Hai uns meses no portal cubadebate.cu, aparecía a noticia de que perto do 15% dos corais do mundo desapareceron nos derradeiros 10 anos, sendo esta unha cantidade maior do que todos os corais vivos hoxe na Austrália. O aquecimento das augas, coas consecuentes alteracións nos sistemas mariños, é o motivo desta perda de corais segundo o relatório “Estado dos recifes de coral no mundo 2020”, elaborado pola rede de monitorización de recifes de coral.
Ao mesmo tempo o 4 de xaneiro deste ano, publicábase no portal de novas médicas e ciencia medical express, a noticia de que os bebes nados durante o primeiro ano de pandemia, tiñan puntuacións lixeiramente menores en probas de desenvolvemento en habilidades motrices e sociais, aínda que a nai non sufrira nin padecera A Covid-19, posibelmente pola situación de estres que nos tocou vivir. O estudo no que participaron 255 bebes nados no Hospital infantil Morgan Stanley e no Hospital Allen de New York- Prebiyterian entre marzo e decembro do 2020, publicouse na revista JAMA Pediatrics.
E que fan os políticos de alto nivel co tema da mudanza do clima?. Pois máis ben pouco, mesmo podíase dicir, nada nadiña, polo menos un pouco mais do que o esperado. Hai tamén uns meses, concretamente o 17 de outubro do 2021 e o 24 de decembro dese mesmo ano, coñecíase que os bancos para o desenvolvemento de carácter público e que están pensados para loitar contra a pobreza en determinados países, coa aportación de créditos a moi baixo o nulo custe cuxa finalidade é levar o “desenvolvemento”, investiron fortes sumas de diñeiro en por exemplo deforestar zonas de África como Liberia, para favorecer os agro-negocios nun contexto, onde o cambio climático que imos padecer, nestes países aínda vai ser máis doloroso. Porque cando todo o que tíñamos que facer era reflorestar como outros países da rexión están facendo, nosos líderes políticos axoellaran aos intereses das grandes multinacionais, para usar cartos moitas veces públicos, en contra das comunidades locais e de numerosos colectivos e organizacións sociais que loitan por unha agricultura sustentábel en beneficio das súas xentes. Perto de 300 organizacións sociais mundiais, asinaron un documento esixindo o fin do despoxo dos recursos,o fin do control corporativo da alimentación e o fin do roubo de terras aos pobos e comunidades locais, días antes do segundo cumio mundial chamado (Finanzas en Común), que tivo lugar en Roma os días 19 al 20 de outubro do 2021. Mas parece que os nosos dirixentes unha vez máis, fixeron seu o de por un ouvido entrame e polo outro sáeme, xa que declararon como prioridade, potenciar aínda máis o agro-negocio. Agro-negocio que é responsábel de unha gran parte do Kaos climático que estamos a vivir. Desde a desaparición de insectos, entre eles os grandes polinizadores, a contaminación por nitratos da maior parte das augas superficiais e subterráneas, a perda de biodiversidade quer na flora quer animal, a deforestación, o uso masivo de químicos a gran maioría controlados por 5-6 multinacionais farmaceúticas, a perda de sementes mercado este controlado por 3 farmaceúticas, responsábeis da cuarta parte das emisións de gases de efecto invernadoiro, responsábeis da desertificación de moitas zonas do planeta polo seu elevado consumo de auga( entre o 60-70% da auga doce do planeta, é consumida por este tipo de negocios agrícolas).
É claro que ese tipo de agricultura e pecuária non precisa ter un lugar na Terra. Porque a polémica creada a raíz dun bulo, que unha vez máis demostrounos a capacidade da dereita extrema e da extrema dereita de influír por medio de mentiras e manipulacións, na vida do estado español, refírome ao tema das macro-granxas, onde unha vez máis o crack do PP o Sr Casado, volveu a facer un enorme ridículo e quedar como o cú se me permiten vostedes a expresión, dando unha roda de prensa para falar das macro-granxas en medio de unha gandería de porcos extensiva (é que fai falla ser lelo con perdón, mais o tiña que dicir) demostra o poder destes grandes emporios, que ali onde aséntanse, producen despoboamento e abandono do rural polas súas xentes, grande contaminación por estércol de augas e terras (termos o caso da Limia con Coren) maltrato animal quer físico quer psicolóxico, cheiros insoportábeis para ao final, producir unha carne de máis mala calidade e que máis que alimentar en moitos casos, é responsábel quer total quer parcial atrévome a dicir de certas doenzas que despois intentan curarnos con bioquímica, os mesmos que envelenaron os alimentos, os mesmos que con estes alimentos pouco saudábeis, nos produciron as doenzas que agora tentan tratar: Negocio redondo.
Xa para rematar, é indubidábel que debemos mudar de sistema económico, xa que, este é a raíz do problema ao que se enfronta a especie humana e outras especies, este é o verdadeiro causante da mudanza climática. O noso hábito de alimentarnos, xunto co sistema imposto de producir comida, o cal, é nefasto para os ecosistemas desde mediados do século pasado coa mal chamada revolución verde, que encheu de tóxicos os nosos alimentos e até atinxir a cadea trófica, aumentou desproporcionadamente o consumo de auga e enerxía fósil para producilos de xeito intensivo. É fulcral, repito, muda-lo e volver aos sistemas tradicionais de toda a vida, que tiñamos antes dos anos 50-60 do século pasado.
A gandería extensiva só trai beneficios, quer aos animais quer aos ecosistemas onde se asenta. Desde regular os pasteiros co propio pastoreio dos animais -xa que sen eles sería imposíbel- secuestrando carbono e evitando incendios, non competindo polo alimento deste gando con recursos para a alimentación humana entre outros, alén de ter os animais en espazo aberto que achega benestar quer físico quer psicolóxico, fan que este tipo de gandería sexa a máis acaída para que poida conviver coa natureza e, aliás, para alimentar as persoas. E non o sistema intensivo que, conforme listado anteriormente, ten múltiples problemas tanto para conviver co meio ambiente canto para producir comida saudábel.
De calquer forma, é fundamental que nós, humanos, pensemos noutra forma de nos alimentarmos, reducindo, se non parcialmente, noso consumo de proteína animal e substituindo-o por proteína vexetal, pois hoxe é o mais saudábel para nós, como tamén é o mais saudábel para a natureza





























































