Fai uns días achegueime coa miña neta á beira da Madalena, ao pé do río. Volvín para a casa cunha certa preocupación e pensei que pagaba a pena compartila. Quero facelo, ademais, en positivo, partindo dunha idea que debería ser común a todos: buscamos o mellor para Cedeira. Como vivo fóra por razóns de traballo e veño menos do que quixera, chamoume especialmente a atención a pouca area que queda entre as pontes e, sobre todo, o aparente descalce que semella estar a producirse desde a zona dos xardíns. Resultoume particularmente preocupante o estado da ponte da Praza do Peixe, onde o deterioro é visibel.
Mirar tamén debaixo da area
Non son enxeñeiro estrutural e, por tanto, non me corresponde facer ningún diagnóstico. Pero hai cousas que o sentido común aconsella comprobar. E penso que o estado desa ponte merecería, cando menos, unha valoración por parte de profesionais cualificados.
Do que si podo falar con algo máis de fundamento é de dinámica litoral, de oceanografía física e, sobre todo, de moitísimas horas mirando como se comportan o mar, o río e o areal. Xa desde os anos oitenta, xunto a Xosé Antón Brocos —colega e compañeiro sempre comprometido—, tivemos ocasión de observar durante anos esa respiración da ría.
No verán, o mar facía subir río arriba enormes cantidades de area mariña, a coñecida «conchuela», formando aquela media lúa intermareal tan característica do esteiro. A propia cartografía histórica permite comprobar ata que punto a xeometría da praia e da desembocadura forma parte da historia física de Cedeira.
Os ventos de N-NE, predominantes durante o bo tempo, contribuían a manter ese equilibrio dinámico do esteiro do Condomiñas. Cando chegaba o inverno e cambiaba o réxime de ventos cara ao W-SW, o proceso invertíase.
É dicir, aquilo movíase. E esa é, ao meu entender, unha das cuestións fundamentais. Un areal, unha desembocadura ou un esteiro non son unha fotografía que poidamos deixar fixada para sempre. Son sistemas dinámicos nos que area, vento, ondaxe, correntes e río buscan continuamente novos equilibrios.
As recentes obras da Madalena incorporaron un novo espigón destinado precisamente a estabilizar a liña de costa e a ordenar a desembocadura do Condomiñas. A curto prazo, unha actuación deste tipo pode fixar area, reorganizar o areal e ofrecer unha praia magnífica para o uso recreativo.
A pregunta é outra: como responderá o conxunto cando cheguen os temporais fortes? Porque chegarán.
Temporais dos que baten contra o paseo e fan saltar as tapas dos pluviais dos xardíns e se atopen con que ese dique non só non frea o embate senón que podería aceleralo polo efecto Venturi. Neste momento, a cuestión relevante non será só canta area hai na praia, senón como entra a enerxía da ondaxe na ría, como a canalizan as diferentes infraestruturas e onde acaba descargándose. E se esa enerxía chega ata unha zona na que unha ponte está descalzada ou estruturalmente deteriorada, prefiro non aventurar o que podería ocorrer.
Precisamente por iso penso que paga a pena botarlle un ollo agora.
Pero tamén creo que, máis cedo ou máis tarde, haberá que afrontar o problema de fondo e non quedar exclusivamente na estética ou na estabilidade temporal do areal.
Aquí aparece unha circunstancia administrativa importante. As actuacións na praia corresponden á Administración do Estado a través de Costas, mentres que o dique de abrigo e as infraestruturas portuarias dependen de Portos de Galicia, é dicir, da Xunta.
E o mar, naturalmente, non entende de reparticións competenciais.
Podemos actuar sobre a praia, sobre a duna, sobre o río ou sobre o paseo, pero se unha infraestrutura portuaria está modificando a forma na que a ondaxe penetra e se distribúe pola ría, tamén deberiamos poder estudar esa variabel.
Hoxe existen ferramentas de modelización numérica que permiten simular correntes, ondaxe, transporte de sedimentos e comportamento de infraestruturas costeiras. Na propia Universidade da Coruña hai capacidade investigadora neste campo.
Por que non empregala?
Non estou dicindo que haxa que desmontar ningún dique nin propoñendo solucións desde unha mesa de café. Estou dicindo algo bastante máis modesto: modelicemos o sistema completo.
Quizais unha pequena modificación na punta do dique de abrigo podería reducir determinados efectos. Quizais non. Quizais habería alternativas mellores. Para sabelo están precisamente os modelos, os enxeñeiros, os oceanógrafos e a experimentación técnica.
Había que estudalo e, se procede, ir probando.
Tampouco existe unha «solución definitiva». A subida do nivel do mar e o incremento do risco costeiro asociado ao cambio climático obrigan a pensar estas intervencións a medio e longo prazo. E hai ademais unha realidade histórica imposibel de esquecer: unha parte importante de Cedeira está construída sobre o que foi un sistema de areal e marisma.
Iso non o podemos cambiar.
Pero si podemos actuar sobre aquelas variabeis que aínda son modificabeis. E se unha delas é a configuración do dique de abrigo, construído hai décadas, non vexo por que non debería formar parte do debate.
Mesmo podería estudarse se parte dos materiais empregados nas actuacións recentes servirían para pequenas correccións experimentais, sempre, evidentemente, baixo criterio técnico.
Non afirmo ter a solución. Precisamente o contrario.
O que afirmo é que hai suficientes indicios para estudar o problema como un sistema único: porto, dique, ría, Condomiñas, pontes, paseo e praia da Madalena.
Porque o mar tampouco os separa.
Digo todo isto, coma sempre, pensando no mellor para Cedeira. As críticas, as correccións e as opinións favorabeis ou contrarias serán benvidas sempre que axuden a comprender mellor o problema.
P.D.
Botei en falta, durante todo este proceso, un foro realmente participativo no que a veciñanza puidese recibir información obxectiva, escoitar distintas posicións técnicas, preguntar e expresar libremente a súa opinión.
E cando digo participación non me refiro a sentar diante dun PowerPoint e escoitar unha explicación unidireccional.
Refírome a algo moito máis sinxelo e, ao mesmo tempo, máis democrático:
información, preguntas, respostas e debate real.

Necesario!