off
Galiza, Movementos sociais — 20 Decembro, 2021 at 11:55 a.m.

A Plataforma pola remunicipalización reitera o seu compromiso de recuperar a xestión pública dos servizos básicos agora privatizados en Ferrol

by

A encomenda de xestión das instalacións EBAR, EDAR, emisario terrestre e emisario submarino, do sistema de saneamento e depuración, caduca o 31 de decembro deste ano 2021. A Plataforma pola remunicipalización dos servizos pide que Augas de Galicia  asuma a xestión pública dos servizos básicos agora privatizados, acometa as  transformacións necesarias do sistema para facelo máis sostíbel e exixe transparencia e compromiso na defensa dos intereses das veciñas e veciños de Ferrol  por parte do Alcalde

Na actualidade estas instalacións están xestionadas por EMAFESA como encargada final dun encadeamento de encomendas de xestión por convenios, entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Augas de Galicia, entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol e un caducado Protocolo de Execución Concertada entre o Concello de Ferrol e Emafesa. Outra das razóns é que chegou a coñecemento desta Plataforma a existencia dun documento elaborado pola propia Augas de Galicia (Xunta de Galicia) para dar unha saída a esta situación que mantén ademais en conflito aos concellos de Narón e Ferrol. Tratado nunha reunión a tres bandas (o martes 26 de outubro), polo que sabemos, sen chegar a ningún acordo. Un documento onde se ofertan tres saídas diferentes para a xestión das infraestruturas:

    • A primeira, que a xestión das instalacións sexa devolta a Augas de Galicia e que ACUAES siga xestionando os tanques de tormenta, colectores e interceptores.
     
    • A segunda saída proposta é a creación dun ente supramunicipal que se encargue da xestión de todo o sistema, coa participación das empresas mixtas (EMAFESA e COSMA) e que dentro de 6 meses asuma a xestión do sistema de interceptores que leva ACUAES con VIAQUA.
     
    • A terceira é manter por separado a xestión de cada concello, cunha maior asunción de carga por parte do concello de Ferrol, como viña sendo até agora.

    • O concello de Narón manifestou xa o seu rechazo á terceira opción, apoiando a primeira, que a xestión sexa asumida por Augas de Galicia, mentres non se crea o ente supramunicipal necesario para darlle unha xestión de ámbito local.

    • A postura desta Plataforma coincide con devolver a Augas de Galicia a xestión do sistema de saneamento e depuración (incluído o que xestiona ACUAES) porque este ten un carácter supramunicipal e a xestión debe ser única e centralizada, para optimizar custes e aproveitar as sinerxías, e porque non se pode confiar na empresa que o ven xestionando ao longo destes anos pola cantidade de irregularidades e incumprimentos que desde hai anos ven realizando: lecturas estimadas abusivas para facerse con liquidez a consta das abonadas; facer definitivo o que era provisional, aplicando consumos lineais por non instalar contadores nos barrios de Recimil e San Pablo; cobro de depuración sen que existise o servizo enganando ate o mesmo goberno municipal; non facendo ningún investimento no rural, sendo este un dos compoñente para o cálculo do prezo da taxa que se nos cobra; retención e non pago do canon concesional; retención despois de telo recadado do canon da auga… E apoiamos a creación dese ente supramunicipal entre os dous concellos, sempre que se trate da xestión directa mancomunada dunha empresa pública que reverta os beneficios en mellorar o sistema reducindo custes enerxéticos e custes ambientais. Para iso temos exemplos onde mirar como pode ser o modelo da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros  que constituíron en 2013, a empresa pública Edar Bens SA, co fin de xestionar de xeito conxunto a depuración das augas residuais dos cinco concellos, convertendo-se na primeira empresa supramunicipal de Galiza.

    • Nese sentido,  Augas de Galicia debe asumir a xestión do sistema para transformalo conforme a criterios de sustentabilidade, respecto ao medio e optimización de custos. Asistimos a unha suba do custe eléctrico exponencial. O modelo imposto ao concello de Ferrol é un modelo insostible, que non só é unitario (eliminando a separación de augas pluviais e residuais), senón que ademais, ten unha estación de bombeo para lanzar as augas residuais a case 50 metros de altura para que completen o seu camiño ate a EDAR de Prioriño. Un despropósito que cada día sae máis caro e que se debe transformar inspirándose nos modelos antes citados de aproveitamento enerxético e redución de custes ambientais de EDAR BENS.

    • O goberno municipal de Angel Mato, ante esta situación actúa con total falta de transparencia, ocultando o documento e sen dar conta do acontecido nas reunións a tres bandas, sen dar conta nas comisións informativas municipais, nin convocar xunta de portavoces, … Actuando así para continuar na sua liña de favorecer o aumento de negocio da empresa mixta EMAFESA e o seu socio privado SOCAMEX, que nestas alturas non deberan xestionar ningún servizo municipal, dadas todas as  irregularidades e incumprimentos que como mínimo deberan estar recollidos nun expediente administrativo por incumprimento de contrato.

A Plataforma reitera:

1º Que Augas de Galicia debe asumir a xestión do servizo de saneamento e depuración no seu conxunto mentres non se cree o ente supramunicipal que se faga cargo da xestión a nivel local.

2º Que Augas de Galicia debe asumir as transformacións necesarias do sistema para facelo máis sostíbel (transformación gradual nun sistema separativo, innovación tecnolóxica, aproveitamento das augas residuais -biogás-  e  a súa caída como fonte de enerxía, turbinas eólicas, enerxía solar, optimización e redución dos custes eléctricos…) seguindo o modelo da nomeada empresa supramunicipal pública EDAR BENS.

3º Exiximos transparencia e compromiso na defensa dos intereses das veciñas e veciños de Ferrol, por parte do Alcalde, señor Mato e o seu goberno, facendo fronte común co concello de Narón, poñendo punto e final aos abusos da empresa EMAFESA no noso concello, impedindo que aumente de xeito irregular o seu volume de negocio .

4º O fin último desta Plataforma é recuperar para a xestión pública os servizos básicos agora privatizados… Sabemos que a maioría da representación política no Concello non está pola labor, mesmo no caso da limpeza viaria e recollida de residuos sólidos, que terían agora a oportunidade, prefiren estar cunha prorroga ilegal dun contrato caducado hai 7 anos, a rescatar o servizo para a xestión pública. No caso concreto do servizo de saneamento e depuración estaría complicado porque neste momento, na corporación cohabitan o alcalde e dous ex-alcaldes, cuxa política propiciou a posición de abuso e impunidade da empresa EMAFESA e o seu socio privado SOCAMEX,  que cobrou á veciñanza máis de 7 millóns de euros por un servizo que non prestaba. Cobrando  como se foran máis de 67 millóns de m³ de augas residuais as que pasaron pola depuradora, cando na realidade só foron pouco máis de 9 e cobrando como si se consumiran máis de 37 millóns de Kw/h cando en realidade só foron pouco máis de 7.  Cargando deste xeito os falsos custes, de 31 meses do período que durou a reparación, arranque, posta en marcha e probas do sistema, a unha parte da veciñanza de Ferrol

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off