O 12 de agosto de 2026 Galicia vai vivir algo que non se repetirá en varias xeracións: o primeiro eclipse total de Sol visible desde a Península en máis dun século. Cedeira atópase entre os puntos privilexiados: no miradoiro de San Antón de Corveiro, lugar de fonda tradicións para a xente da nosa vila. A Lúa cubrirá por completo o Sol durante perto de minuto e corenta e tres segundos, unha das duracións máis longas de toda Galicia. Un instante en que o día se fai noite, baixa a temperatura, e se fan visibles a coroa solar, os planetas e as estrelas nun ceo que deixará de ser o de sempre por uns segundos irrepetibles no que nos quede de vida.
É un fenómeno natural, universal, único, para vivir en silencio.
E aí está o problema. Porque no canto de protexer ese instante —e protexer, tamén, o lugar que o acolle—, o que se organizou para ese mesmo miradoiro, á mesma hora, é a inauguración da décima edición dun festival de jazz, con autobuses lanzadeira gratuítos saíndo do centro da vila para levar xente ao cabo.
Non hai nada de malo nun festival de música. O que resulta unha aberración é facelo alí, ese día, sobre ese silencio concreto: convertir un dos poucos lugares de Galicia onde a totalidade dura o suficiente para ser vivida con calma nun escenario de altofalantes e autobuses, coma se o eclipse precisase dun cartel de actuacións para xustificarse.
Hai lugares onde a tradición non é decorado, é memoria viva. E Cedeira, coma tantas vilas mariñeiras da nosa costa. Xa que logo, ¿que din os rumorosos nesta costa verdecente? O que se debería poder escoitar o 12 de agosto en San Antón é o rumor do mar, do vento nos piñeiros, do propio silencio colectivo. Non un concerto.
Nacer nunha vila MARIÑEIRA en comunidade local foi fantástico.
Morrer nunha vila TURÍSTICA onde manda o panem et circencis, moi triste.
Opa Cedeira!












