con ese marco: contradío.

UN PASO XA DADO
Cómpre subliñar que este debate xa non está no terreo das impresións. Ante a Valedora do Pobo (expediente E.7.Q/13478/23), o propio Concello recoñeceu por escrito que a tarifa actual non cumpre os principios dunha auga xusta e equilibrada. A parte máis difícil —admitir que existe un problema— xa está feita. Agora xa non abonda con pedir paciencia nin remitir todo a un futuro contrato de xestión: cómpre corrixir a factura para que cobre o que o contador mide.
PARA REMATAR
A necesidade de aforrar auga este verán é real, e cumprir as recomendacións municipais é unha responsabilidade compartida. Pedir sacrificios á veciñanza mentres se mantén unha tarifa que cobra auga non consumida é unha contradición política, económica e ambiental. Unha campaña de aforro só será crible se a factura acompaña a mensaxe.
O Concello xa recoñeceu por escrito que existe un problema e a empresa xestora dispón dos dados reais de consumo. Polo tanto, a conclusión é sinxela: menos carteis e máis coherencia tarifaria. Que cada fogar pague polo que realmente consome, e que os custos fixos se cobren polo seu nome, non disfrazados de auga que nunca saíu da billa.
Recentemente a Valedora do Pobo foi informada da situación de inacción do Concello de Cedeira. Axiña haberá resposta.
Expediente ante a Valedora do Pobo: E.7.Q/13478/23
Fontes: INE, Censo de Poboación e Vivendas 2021; INE, Estatística sobre o Subministro e Saneamento da Auga, 2024; EMALCSA, cadro de tarifas vixentes; aviso de consumo medio municipal documentado nunha factura real
#Cedeira #Auga #ValedoraDoPobo #Lei9_2019 #Seca2026
















Pingback: Da «seca crítica» à rega em dez dias: que mudou na auga de Cedeira? | Olhaparo
Bo análise. Cómpre unha factura de consumo real. Quizais sexa necesario un bono social para as familias con moitos membros ou en estado de necesidade.
Olá. Excelente artigo.
Botobem falta um aspeto que complica a situação: a pressão turística.
Se a taxa fixa for a mesma para todos, os residentes acabam por pagar as medidas polo exceso de consumo e um eventual investimento para o sobredimensionamento da rede, que seria necessario para satisfazer a demanda no verão.
Talvez aí haveria que meter tarifas diferenciadas, uma para residentes, empadronados, cuma tarifa baixa, e outra para alojamentos turísticos, estações para autocaravanas e demaia, cuma tarifa elevada.
Buscar medidas para incentivar o aforro, mas também para queo turismo pague o que custa.
Grazas Pablo!
Totalmente de acordo. De feito, habería tamén que coñecer se o crecemento urbano-turístico está contemplando ampliar a xa de por si petada depuradora.
A este paso os nativos rematarán en reservas na periferia mentres o downtown se enche de souvenirs. Dende logo nada de todo isto é política progresista e social. Gran invento o turismo, disque. ♂️ para algúns si.
E falo como nativo non empadroado por razóns (ata agora) laborais.
No tocante à vivenda também nos metemos em terreno irregular. Não só co tema da auga. Irregular de irregularidades legais e desleixo competencial.
Porque muitas vivendas estão a ser convertidas a turísticas ilegalmente e o concelho, ainda que não tem competências, pode e deve velar pólo cumprimento da Lei e denunciar.