off
Ecoloxía, Mar e Pesca, Meio ambiente, Opinião — 26 Setembro, 2022 at 6:45 p.m.

Reflexión sobre a veda á pesca de fondo en algunhas zonas de augas profundas

by

Na voráxine mediática destes días, tras o toque de rebato de “quen paga manda”, botei de menos unha divulgación rigorosa máis sinxela de comprender, así como unha pousada reflexión pública. Por aquilo de que unha imaxe vale máis que mil palabras, fixen un mapa que ilustre, dunha ollada, cales son as zonas xunto coas profundidades nas que se vai vetar a pesca de fondo en Galicia, sobrepoñendo no Google Earth un plano das zonas. Exacto non é, pero si cunha precisión sobrada como para concluir que é certo que as zonas son en augas moi profundas, e que non é tanta a afección coma o medo apocalíptico que axitan eses medios.

Non é a miña pretensión dirimir se a Comisión fixo todos os trámites preceptivos ou non. Cíngome a aspectos vencellados á bioloxía e á pesca, pois ningún destes problemas é novo. Abonda con revisar hemerotecas para ver que laiarse de ruina inminente é algo habitual, real na baixura, pero non tanto na pesca desa gran escala onde o armador e dono do barco adoita non ir a bordo.

A pesca de baixura de Galiza non se verá afectada para nada, agás algún barco que faene moi por fóra de caladoiros afastados como, por exemplo, a Selva (35 millas ao NW de Cedeira). Queda libre toda a plataforma continental e case todo o cantil. Xa que logo, ten razón de ser esta “alarma apocalíptica” coa teima de “acaban co sector pesqueiro”?

Vexamos:

No mapa pódese ver que todas as zonas están nos cantís profundos, NON na plataforma, como dicía antonte -erróneamente- un columnista político deformación científica. Polo tanto, non se ve afectada para nada a plataforma continental, nin sequera case todo o cantil, como podedes ver. De feito, a norma quedáse moi curta, pois eses fondos SI son ecosistemas mariños moi vulnerables.

Algún medio semellaba darlle importante a se eran máis os arrastreiros que os pesqueiros con artes e aparellos fixos (palangre e redes de enmalle). Descoñezo que querían transmitir indo por esa vía.

Clarexemos: aínda que sexan menos en número os arrastreiros, os danos que fan pon onde pasan (fondos de pedra ou area) son devastadores para o ecosistema e non son selectivas. Tanto ten a profundidade na que faenen. Arrasan con todo.

Por outra banda, debemos recoñecer que as redes de enmalle están no mar en número moi superior ao autorizado (de todos é sabido) e perdense acotío. No fondo do mar seguen pescando e matando, por selectivas que sexan.

Así as cousas, as vedas espazo-temporais son necesarias na plataforma, e nos ecosistemas mariños profundos, estas deben ser permanentes, xa que eses espazos non son capaces de recuperarse dos danos debido á lentitude coa que transcorren os procesos biolóxicos a presión de varios centos de atmósferas.

Na augas profundas o palangre e o enmalle captura peixes adultos que producirán millóns de crías peláxicas que irán vindo á costa como plancton e de aí, a ser cariocas, rapiños etc… A veda espacial é o mellor xeito de regular isto. Pescar adultos, si, controlar esta pesca, tamén.

Por estes motivos, protexer esas zonas profundas, beneficiará a curto-medio prazo á pesca en xeral na plataforma galega.

En conclusión, (1) non se poden pescar peixes que non tiveron a oportunidade de reproducirse polo menos unha vez (xuvenís), (2) débese controlar a captura de adultos e, por suposto, (3) protexer os ecosistemas mariños en xeral e, nomeadamente, os máis vulnerables: as augas profundas.

Máis alá de “defectos de forma” é necesario continuar defendendo a sostibilidade do mar, porque deste xeito tamén se defende aos pescadores. Non en base ao curtoprazismo instalado na política en xeral mediante a movilización dos medios con anzol ben engadado en euros cos cartos de todos.

> Nesta súpeta voráxine da “defensa” de pesca de Galícia cómpre fitar que todo semella unha falacia, pois a recuperación do mar redundará en beneficios para todos, non só para os grandes buques.

A curto prazo prazo, como todo, terán que deixar de ir a esas zonas. Pero non os pesqueiros das vilas mariñeiras onde o armador vai ao mar, senón aqueles grandes portos onde o propietario queda en terra. Aí ao mellor é onde habería que facer algún estudo “económico”: trazabilidade do peixe si, e trazabilidade dos cartos… tamén.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off